Ibai Gómez Pérez, nado en Bilbao o 11 de novembro de 1989, é un exfutbolista e adestrador vasco, que dende xuño de 2026 adestra o Real Zaragoza. Xogaba de extremo esquerdo e desenvolveu a maior parte da súa carreira entre o Athletic Club e o Alavés, acumulando 226 partidos e 28 goles na Primeira División.
Traxectoria
Como futbolista
Comezos Fillo do tamén futbolista Mitxelo, naceu no barrio bilbaíno de Santutxu e comezou a xogar ao fútbol con menos de 4 anos na canteira do Santutxu, club do seu barrio no que seu pai actuara como xogador, adestrador e presidente. Militou neste club durante 16 anos. Na tempada 2008/09 debutou co primeiro equipo, co que xogou na División de Honra de Biscaia. Na seguinte campaña pasou ao Sestao River, de Segunda División B, onde foi o máximo goleador do equipo, con 8 tantos en 36 partidos. Con todo, o equipo adestrado por Alfonso del Barrio acabou descendendo á Terceira División.
Athletic (1ª etapa) O seu bo rendemento en Sestao chamou a atención do Athletic, que o fichou en xuño de 2010, con 20 anos. Durante as súas dúas primeiras campañas no club bilbaíno, contou con ficha do filial, o Bilbao Athletic, que compaxinou coas súas primeiras aparicións co primeiro equipo. Debutou na Primeira División na sétima xornada da tempada 2010/11, nunha vitoria por 2-1 sobre o Zaragoza en San Mamés. Entrou na segunda parte como substituto de Gaizka Toquero, pero menos de tres minutos despois tamén el tivo que ser substituído, ao sufrir unha escordadura de xeonllo. A lesión obrigouno a unha operación cirúrxica e mantívoo fóra dos terreos de xogo medio ano.
O 5 de abril de 2012 marcou o seu primeiro gol co Athletic, nos cuartos de final da Europa League ante o Schalke 04, un tanto que contribuíu á clasificación do equipo para as semifinais. Marcou tamén un gol nas semifinais contra o Sporting de Portugal e disputou a final perdida contra o Atlético de Madrid no Arena Națională de Bucarest, xogando a segunda parte como substituto de Aurtenetxe. Un par de semanas despois, foi titular na final da Copa do Rei contra o FC Barcelona no Vicente Calderón, caendo, do mesmo xeito que na Europa League, por 3-0.
Despois de 28 partidos e 14 goles co filial, na tempada 2012/13 subiu definitivamente ao primeiro equipo do Athletic. Nesa campaña, con Marcelo Bielsa no banco, disputou 46 partidos, a metade deles como titular, e marcou cinco goles, estreándose como goleador na Primeira División nun encontro fronte ao Real Madrid no Santiago Bernabéu. A súa participación baixou durante as seguintes dúas tempadas, pero a pesar diso, anotou oito goles na 2013/14, mentres que na seguinte debutou na Liga de Campións e xogou a súa segunda final de Copa do Rei, perdendo de novo ante o Barça. Na campaña 2015/16 varias lesións impedíronlle pasar de 350 minutos de xogo e comezou a sufrir os seus primeiros episodios de ansiedade.
Alavés No verán de 2016 fichou polo Deportivo Alavés, club adestrado polo arxentino Mauricio Pellegrino, onde se fixo coa titularidade e foi unha peza chave para a boa marcha do equipo, que acadou unha histórica final da Copa do Rei na primeira tempada de Ibai en Vitoria. Foi titular na final, xogando así a a súa terceira final de Copa, e caendo por terceira vez ante o Barcelona. Disputou un total de 92 partidos co club vitoriano durante dúas tempadas e media, marcando 17 goles.
Athletic (2ª etapa) En xaneiro de 2019 regresou ao Athletic de Bilbao, no que xogou durante dúas tempadas e media. Na tempada 2019/20 acadou a súa cuarta final de Copa do Rei e sumou a súa cuarta derrota, desta vez contra a Real Sociedad, aínda que quedou no banco todo o partido. Durante esta segunda etapa no club bilbaíno chegou ata os 193 partidos oficiais coa camiseta do equipo e alcanzou os 18 goles, pero volveu sufrir problemas mentais, polo que se puxo en mans de profesionais. Ao remate da campaña 2020/21, o club comunicoulle que o adestrador Marcelino non contaba con el, polo que acordou a rescisión do ano de contrato que lle quedaba.
Foolad Tras deixar o Athletic tivo varias ofertas de equipos europeos, pero rexeitounas e estivo adestrando co Santutxu ata que en marzo de 2022 puxo rumbo a Irán, onde asinou un contrato dun mes co Foolad da cidade de Ahvaz. Foi incorporado ao club adestrado por Javad Nekounam, non para disputar a liga iraniana, senón só para os seis partidos da fase de grupos da Liga de Campións da AFC. Con todo, acabou participando só en catro dos partidos, sumando só 70 minutos.
Deportivo da Coruña No verán de 2022 recalou en Galicia, onde fichou polo Deportivo da Coruña, da Primeira División RFEF. Debutou coa camiseta branquiazul na segunda xornada da tempada 2022/23, substituíndo a Víctor Narro nos minutos finais da vitoria por 2-1 sobre a Balompédica Linense en Riazor. Con todo, dous meses despois e tras só sete partidos e dúas titularidades, anunciou a súa retirada do fútbol profesional, tres días antes de cumprir os 33 anos.
Santutxu Uns días despois anunciou o seu regreso ao Santutxu, co que redebutou nun partido ante o Zalla correspondente á División de Honra de Biscaia. Colgou as botas ao remate da tempada, xogando o seu último encontro ante o Dinamo San Juan, partido no que marcou un gol.
Como adestrador
Santutxu Comezou a adestrar rapaces cando tiña só 13 anos, dirixindo un grupo de nenos de cinco anos no Santutxu. Adestrou no club bilbaíno durante 13 tempadas seguidas e trala súa retirada como xogador no mesmo club, dirixiu o equipo xuvenil durante a tempada 2023/24 da División de Honra. Tivo como axudante a Fernando Amorebieta e o equipo rematou a liga na sexta posición.
República Dominicana sub-23 En febreiro de 2024 a Federación Dominicana de Fútbol elixiuno como novo adestrador da selección sub-23. Dirixiu este equipo nos Xogos Olímpicos de 2024 en París, sumando dous empates e unha derrota, e quedou eliminado na primeira fase.
Arenas En maio de 2024 foi anunciado como novo adestrador do Arenas de Getxo, da Segunda Federación, para a campaña 2024/25. Na súa primeira e única tempada á fronte do equipo vasco, proclamouse campión do seu grupo e conseguiu un histórico ascenso á Primeira Federación. Tralo ascenso anunciou que deixaba o banco do club.
Andorra Para a tempada 2025/26 asinou polo Andorra, da Segunda División. Sumou tres vitorias nas primeiras cinco xornadas de liga, pero só foi quen de gañar un encontro dos dez seguintes, polo que acabou sendo destituído en novembro.
Zaragoza En xuño de 2026 colleu as rendas do Real Zaragoza, que viña de descender á Primeira Federación.
Palmarés
Como xogador Athletic Club Supercopa de España (2): 2015, 2020/21.
Como adestrador Arenas de Getxo Primeira Federación (1): 2024/25.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Perfil no sitio web do Athletic Club
Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Nados en 1989 Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Futbolistas do País Vasco Categoría:Xogadores do Sestao River Club Categoría:Xogadores do Bilbao Athletic Categoría:Xogadores do Athletic Club de Bilbao Categoría:Xogadores do Deportivo Alavés Categoría:Xogadores do Foolad FC Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da selección de fútbol do País Vasco Categoría:Adestradores de fútbol do País Vasco Categoría:Adestradores do Arenas Club de Getxo Categoría:Adestradores do Real Zaragoza