A ponte da Fillaboa é unha ponte baixo-medieval de orixe romana sobre o río Tea, entre as parroquias de San Lourenzo de Salvaterra e San Miguel de Cabreira, no concello pontevedrés de Salvaterra de Miño, no antigo camiño que unía as vilas de Ribadavia e Tui. É a máis próxima da desembocadura das catro pontes centenarias do río Tea, xunto á de Cernadela, á dos Remedios, e á das Partidas. O nome de A Fillaboa débese a unha grande insua do Miño que se atopa a dous quilómetros abaixo da ponte, na desembocadura do Tea.
Descrición Esta ponte en arco é, malia a existencia de grandes vans, de aparencia ruda e maciza. Atravesa o río Tea, e está feita en fábrica de cantaría de perpiaños de pedra de gra. A lonxitude total do taboleiro é de 70 metros e posúe catro luces de diferente tipoloxía e talle, das cales tres arcos fican sobre o curso do río, o central (o maior de todos) de volta perfecto cun lixeiro apuntamento; a altura no punto central acada os 11 metros; os piares deste arco posúen augas arriba dous grandes tallamares (con grandes fendas antes da restauración). Á beira do arco central aparecen dous arcos oxivais máis pequenos; e nun dos extremos da ponte un cuarto arco tamén apuntado como aliviadoiro para as enchentes; o caudal, xa importante de por si, chega a ser moi intenso polo outono e inverno, xa que non hai encoros para regular a auga. miniatura|270px|Taboleiro da ponte da Fillaboa, á esquerda as pontes da estrada vella a Caldelas de Tui, e a da nova estrada PO-510. A calzada do taboleiro de rasante alombada e 4,5 metros de largo, conserva o chan de laxes de granito altomedieval, en contraposición á ponte das Partidas, que foi desprovista das súas antigas laxes. Posúe un peitoril de pedra.
Historia A orixe da ponte é romana, e xunto ás outras pontes do Tea: das Partidas e dos Remedios, servía de paso para a Vía XX que unía as capitais da Gallaecia: Asturica Augusta con Bracara Augusta. Disque os romanos foron os que introduciron o viño no Condado. Na Idade Media a ponte sofre deterioración polas enchentes do Tea, ficando en ruínas.
O 2 de novembro de 1615 preséntanse perante Diego de Orozco, corrixidor da vila de Baiona, as condicións dadas por Gaspar de Arce Solórzano (daquela aparellador da Catedral de Santiago de Compostela) para a reconstrución da ponte. A ponte actual data logo do século XV e non queda vestixio ningún da época romana. Salvaterra de Miño era daquela unha vila estratéxica por se atopar na raia creada entre Galicia e Portugal, mostra disto era a existencia do castelo e do desaparecido Forte de San Lourenzo; a ponte era unha das entradas á vila e obxectivo dos ataques lusos, polo que á beira desta erguéronse algúns recintos fortificados, hoxe case desaparecidos, para evitar o paso cara a Tui. Durante a Guerra de Restauración Portuguesa, no século XVII, sufriu diferentes reconstrucións, sendo a de 1615 a máis salientábel. En 1643 Salvaterra pasa, de feito, a pertencer á coroa portuguesa.
No documento de Gaspar de Arce fálase dunha ponte de cinco arcos no canto dos catro actuais, deles, o central era de 35 pés de alto, e os laterais de 24 e 12 pés respectivamente, e mais dous arquiños para desaugamento. Nos catro piares centrais atoparíanse catro estribos con punta tusa e triángulo para que corten e desvíen a forza da auga" e augas arriba outros tres estribos das mesmas características (hoxe só atopamos dous augas arriba). Sobre eles disporíanse dez desvíos para facilitar o paso dos carros e as xentes. A obra completaríase coa reconstrución da calzada e a edificación dos paredóns augas arriba e augas abaixo...a ponte debe ser de bo perpiaño de granito, sen barro nin seixos. A ponte actual é algo diferente.
O custo da obra foi de 1.500 ducados, pagados en quintas partes. Gaspar de Arce Solórzano estaba daquela á fronte das obras da capela de San Xacinto, no convento de San Domingos de Bonaval de Santiago de Compostela, polo que é posíbel que delegase este traballo en Domingo Álvarez, aparellador do mosteiro de San Martiño Pinario.
A deterioración dos últimos anos levou á Xunta de Galicia a lle conceder ao concello de Salvaterra de Miño unha partida orzamentaria no ano 2014 para a súa consolidación e restauración.
Estado de conservación O estado xeral de conservación é regular. No ano 2014 a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia concedeulle unha partida orzamentaria de 117.000 € para a súa restauración e consolidación. No proxecto procederase a consolidar e recalzar a cimentación do piar número 2, a reparación do tallamar deste piar, así como asegurar a estabilidade da bóveda número 2 mediante un tiranteWeb Cultura de Galicia da Xunta de Galicia. O Concello de Salvaterra tamén planea a habilitación e acceso á insua da Fillaboa.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Ponte dos Remedios Ponte das Partidas Ponte de Cernadela Pazo da Fillaboa
Ligazóns externas Ficha en Patrimonio galego. Ficha en Galicia Máxica. Imaxes da Ponte na Web Galicia Pueblo a Pueblo Historia da ponte no blog ''Largando Lastre y Letras castelán
Categoría:Salvaterra de Miño Categoría:Río Tea Fillaboa