miniatura|Apertura do testamento, cadro de Josef Danhauser (1839) O dereito de sucesións ou sucesorio é o conxunto de normas que regulan o traspaso de bens, dereitos e obrigacións (sempre que non se extingan pola morte) dunha persoa física á morte desta. É parte do Dereito civil.
En moitos países (España entre eles) está regulado por unha lei: o Código civil, así como polos usos e costumes de cada lugar. Porén, o de España é un caso especial, pois a Constitución permite que as comunidades regulen o seu propio Dereito civil (ou Foral, segundo os casos) alí onde o haxa. Así, por exemplo, Navarra, Cataluña e Galicia contan con normas específicas para algúns aspectos.
Sucesión testada
Tódalas persoas temos dereito a dispór acerca de a quen van pasar as nosas propiedades á nosa morte. Para permiti-lo exercicio dese dereito en moitos países unha boa parte do Dereito de sucesións vai dedicada a que regras que rexen como o causante (respecto dunha herdanza, a persoa que morre) pode exercer o sobredito dereito. Así, por exemplo, no Sistema de dereito Anglosaxón a forma de dispoñer sobre as propiedades dun é un documento privado, aínda que redactado conforme ó que estipula o Dereito, chamado testamento. Ese mesmo nome se lle dá no Sistema de dereito Continental a unha escritura pública que un outorga coa mesma finalidade, pero na que ten que cumprir con máis requisitos legais. A aquela sucesión na cal o causante determinou o a transmisón das súas propiedades chámaselle Sucesión testada; asemade, o causante que outorgou testamento e dispuxo das súas propiedades recibe o nome de testador ou testante, se ben este último termo pode levar a confusión pois tamén se aplica a cada unha das leiras lindeiras doutra.
Lexítimas
Hai unha parte da herdanza da que o testador non pode dispor, a chamada lexítima, que consiste nunha fracción do total do caudal hereditario. Habitualmente está reservada para os fillos, pero o Dereito Civil de Galicia consagra o usufruto de certa parte da herdanza para o cónxuxe viúvo. Por outra banda, no Código Civil están reservados dous terzos en concepto de lexítima, dos cales un pode ser entregado en forma de mellora, o que quere dicir que pode ser entregado a un só fillo, se ben o outro debe dividirse entre tódolos fillos ou as súas liñaxes cando haxa fillos premortos que concibisen fillos. Porén, na Comunidade Foral de Navarra, o Dereito non consagra lexítima. A lexítima ten a súa razón de ser ó pretender evitar que as persoas que dependen economicamente do testador ou aquelas que compartían o uso dos seus bens con aquel, isto é, a súa familia, non queden sen unha porción da herdanza.
Testamentos
Un testamento é o documento mediante o cal o testador (persoa que outorga testamento) expón a súa vontade de establecer o futuro das súas propiedades mortis causa (expresión latina que quere dicir "por causa da morte") e explica a forma en que se han de dividi-la súa herdanza, e a quen se lle ha de entregar que parte da mesma. No testamento, o testante debe designar ós herdeiros, persoas que ademais de recibir unha porción das propiedades do defunto xestionan a sucesión. Ademais de todo o dito, o testador ten a posibilidade de asignar a herdeiro ou a cada legatario unhas cotas, de tal xrito que reciban unha parte das propiedades sen especificar cales. miniatura|Testamento ológrafo de Victor Hugo.
Testamentos de acordo co Código Civil
En España o Dereito Civil común establece (á marxe dos testamentos especiais) tres clases de testamentos:
O testamento ológrafo é o escrito do puño e letra do testador (persoa que outorga o testamento), non podendo estar escrito por ningún medio mecánico. Esta clase de testamento non debe ser presentado ante notario, aínda que, posteriormente á morte, se debe constatar que está conforme a Dereito. O testamento notarial pechado é o que o testador presenta perante notario e xa elaborado, sen que este saiba o seu contido. Este tipo de testamento si que pode ser elaborado por medios mecánicos, aínda que, nese caso, o testante debe asinar en todas e cada unha das páxinas. Así mesmo, o testador debe asinar tódalas páxinas cando, non sabendo escribir, encárgalle a outro que llo escriba. O testamento notarial aberto é aquel redactado polo notario de acordo coa vontade do testador. É o máis habitual. Queda rexistrado nos arquivos da notaría.
Outros testamentos
Outros testamentos, non recoñecidos polo dereito sucesorio común, son:
O testamento mancomunado é o outorgado por varias persoas na mesma escritura ante notario na mesma forma que o testamento aberto. Un dos casos máis comúns é aquel no que un matrimonio testa conxuntamente. Neste caso pódense incluír disposicións correspectivas, que son aquelas nas que os testantes dispoñen dun ben común para o sobrevivente á morte do outro. O testamento por comisario é aquel no que o testante delega a capacidade de testar noutra persoa, habitualmente o cónxuxe, mediante escritura pública na que ademais pode imporlle ó comisario algunhas condicións, tales como a duración da delegación, a disposición de certos bens, a institución obrigatoria de herdeiros etc.
Requisitos para testar
Cando se outorga testamento notarial, deben acudir dúas testemuñas ó outorgamento cando:
O requiran o notario ou o testador. O testador sexa cego ou demente en intervalo lúcido.
En España están impedidos para testar, entre outros, os menores de 14 anos e os que non están en pleno uso das súas facultades mentais. Non obstante, o feito de que os menores de idade poidan testar é bastante pouco común, sendo o límite máis común o da maioría de idade.
Executores do testamento
Son aquelas persoas ás que o testador encarga na escritura testamentaria o feito de levar a cabo, tanto administrativa como realmente, as disposicións incluídas no interior do testamento. Non tódalas figuras están recoñecidas por tódolos sistemas de dereito de sucesións, nin todas poder ter cabida en tódolos tipos de testamentos. Entre eles cóntase:
Testamenteiros
Son persoas ás que o testador encarga no testamento que realicen determinadas funcións á súa morte, tales como paga-lo enterro e o funeral, se o houber, sufraga-los legados en metálico, contactar cos herdeiros etcétera.
O testador pode establecer con respecto ó cargo de testamenteiro:
Que quen o exerza reciba uns honorarios. Que varias persoas o exerzan de maneira mancomunada.
Asemade, en previsión de que o testamenteiro abandone renuncie ó seu cargo, ou sexa cesado, pode determinar unhas persoas como substitutas.
En todo caso, aínda sendo voluntario exercer de testamenteiro, o que renuncie perderá os seus dereitos na herdanza, excepto disposición en contrario do testador.
miniatura|Notaría en Gustavia (Saint Barthélemy)Notarios
Os notarios son os que se ocupan se custodia-los testamentos cando estes son notariais ( isto é, todos excepto o ológrafo) e de redactalos cando toman a forma do testamento notarial aberto. Na maioría dos países son persoas que se licenciaron en Dereito, pero non sempre teñen que ter pasado unha oposición, como no caso de España; en Francia a aqueles licenciados que desexen ser notarios chégalles con pagar unha fianza en concepto dos gastos ocasionados pola instalación da oficina e polos gastos burocráticos. O sistema anglosaxón non recoñece esta figura, senón que no que é necesario substitúea pola do testamenteiro.
Contadores-partidores
Os contadores-partidores son aqueles que foron designados para reparti-la herdanza cando a repartición non está realizada xa no propio testamento. Son designados polo testador na propia escritura testamentaria, aínda que o testante tamén pode encomendarlle esta función (a través do testamento) ós herdeiros ou incluso ós testamenteiros. Os contadores-partidores deben respectar aquilo que ó efecto xa dispuxese o testador no propio testamento. Así mesmo, están obrigados a inventariar tódolos bens do causante antes de presenta-la repartición. Os contadores-partidores tamén son empregados á hora de parti-la herdanza no caso de sucesión intestada.
Comisarios
Cando o testador designou un comisario por escritura pública, e non fixou para este unha data na que remate o seu poder, o comisario poderaa exercer mentres viva e non incumpra algunha das condicións que o testador lle esixise para poder dispoñer das súas propiedades. Así, unha vez morto o causante, o comisario será quen de reparti-la herdanza da forma que considere máis oportuna, sempre e cando respecte as decisións que o testador lle obrigase a respectar na escritura pública de apoderamento. Unha das cousas que máis comunmente poñen como condición os causantes ós comisarios é a designación dos herdeiros, que adoita facerse xa na propia escritura pública de apoderamento.
Tipos de receptores de bens da herdanza
O Dereito de Sucesións adoita distinguir diversas categorías para as persoas que reciben unha parte da herdanza, en función do que reciban ou da forma en que o reciban. Deste modo, adóitase distinguir entre herdeiros, legatarios e lexitimarios, que se diferencian no seguinte:
Os herdeiros son as persoas máis importantes dentro da repartición. En xeral distínguense por uns certos dereitos dos que os demais non desfrutan: así, os herdeiros en conxunto, e antes da partición da herdanza, representan en conxunto ó defunto e poden dispor dos seus bens na medida en que llelo permita o testamento e sempre que non haxa un testamenteiro que se encargue desta tarefa. Asemade, tamén poden denunciar o testamento ou defender os bens do defunto nun xuízo etc.; é dicir teñen potestade para intervir respecto dos bens do morto, iso si, sempre e cando aínda non se realizase a partición da herdanza. Os legatarios están caracterizados por recibiren un ben concreto do testador a modo de doazón, pero mortis causa; por iso non poden recibir unha cota do caudal da herdanza nin nada similar. Ademais, non poden actuar no nome do testador nin ningunha das outras atribucións dos herdeiros. Nalgunhas ocasións, sobre todo cando o legado consiste nunha cantidade de cartos, o testador pode obrigar a algún dos herdeiros a que ese legado se deduza da súa porción da herdanza. Os lexitimarios son persoas respecto das cales o testador está obrigado por lei a reservar unha porción da herdanza. En xeral, os fillos son os lexitimarios, aínda que tamén pode que a lei reserve lexítima a ascendentes ou ó cónxuxe supervivente, e especialmente neste caso en forma de usufruto. A lei non reserva bens concretos para os lexitimarios, senón unha porción do caudal hereditario líquido para cada tipo de lexitimario, o que non impide que o testador lle adxudique bens ata alcanza-la cota. Moitos sistemas de Dereito de Sucesións outorgan ós lexitimarios a condición automática de herdeiros.
Doazóns a colación
En determinados ordenamentos xurídicos o dereito de sucesións permite unha figura particular en relación á adxudicación de bens: son as doazóns que se han de traer a colación. É dicir, son doazóns que unha persoa fai ós seus propios herdeiros, xeralmente os lexitimarios, en vida e que á súa morte se han de considerar como parte da porción do caudal hereditario líquido que lle corresponde ó donatario (persoa que recibe a herdanza).
Esta práctica de facer doazóns no lugar de adxudicar bens vía testamento ten dúas explicacións sociolóxicas. En primeiro lugar, pódese deber a que a transmisión mortis causa tributa a través do Imposto de sucesións; non obstante, inicialmente, as doazóns, un tipo de transmisión pouco común, non pagaban imposto ningún. Iso fixo que moita xente, para evitar pagar o devandito imposto adxudicase os seus bens a través de doazóns. A segunda explicación sociolóxica é de índole máis práctica: o herdeiro pide ó causante que lle dea en vida unha parte ou toda a súa herdanza.