O lobo da xente é un relato de Vicente Risco, publicado en 1925 na revista-editorial Lar.

Trama Nun outono, preto de Trives, un rapaz de Sobrado está a apañar follas de castiñeiro para o sequeiro. Un veciño recoméndalle que marche para casa porque anda pola comarca o lobo da xente. Un lobo que nos últimos tempos atacara varias persoas: uns nenos, un camiñante, unha costureira, un meniño aínda no berce. Un lobo grandísimo que sementara o medo por toda a contorna.

En canto escureceu, Ánxel gardouse no sequeiro, atrancou a porta, colleu unha machada e acendeu un lume. Pero ao cabo pareceulle que comezaban a rañar na porta. Efectivamente, ó pouco asomou unha gadoupa de lobo, e Ánxel, morto de medo, escondeuse no canizo das castañas. Por fin, o lobo conseguiu entrar e ventou o banco, a machada, os restos da comida que deixara Ánxel. Como dixeran, era o lobo máis grande, máis negro que xamais se viu.

E para sorpresa do Ánxel, o lobo estremeceuse e acabou tirando a pel, para aparecer transformado nunha rapaza nova e fermosa, de cabelo longo e escuro, vestida cunha camisa. A rapaza achegouse ó lume para se quentar e, sentando no banco, comezou a chorar amargamente.

Ánxel aproveitou un despiste dela e cun pau que había á man, colleu a pelella e botouna no lume. Aínda que ela intentou recuperala e a mesma pel parecía querer escapar das lapas, o caso é que terminou ardendo toda. Entón a moza veuno subido ó canizo e díxolle que xa non temera nada e que podía baixar ó chan. Explicoulle que a acababa de librar dun meigallo que lle botara a nai. Explicoulle que a súa nai, viúva, casara con outro home sendo ela aínda nena pero, segundo foi medrando, foron aumentando as atencións, ata que un día o home intentou abusar da rapaza. Ela defendeuse cortándolle unha man co fouciño. De volta a casa, a nai enrabechouse toda e intentou mallar nela, pero as veciñas conseguiron separalas. Aínda así, a nai botoulle unha fada e berrou que "Permita Deus que te volvas loba e que andes arrastrada polo monte coma os lobos, mala filla". E así foi, a moza fuxiu a casa dunha tía pero non pasaron dúas noites que comezou a ouvear como un lobo.

Unha veciña entendida nisto díxolle que ninguén lle podía quitar a fada que tiña enriba, que tal como lle dixera a nai, ela ía andar polo monte como unha loba, convertida en lobishome. Só quedaría libre cando pasaran os anos que foran, ou cando alguén lle quitara a pel de lobo. E aínda mellor se lla queimaban, como así foi.

Finalmente, Ánxel e a moza acabaron casando.

Narración

Ao comezo do texto aparece un narrador en primeira persoa, trasunto do propio autor, explicando que a historia lla contaron por certa e que pasara haberá coma cincuenta ou sesenta anos. O relato en si ten características propias da literatura oral. O narrador asume a voz dos dous protagonistas e alterna diálogos.

Vicente Risco desenvolveu o tema da licantropía no seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, que tivo lugar o 23 de febreiro de 1929. O discurso, titulado Un caso de lycantropía (O Home-lobo), desenvolve o caso de Manuel Blanco Romasanta, o lobishome de Allariz (1809-1863).

A Fundación Vicente Risco editou en 2014 unha versión dixital do conto co facsímile das páxinas manuscritas que se conservan, da propia man de Risco.

Edicións A obra apareceu por vez primeira publicada en 1925 na revista-editorial Lar xunto co conto A trabe de ouro e a trabe de alquitrán. Despois foi incluída en varias escolmas ou canda a outros textos narrativos do autor. En 1972 Editorial Galaxia editou o relato xunto á súa novela O Porco de Pé con ilustracións de Xohán Ledo, e en 2004 editou o relato na escolma A trabe de ouro e outros contos.

En 2009 o relato foi adaptado a banda deseñada por Xosé Manuel Rodríguez Moxom, publicado pola Fundación Vicente Risco"Xosé Manuel Rodríguez Moxom. O lobo da xente", artigo no blog Revolta da freixa, 28 de agosto de 2013..

Notas

Véxase tamén Bibliografía (1989): Antoloxía do conto galego do século XX, pp. 33–43. Vigo: Ed. Galaxia. ISBN 978-84-8288-865-1.

Outros artigos

Pel de lobo, de Xosé Miranda

Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras literarias de 1925 Categoría:Vicente Risco