Divino Salvador de Taragoña é unha parroquia situada ao norte do concello de Rianxo, na comarca da Barbanza. Linda ó norte co concello de Boiro e a parroquia de Araño, ó oeste co concello de Boiro, ó leste coas parroquias de Asados e Rianxo e ó sur coa ría de Arousa. Segundo o padrón municipal (INE 2013) ten 2.252 habitantes (1.174 mulleres e 1.078 homes) distribuídos en 30 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 2.673 habitantes.

O alcume que reciben as xentes de Taragoña é o de "Cangrexeiros". Este sobrenome é orixinario dunha peculiar historia dun veciño da parroquia chamado Felipe "O Delgado" que vivía no Burato, unha persoa de familia adiñeirada, que foi vendendo todo o seu capital e gastando os cartos ata que quedou sen un real, logo o home ía comer ás casas dos veciños e borralleiras. Asemade nos días de marea ía á ribeira á praia da Torre para mariscar e botar algo á boca, sendo naquela época moi abondosos os cangrexos na zona do río, e fixo unha empanada botándolle masa por riba dos crustáceos aínda vivos, escapando estes coa masa ó lombo cando lles chegou a quentura do lume.

Infraestruturas A parroquia de Taragoña está comunicada principalmente pola estrada comarcal AC-305 Padrón-Ribeira (antiga C-550), existindo outra estrada que comunica Rianxo con Taragoña, que recibe o nome de AC-7203, e que percorre Taragoña dende Poste ata Té. Tamén está comunicada a través do corredor galego AG-11 (Padrón- Ribeira), con dúas saídas na parroquia, unha no lugar de Té e outra no lugar da Igrexa. Hai que citar tamén o enguedellado sistema viario interno da parroquia, formado por distintas pistas tanto alcatranadas coma de terra que serven ós veciños de Taragoña para desprazarse.

Ademais das infraestruturas de carácter terrestre existe na parroquia o peirao de Taragoña, que posúe rampla de varadoiro, un pequeno dique e un espigón de protección que proporciona abrigo e atraque á frota de embarcacións de Taragoña.

Xeografía A parroquia de Taragoña, atópase situada no fondo da ría de Arousa, na súa parte setentrional, na zona coñecida como Enseada de Beluso. Orograficamente está constituída por unha zona de transición entre a serra da Barbanza, o val de Quintáns e o esteiro do río Ulla. A parroquia presenta unha xeomorfoloxía cun relevo de formas suaves e arredondadas, pero con cotas de certa importancia, sendo a cota máis representativa, o cumio do Castro Barbudo con 330 msnmm, que se ergue cunha singular estampa de cumio achatado. As terras da parroquia, parte en zonas de montaña e outra parte en zonas pouco accidentadas, é en xeral de boa calidade.

O val en que se atopa a parroquia desenvolveuse en dous principais bloques separados, que corren en dirección de sueste a noroeste, un na zona limítrofe con Boiro e Lousame, e o outro no interior do concello de Rianxo, de alturas máis limitadas. O espazo entre os pregos deu lugar a un val ó xeito dun triángulo, amplo e prolongado, percorrido polo río Té, no cal se asenta Taragoña. O terreo presenta moi variadas estruturas, nos vales e zonas baixas hai terras fértiles e moi produtivas, e nas abas das faixas montañosas existen grandes superficies de arboredo, que forman bosques máis ou menos densos. As partes máis elevadas acostuman ser de constitución rochosa, núa ou case espida de vexetación (Castro Barbudo). As rochas graníticas hercinianas son moi comúns como material básico constitutivo dos solos da parroquia, pero tamén existe a presenza de xistos e paraneises. Os solos da parroquia, na súa meirande parte están constituídos por "umbrisoles húmicos" (tanto de orixe de granito coma de xistos), "leptosoles umbricos" e "líticos"; e dun xeito menor por "fluvisoles" e "regosoles antrópicos".

En canto á rede hidrográfica da parroquia, o principal leito fluvial que percorre a parroquia é o río Té ou da Torre, que nace no cumio do monte Muralla (674 msnm) e percorrendo o fondo da depresión tectónica que forma o val, desembocando na punta da praia da Torre. Os outros cursos de auga presentes na parroquia son afluentes do río Té, como o rego do Floxo ou de Fóra, e o rego dos Muíños; a excepción do rego do Perito que nace na fonte da Senra e desemboca na praia da Torre.

A vexetación está marcada pola proximidade do mar. Nas zonas preto da ría hai especies como o fiúncho de mar, a herba de namorar, a xunca e o feno gris. Nas desembocaduras dos ríos e regatos atopámonos con caneiros e xunqueiras. Nas beiras dos ríos e regatos atopámonos co bosque de galería, con especies como o ameneiro, salgueiro, freixo, loureiro, carballo, sanguiño, sabugueiro etc. Cara ao interior da parroquia dánse con certa abundancia as carqueixas, toxos e xestas; asemade de existir numerosos bosques de especies alóctonas coma piñeiros e eucaliptos, e diversas sebes de arbóreas autóctonas como carballeiras, soutos e fragas.

Nesta parroquia atópase, entre a desembocadura do río Té e a punta da Posta ou Iñobre, a praia da Torre ou Salgueiriña. Este areal recibe o nome de praia da Torre, por mor da presenza dos xacementos medievais do castelo da Lúa que se atopa na parroquia veciña de Santa Comba de Rianxo. A praia é a máis longa do concello (1.200 metros de lonxitude). Asemade, existen pequenos areais espallados polos 5 quilómetros de costa que posúe a parroquia, delimitados por regatos, pedras, sebes ou cantís. Estes recunchos reciben distintos nomes: Os lados, O Pozo, Pedra do Abrigo, O Caixón, Susolmos, A Posta, Porto de Vigo, Sos Muíños, Currucho de Vella, As Caldas, Porto dos Carros, Pedra Rubia, praia do Porto e Sarillo.

Historia En relación ás culturas prehistóricas, existen diversos achados en cantidade e calidade e a teor das diferentes etapas consideradas, ata o punto de que algunhas das mesmas non apareceron restos. Ben é así no caso do Paleolítico e do Mesolítico, épocas prehistóricas que chegan ata o 4000 a. C. O Neolítico (4000 a. C. ao 2000 a.C.) marca o paso dunha economía depredatoria e recolledora a unha economía produtora, e está caracterizado pola chamada cultura megalítica, construtora de enormes monumentos de perda de índole funeraria e de diferentes tipos, e que en Galiza acostuman chamarse "pedras fitas" para o caso de menhires e mámoas tratándose de sepulcros. Existe unha mámoa que no seu momento foi escavada en parte e posteriormente destruída polo trazado da Vía de Automóbiles da Barbanza VG-1.1.

Ó apagarse progresivamente a finais do terceiro milenio a.C. a cultura megalítica, comeza a metalurxia en Galiza, que se define Idade de Bronce, baseada na aliaxe de diferentes metais (cobre, estaño e chumbo); iníciase a partir do 1800 a. C. e esténdese ata o século VI a. C. en que xorde con forza a Cultura castrexa, apoiada no emprego do ferro. Esta idade acostuma dividirse en tres etapas: Bronce inicial ata os anos 1500 a. C., co predominio do cobre; Bronce medio, entre os anos 1500 e 1100 a. C., cun forte emprego do estaño e gran riqueza artística; e Bronce final, a derradeira, cunha metalurxia ternaria de cobre, estaño e chumbo.

Durante a Idade de Ferro desenvolveuse en Galiza a Cultura castrexa, da cal a manifestación máis peculiar é un tipo especial de asentamento denominado castro, de carácter defensivo. A súa cronoloxía podería situarse dende o século VI a.C. ata o século VI d.C.; o período máis significativo é o que se estende ata a chegada dos romanos. En Taragoña, hai dous castros, o do Castriño, sobre o que se asentou parte da aldea que leva o mesmo nome, e que aparece por tal circunstancia moi desfigurado; e o do Castro Barbudo, no lugar de Ourille, que é un dos maiores da zona, dificilmente recoñecíbel como tal polo seu avanzado estado de deterioración.

A conquista da Gallaecia polos romanos durou máis dun século e realizouse por medio de diferentes loitas que se desenvolveron ó longo do século I a. C.; a romanización foi nesta rexión máis prolongada ca no resto da península, centrándose a crise e caída no século IV d.C.; a cristianización galega iniciouse no século III d.C. Está suficientemente probada a presenza dos romanos en Taragoña. A vía per loca marítima, que unía Caldas de Reis con Betanzos, desenvolvía parte do seu percorrido polo territorio taragoñés, accedendo á parroquia polas aldeas de Té e o Burato, abandonando logo a costa e saíndo da parroquia. En Taragoña, fixan moitos a situación de Claudiomerium ou Grandimiro do Itinerario de Antonino, no lugar de Cartomil, punto de enlace doutras vías que partían da calzada "per loca marítima".

A partir do século III, o imperio romano perde estabilidade política e social, deterioración que se acentúa nos séculos posteriores, ata principios do século V os seus territorios comezan a ser invadidos polos pobos de orixe xermánica e doutras procedencias. Do paso dos suevos, visigodos e musulmáns polo territorio de Taragoña non se coñecen probas documentadas. Tampouco hai referencias en relación coa etapa de formación do feudalismo, desenvolvida en Galiza nos séculos IX e X. A presión Normanda, posta de manifesto nas numerosas incursións ás costas galegas nos séculos IX, X e XI, debeu deixar sentir os seus efectos na zona de Taragoña, dada a súa proximidade a Compostela e a particular circunstancia da proximidade ó río Ulla, indubidábel vía de penetración das expedicións invasoras cara Iria.

O territorio de Taragoña foi adxudicado ó patrón de Santiago no ano 934, por privilexios do rei Ramiro II, sendo bispo Hermenexildo; posteriormente, no ano 1057, confirmouse polo rei Afonso V e polo papa Anastasio ó arcebispo Pelaio. Tivo o dominio de gran parte do seu territorio pola mitra compostelá, que exercía no cobro de rendas e impostos do mar.

O período comprendido entre os séculos XI e XIII corresponde a un grande apoxeo da era compostelá, as súas influencias deberon deixar acusadas pegadas en Taragoña e as numerosas loitas políticas tiveron que sentirse obrigadamente nestas terras. Taragoña aparece en documentos dos anos 1111 e 1158 cos nomes de Trevonium e Taragonio. Pai Gómez Chariño consta como primeiro señor destas terras, se ben descoñécese se por mercede ou por herdanza. Foi quinto almirante de Castela e tomou parte na conquista de Sevilla mandando naves galegas. Estivo casado con Dona Marina Nuñez Maldonado. As súas composicións poéticas están recollidas nos vellos cancioneiros. Morreu no 1295 a mans do seu sobriño Rui Pérez Tenorio, nunha devesa de Cidade de Rodrigo, cando conversaba cos infantes Xoán e Pedro. Sepultado en San Francisco de Pontevedra, o seu epitafio di: Aquí xace o nobre cabaleiro, Paio Gomez Chariño, o primeiro señor de Rianxo que gañou en Sevilla sendo de mouros, e os privilexios desta vila: ano do 1308. Sucedendo Evaristo Martelo Paumán, derradeiro sucesor. Entre as posesión dos Chariños, atópase unha torre fortaleza, situada na chamada praia da "Torre", en plena desembocadura do río Té que recibe o nome de Castelo da Lúa, e da que hoxe en día só quedan vestixios. As terras de Taragoña estiveron baixo poder dos Chariño ata despois da guerra irmandiña, e tras longos preitos, foi outorgado no 1532 á Mitra Compostelá, por fallo da Chancelería de Valladolid, e á mesma pertenceu ata a extinción no ano 1814.

No ano 1812 as Cortes de Cádiz, que foi o primeiro intento serio de Revolución liberal en España, van ter a súa influencia no goberno da vila e xurisdición de Rianxo. A parroquia de Taragoña, acolléndose á Constitución de 1812, e debido ó seu gran número de veciños, encabeza un movemento que intenta crear máis dun concello; intento frustrado, xa que as autoridades provinciais non autorizaron tal separación.