Mercury-Redstone 4 ou MR-4, e tamén coñecida como Liberty Bell 7 polo nome da cápsula, foi a segunda misión espacial (e última suborbital) tripulada dos Estados Unidos de América, levada a cabo dentro do proxecto Mercury, co astronauta Virgil I. Grissom (alcumado Gus) a bordo.
Desenvolvemento da misión
Os obxectivos de MR-4 foron familiarizarse coa entorna espacial durante todas as etapas (engalaxe, voo propulsado, voo en ingravidez, reentrada e aterraxe) do voo espacial, avaliar a validez do astronauta como unha parte máis das misións espaciais e a súa capacidade para tomar o control en caso necesario, estudar as reaccións psicolóxicas do astronauta ao voo espacial e recuperar intactos tanto ao astronauta como á nave. Tamén se intentou validar o uso do zapón de saída do astronauta, que facía uso de pernos explosivos.
O lanzamento e voo suborbital desenvolveuse de maneira similar ó de MR-3. Grissom dispuxo tamén de 5 minutos de ingravidez e realizou manobras manuais coa cápsula, validando os controis e demostrando a súa relativa facilidade de uso. A diferenza da cápsula de Shepard, a Liberty Bell 7 dispoñía dunha ventá pola que Grissom podía mirar e dun zapón con pernos explosivos. A velocidade máxima que alcanzou a nave foi de 8270 km/h e a súa altura máxima, 189 km. A cápsula amarou a 483 km de Cabo Cañaveral, no océano Atlántico, tras 15 minutos e 37 segundos de voo.
Tras amarar os pernos explosivos do zapón disparáronse prematuramente, mentres Grissom estaba no interior agardando ao helicóptero de recuperación. Grissom saíu polo seu pé, tirándose á auga, mentres un helicóptero intentaba recuperar a cápsula, que comezou a afundirse debido ó auga que entraba polo zapón. Grissom foi recollido por outro helicóptero uns minutos despois e levado ó portaavións USS Randolph. A pesar da perda da cápsula a misión foi declarada un éxito. A investigación pola perda da nave resultou nun cambio de operativa que garantiría a imposibilidade de disparo prematuro dos pernos.
Liberty Bell 7 foi finalmente recuperada o 20 de xullo de 1999 tras un intento frustrado anterior, en maio dese mesmo ano. A cápsula aínda tiña inserido o cable co que o helicóptero a intentara recuperar 38 anos antes.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Proxecto Mercury Mercury-Redstone 3 Mercury-Atlas 6 Mercury-Atlas 7 Mercury-Atlas 8 Mercury-Atlas 9 Redstone MRLV
Categoría:Proxecto Mercury