O factor estimulante de colonias de granulocitos e macrófagos (GM-CSF, do inglés granulocyte-macrophague colony-stimulating factor), tamén chamado factor estimulante de colonias 2 ou CSF2, é unha glicoproteína monomérica segregada polos macrófagos, células T, mastocitos, células NK, células endoteliais e fibroblastos, que funciona como unha citocina reguladora. Existen fármacos análogos ao GM-CSF natural chamados sargramostim e molgramostim.
Función
O GM-CSF é unha glicoproteína citocina monomérica, que é un factor de crecemento de leucocitos. O GM-CSF estimula as células nai a producir granulocitos (neutrófilos, eosinófilos, e basófilos) e monocitos. Os monocitos saen da circulación e migran aos tecidos, onde maduran a macrófagos e células dendríticas. Así, forman parte da fervenza da resposta inmune/inflamatoria, pola cal a activación inicial dun pequeno número de macrófagos pode causar rapidamente un aumento da súa cantidade, un proceso que é crucial para loitar contra as infeccións.
O GM-CSF sinaliza por medio do STAT5 (signal transducer and activator of transcription 5, transdutor de sinais e activador da transcrición 5). Nos macrófagos, tamén sinaliza por medio do STAT3. Nas infeccións por fungos, esta citocina activa os macrófagos para que inhiban a supervivencia de fungos. Induce a privación do zinc libre intracelular e incrementa a produción de especies reactivas do oxíxeno, o que culmina na morte dos fungos por carencia de cinc e por toxicidade. Deste modo, o GM-CSF facilita o desenvolvemento do sistema inmunitario e promove a defensa contra as infeccións.
O GM-CSF tamén xoga un papel no desenvolvemento embrionario ao funcionar como unha embriocina producida polo tracto reprodutor.
Xenética
O xene humano que codifica esta proteína está localizado nun cluster de xenes relacionados na rexión 5q31 do cromosoma 5, a cal se sabe que está asociada con delecións intersticiais na síndrome 5q e na leucemia mielóxena aguda. Os xenes do cluster inclúen os das interleucinas 4, 5, e 13.
Glicosilación
O GM-CSF humano está glicosilado na súa forma madura.
Usos médicos
O GM-CSF fabrícase na industria farmacéutica utilizando a tecnoloxía do ADN recombinante e comercialízase como unha proteína terapéutica co nome molgramostim ou, cando a proteína se expresou en células de lévedos, sargramostim. Utilízase como un fármaco que estimula a produción de leucocitos e así prevén a neutropenia que se produce despois de someterse a quimioterapia.
O GM-CSF foi tamén avaliado recentemente en ensaios clínicos polo seu potencial como adxuvante de vacinas en pacientes infectados polo VIH. Os resultados preliminares son prometedores pero o seu uso aínda non foi aprobado pola FDA nos Estados Unidos.
Sargramostim
O fármaco Sargramostim, que é un GM-CSF derivado de lévedos recombinantes desenvolvido pola compañía Immunex (agora Amgen), administrouse por primeira vez a seis persoas en 1987 como parte dun protocolo de "uso compasivo" que foran vítimas dun accidente de irradiación de cesio en Goiânia (Brasil). Despois de varias vendas a outras compañías, agora o fármaco o explota Sanofi.Stewart Lyman for Xcocomy. June 11, 2010 Biotech Drug Discovery in Seattle: A Look Back O seu uso está aprobado pola FDA norteamericana para acelerar a recuperación dos leucocitos en pacientes que sufriron un transplante de medula ósea autólogo con linfoma non de Hodgkin, leucemia linfocítica aguda, ou enfermidade de Hodgkin en 1991. En 1996 aprobouse o seu uso no tratamento de infeccións fúnxicas e na recuperación de leucocitos despois de quimioterapias.
Artrite reumatoide
O GM-CSF atópase en niveis altos nas articulacións que presentan artrite reumatoide e o bloqueo do GM-CSF pode reducir a inflamación ou os danos. Estanse a desenvolver algúns fármacos (por exemplo, MOR103) para bloquear o GM-CSF.
Notas
Véxase tamén Outros artigos CFU-GM Receptor do factor estimulante de colonias de granulocitos-macrófagos Factor estimulante de colonias, outros CSFs
Ligazóns externas sitio web oficial de Gentaur sitio web oficial de Leukine
Categoría:Citocinas Categoría:Factores de crecemento