Marjane Satrapi (en persa, مرجان ساتراپی , AFI mærˈʤɔːne sɔːtrɔːˈpiː), nada en Rasht (Irán) o 22 de novembro de 1969 e finada en París o 4 de xuño de 2026, foi unha escritora e debuxante iraniana en lingua francesa.
Traxectoria Foi a única filla dunha familia de Teherán. A súa familia, de talante progresista, mandouna estudar ao Liceo Francés até que foron suprimidos os colexios bilingües polas autoridades islámicas xurdidas a partir da revolución iraniana de 1979. Ela e a súa familia, que simpatizaban coa revolución antes de que adquirise carácter islamista, viviron con dor as restricións das liberdades individuais, a represión, a imposición do veo feminino e o estoupido da guerra Irán-Iraq, que o novo réxime utilizou para consolidarse.
En 1984, con 14 anos, os seus pais decidiron enviala a estudar a Viena (Austria), para que puidese completar a súa educación laica e permitir que se desenvolvese nun ambiente menos opresivo ca o do seu país natal. Marjane non falaba alemán, pero nese momento era máis fácil conseguir un pasaporte para Austria que para Francia. Tras completar os estudos secundarios regresou a Irán para estudar Belas Artes, e ao rematar decidiu marchar a Francia para seguir estudando Artes Decorativas en Estrasburgo.
Carreira profesional Comezou a traballar en París como ilustradora de literatura infantil. Da man de Christophe Blain e o colectivo L'Association coñeceu o debuxante e guionista David B., que a animou a introducirse no mundo da banda deseñada para narrar os seus recordos da infancia en Irán.
A novela gráfica Persépole, publicada no ano 2000, é unha peza autobiográfica que arranca nos momentos finais do réxime do Sah e que dá conta das dificultades de vivir baixo un estado teocrático, así como das distintas formas de seguir vivindo unha vida laica malia a vixilancia dos gardas da revolución e da veciñanza, oportunamente convertidos a un islamismo máis militante ca o do propio goberno. A obra foi publicada no ano 2000, en catro volumes, e acadou un grande éxito de crítica e público. Foi premiada no Festival de Banda Deseñada de Angoulême en 2001 e en xuño de 2007, foi adaptada ao cinema de animación por ela mesma e por Vincent Paronnaud. A película, recibiu o premio do xurado no Festival de Cannes e tamén foi nomeado nos Óscar.
En 2003 publicou Broderies, unha banda deseñada sobre as mulleres iranianas. Resultou nomeada ao premio ao mellor álbum no Festival de Banda Deseñada de Angoulême de 2004. En 2005 publicou Poulet aux prunes, co que acadou premio á mellor obra en 2005 do festival, e tamén foi adaptado ao cine. Tamén codirixiu a versión cinematográfica en 2011, con Mathieu Amalric, Edouard Baer e Maria de Medeiros como protagonistas.
Recoñecementos En 2024, recibiu o Premio Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades.
Foi nomeada para a Lexión de Honra o 3 de xullo de 2024, mais rexeitou a condecoración a principios de 2025 para opoñerse ao que percibía como unha "actitude hipócrita de Francia cara a Irán", particularmente no que respecta á concesión de visados a fillos de "oligarcas iranianos" en lugar de a "mozos iranianos namorados da liberdade, disidentes e artistas".
Obra Persépole (Persepolis; L'Association, 2000-2003; catro tomos) Sagesse et malices de la Perse (Albin Michel, 2001; en colaboración con Lila Ibrahim-Ouali e Bahman Namwar-Motlag) Les monstres n'aiment pas la lune (Nathan, 2001) Ulysse au pays des fous (Nathan, 2001; en colaboración con Jean-Pierre Duffour) Ajdar (Nathan, 2002) Broderies (L’Association, 2003) Poulet aux prunes (L’Association, 2003) Le Soupir (Bréal Jeunesse, 2004)
Vida persoal Casou en 1996 con Mattias Ripa.
Notas
Véxase tamén
Categoría:Nados en 1969 Categoría:Finados en 2026 Categoría:Nados en Mazandarán Categoría:Personalidades da banda deseñada Categoría:Premios Princesa de Asturias de Comunicación e Humanidades