A interleucina 5 ou IL-5 (ou IL5) é unha proteína interleucina reguladora de funcións inmunitarias producida polos linfocitos T colaboradores-2 (TH2) e polos mastocitos.
Función
Por medio da súa unión ao receptor de IL-5, a interleucina 5 estimula o crecemento das linfocitos B e incrementa a secreción de inmunoglobulinas. Tamén funciona como un mediador clave na activación dos eosinófilos.
Estrutura
A IL-5 é unha citocina TH2 de 115 aminoácidos en humanos (no rato 133), que forma parte da familia hematopoética. A diferenza doutros membros desta familia de citocinas (como a IL-3 e o GM-CSF), esta glicoproteína é un homodímero na súa forma activa.
Expresión nos tecidos
O xene da IL-5 está localizado no cromosoma 5 humano e no 11 do rato, en estreita proximidade dos xenes que codifican as IL-3, IL-4, e o factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos (GM-CSF), que a miúido se coexpresan nas células TH2. A interleucina 5 tamén se expresa nos eosinófilos e foi detectado nos mastocitos atopados no tracto respiratorio asmático por inmunohistoquímica. A expresión de IL-5 é regulada por varios factores de transcrición, como GATA3.
Importancia clínica
A interleucina 5 foi asociada coa causa de varias enfermidades alérxicas como a rinite alérxica e a asma, nas que se observa un grande incremento no número de eosinófilos circulantes, nas vías aéreas e nos esputos inducidos. Dada a alta concordancia de eosinófilos e, en especial, a patoloxía da asma alérxica, especulouse moito sobre que os eosinófilos teñen un importante papel na patoloxía desta doenza.
Efecto da IL-5 sobre os eosinófilos
Os eosinófilos son granulocitos diferenciados terminalmente, que se encontran na maioría dos mamíferos. O principal papel destas células en individuos sans, é a eliminación de parasitos unidos a anticorpos por medio da liberación de proteínas de gránulos citotóxicos. Como os eosinófilos son as principais células que expresan o receptor IL-5Rα, non é sorprendente que este tipo celular responda activamente á IL-5. De feito, a IL-5 foi descuberta orixinalmente como un factor estimulante das colonias de eosinófilos, é un importante regulador da acumulación de eosinófilos nos tecidos, e pode modular o comportamento dos eosinófilos en todos os seus estadios de maduración e desenvolvemento. O mepolizumab é un anticorpo monoclonal que actúa contra a IL-5, que pode reducir a eosinofilia excesiva.
No linfoma de Hodgkin, por exemplo, a eosinofilia tipicamente observada crese que se pode atribuír a un incremento na produción de IL-5.
Interaccións
A interleucina 5 interacciona coa subunidade alfa do receptor de interleucina 5.
Receptores
O receptor de IL-5 está composto por dúas cadeas chamadas α e βc. A subunidade α é específica para a molécula de IL-5, mentres que a subunidade βc tamén é recoñecida pola interleucina 3 (IL-3) e o factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos (GM-CSF). A glicosilación do residuo Asn196 da subunidade Rα parece ser esencial para a unión de IL-5.
Notas
Categoría:Citocinas Categoría:Sistema inmunitario Categoría:Proteínas