"Xustácrino" redirixe aquí. miniatura|Sinalización xustácrina mediada por Notch entre células adxacentes. A sinalización xustácrina (ou sinalización dependente de contacto) é un tipo de sinalización célula/célula ou célula/matriz extracelular que se dá en organismos multicelulares, que require un contacto estreito das células. Por tanto, é diferente das sinalizacións nas que se libera unha molécula de sinalización que difunde no espazo extracelular, ou nas que se usan condutos longos como os nanotubos de membrana e citonemas (similares a "pontes"), ou nas que se utilizan vesículas extracelulares como os exosomas ou microvesículas.
Existen tres tipos de sinalización xustácrina: Interacción entre un ligando de membrana (proteína, oligosacárido, lípido) e unha proteína de membrana de dúas células adxacentes. Unión celular que comunica os compartimentos intracelulares de dúas células adxacentes que permite o tránsito a través dela de moléculas relativamente pequenas. Interacción entre unha glicoproteína da matriz extracelular e unha proteína de membrana. Ademais, nos organismos unicelulares como as bacterias, a sinalización xustácrina refírese ás interaccións por contactos entre membranas.
O termo "xustácrino" foi introducido orixinariamente por Anklesaria et al. (1990) para describir unha posible vía de transdución de sinais entre o TGF alfa e o EGFR. A sinalización xustácrina foi observada nalgunhas moléculas sinalizadoras como factores de crecemento, citocinas e quimiocinas, que exercen unha importante función na resposta inmune. Ten un papel fundamental no desenvolvemento da función cardíaca e neural. Outros tipos de sinalización celular, que non se deben confundir coa xustácrina, son a sinalización parácrina e a autócrina.
Sinalización célula/célula Neste tipo de sinalización, unha célula posúe na súa superficie (membrana) un ligando específico, e despois outra célula pode unirse a el cun receptor apropiado da súa superficie celular ou por medio dunha molécula de adhesión celular. Un importante exemplo é a vía de sinalización de Notch, implicada de forma notable no desenvolvemento neural.
Unións celulares comunicantes Dúas células adxacentes poden desenvolver condutos comunicantes entre os seus compartimentos intracelulares, como as unións comunicantes dos animais ou os plasmodesmos das plantas.
As unións comunicantes dos animais están formadas por conexinas nos vertebrados e por innexinas nos invertebrados. As sinapses eléctricas son un tipo de unións comunicantes das neuronas que son condutoras eléctricas. As unións comunicantes son esenciais para os cardiomiocitos, e os ratos e humanos que son deficientes nunha determinada proteína das unións comunicantes presentan graves defectos no desenvolvemento cardíaco.
Sinalización célula/matriz extracelular A matriz extracelular está composta de proteínas e mucopolisacáridos (glicosaminoglicanos) producidos polas células. Segréganse non só para construír unha estrutura de soporte senón tamén para proporcionar información fundamental sobre a contorna inmediata das células próximas. As células poden interaccionar por contacto coas moléculas da matriz extracelular, no que se considera un modo indirecto de comunicación entre as células. As células usan principalmente o receptor integrina para interaccionar coas proteínas da matriz extracelular. Este tipo de sinalización pode influír no ciclo celular e na diferenciación celular.
En organismos unicelulares As bacterias, ademais de liberaren moléculas de sinalización na súas contornas para iniciar a percepción do quórum, poden utilizar unha sinalización dependente de contacto por medio de diferentes mecanismos, coa finalidade de inhibir o seu crecemento en condicións desfavorables.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Molécula de adhesión celular Pannexina, proteínas de vertebrados utilizadas para formar condutos entre os espazos intracelular e extracelular Sinalización autócrina Sinalización parácrina Sistema endócrino
Ligazóns externas "Modos de sinalización autócrinos e xustácrinos" - ilustración en sysbio.org
Categoría:Sinalización celular