Miguel Ángel Alonso Naya, máis coñecido como Míchel Alonso, nado en Ferrol o 24 de xullo de 1974, é un adestrador de fútbol galego.

Traxectoria Adestrou nas canteiras do Racing de Ferrol e do CD As Pontes e en marzo de 2003 colleu as rendas do primeiro equipo do club pontés, que militaba na Segunda B, en substitución de Víctor Pellón "Calpita". O equipo acabou descendendo pero Míchel Alonso renovou para a seguinte tempada e dirixiu o equipo en Terceira ata a súa dimisión en maio de 2004. Para a tempada 2005/06 fichou pola SD O Val, na que foi a segunda campaña en Terceira da súa historia. Con todo, estivo só uns meses no cargo, que deixou en novembro tralos malos resultados.

No ano 2006 regresou ao Racing de Ferrol como segundo adestrador de José Luis Vara, e trala destitución deste, de Manolo García. Deixou o club no verán de 2007 e en xaneiro de 2009 comezou a súa segunda etapa como adestrador do O Val, desta vez na Primeira Autonómica. Con todo, esta nova etapa durou menos de dous meses, pois a finais de febreiro foi elixido polo Racing de Ferrol para substituír no banco o cesado Manolo Sánchez. O equipo ferrolán ocupaba a sétima posición do seu grupo de Segunda B no momento da súa chegada, e rematou a tempada na mesma posición, lonxe do seu obxectivo do ascenso, polo que Míchel Alonso non continuou no club.

En 2010 converteuse en adestrador do Ordes, co que logrou facilmente a permanencia na Terceira División, e na tempada seguinte pasou ao Somozas, tamén de Terceira. Adestrou este último equipo durante catro anos, e na tempada 2013-14 logrou un histórico ascenso á Segunda B, ao rematar o equipo primeiro do seu grupo. Ao ano seguinte cumpriu o obxectivo de manter o equipo na categoría e recibiu unha oferta de renovación, pero decidiu deixar o club.

O 14 de xuño de 2016 foi presentado como adestrador do Racing de Ferrol por segunda vez, mais foi cesado catro meses despois debido aos malos resultados. En maio de 2017 volveu coller as rendas do Somozas, recentemente descendido de novo a Terceira, e deixou o club ao final da tempada tras finalizar en sexta posición. En maio de 2018 incorporouse ao Rápido de Bouzas como director deportivo, pero en outubro pasou a ser adestrador do equipo de forma provisional trala rescisión do contrato de Xurxo Otero. Finalmente ocupou o posto durante todo o resto da tempada.

En xuño de 2019 presentouse como novo adestrador do Coruxo, na Segunda B. En novembro conseguiu clasificar o Coruxo para a Copa do Rei por primeira vez na súa historia, tras chegar ás semifinais da Copa Federación. Adestrou o club vigués durante dúas campañas e en xuño de 2021 fichou polo Formentera, da Segunda RFEF.

Na súa primeira tempada no club balear acabou a liga na sétima posición, a só dous puntos da promoción de ascenso. Renovado para unha segunda campaña, logrou a permanencia tras acabar 11º, e a continuación decidiu deixar o banco balear, a pesar de ter unha oferta para continuar.

En outubro de 2023 foi anunciado como novo adestrador do Compostela, da mesma categoría, onde substituíu o cesado Manel Menéndez. A pesar dun bo comezo con sete vitorias nos dez primeiros partidos, a chegada do 2024 devastou estas boas sensacións, sumando o equipo só nove puntos dos trinta posibles. Tras vinte partidos ligueiros adestrando o Compostela o propio Míchel recoñeceu a mala situación e presentou a súa dimisión, sendo a derrota ante a UP Langreo o golpe final.

Na tempada 2024/25, fichou polo Arousa, prometendo ante os medios darlle importancia á canteira na súa etapa. Con Míchel os arlequíns acadaron 36 puntos en 21 xornadas destacando a terrible traxectoria do conxunto coma locais no Estadio da Lomba gañando só 11 puntos dos 27 posíbeis. Tras empatar ante o Racing Club Vilalbés, Míchel foi substituído polo adestrador da División de Honra Xuvenil David López "Perú".

Na tempada 2025/2026 Míchel volveu ás súas orixes futbolísticas cunha nova fichaxe polo Racing de Ferrol, primeiro como adestrador do Xuvenil A, que coma o primeiro equipo pasaba por unha profunda crise de resultados, e tamén como analista, mais pasou a ser técnico interino despois da saída de Pablo López Vidal nun encontro contra o filial do Athletic de Bilbao, con derrota por un gol na Malata. A contratación de Guillermo Fernández supuxo o retorno á canteira para Míchel.

Palmarés Somozas Terceira División (1): 2013/14.

Notas

Categoría:Nados en 1974 Categoría:Nados en Ferrol Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do CD As Pontes Categoría:Adestradores do SD O Val Categoría:Adestradores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores do SD Órdenes Categoría:Adestradores da UD Somozas Categoría:Adestradores do Rápido de Bouzas Categoría:Adestradores do Coruxo FC Categoría:Adestradores da SD Formentera Categoría:Adestradores da SD Compostela Categoría:Adestradores do Arosa SC Categoría:Directores deportivos de fútbol de Galicia Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes