O pingüín emperadorEnciclopedia Galega Universal, t. 13 oite-pole, pp. 444-445, pingüín. 2. 4 pingüín emperador [port: pingüim-imperator; cast: pingüino emperador; ing: emperor penguin] [Aptenodytes forsteri, Fam dos esfeníscidos] Pingüín de case un metro de alto e duns 45 kg de peso...Diccionario Enciclopédico Galego Universal, t. 49 pete~pomo, p. 40, pingüín. 2. 2 pingüín austral emperador [Aptenodytes forsteri] Ave mariña, da familia dos esfeniscídos, que ten o corpo de gran tamaño, a cabeza e as costas de cor negra azulada, o peito e o ventre brancos, e a gorxa e os costados do pescozo amarelos. (Aptenodytes forsteri) é unha especie de ave esfenisciforme da familia Spheniscidae, endémica da Antártida, sendo a máis alta e con máis peso de tódalas especies de pingüíns en existencia. Os machos e as femias son semellantes en plumaxe e tamaño, poden acadar entre 110 e 130 cm de altura cun peso de entre 22 a 45 kg. As costas, ás e cabeza son negras, a parte anterior é branca desde as pernas á barriga, o peito é dun ton amarelo pálido e ten dúas manchas á altura dos oídos dun amarelo brillante. Como todos os pingüíns non poden voar, ao ter ás ríxidas e planas e un corpo hidrodinámico particularmente adaptado a un hábitat mariño.
Aliméntase principalmente de peixes, crustáceos e cefalópodos. Cando caza pode estar mergullado ata 18 minutos, e chegar a unha profundidade duns 535 metros. Desenvolveu varias adaptacións para facilitar este proceso, como unha hemoglobina cunhas características que lle permiten traballar de forma eficaz cun baixo contido de osíxeno, uns ósos sólidos para reducir o barotraumatismo, e unha capacidade de diminuír a actividade do seu metabolismo e deter as funcións de órganos non esenciais.
É a única especie de pingüín que se reproduce durante o duro inverno antártico, facendo viaxes de entre 50 e 120 km sobre o xeo para chegar ás colonias de reprodución, que poden constar de miles de individuos. A femia pon un único ovo que inicialmente é incubado polo macho, mentres a femia retorna ao mar para alimentarse. Tras isto os pais establecen quendas para coidar das crías e ir ao mar a alimentarse. A esperanza de vida destes pingüíns é xeralmente duns 20 anos no seu hábitat natural, aínda que hai datos que indican que algúns exemplares poden vivir ata os 50 anos de idade.
Taxonomía Esta especie foi descrita por primeira vez en 1844 polo biólogo inglés George Robert Gray, quen creou o nome xenérico dende elementos do grego antigo, ἀ-πτηνο-δύτης [a-ptēno-dytēs] 'mergullador sen ás'. O nome específico déuselle na honra do naturalista alemán Johann Reinhold Forster, quen acompañou o capitán James Cook na súa segunda viaxe e nomeou oficialmente outras cinco especies de pingüíns. Forster puido ser a primeira persoa en divisar esta especie entre 1773 e 1774, xa que rexistrou o que pensou que eran exemplares de A. patagonicus, mais pola localización do avistamento estes eran con toda probabilidade A. forsteri realmente.
Xunto coa especie de cor semellante pero menor tamaño, o Aptenodytes patagonicus, o pingüín emperador é unha das dúas especies existentes do xénero Aptenodytes. Existen evidencias fósiles dunha terceira especie (Aptenodytes ridgeni) atopadas en rexistros fósiles do Plioceno tardío, de hai uns tres millóns de anos, en Nova Zelandia. Os estudos do comportamento e xenética dos pingüíns suxiren que o xénero Aptenodytes é basal, separado dunha das pólas que deu lugar ao resto de especies de pingüíns existentes. As probas de ADN mitocondrial e ADN nuclear indicaron que esta separación ocorreu hai uns 40 millóns de anos.
Aparencia e anatomía miniatura|esquerda|300px|Adultos xunto as súas crías. Os exemplares adultos poden chegar a medir entre 110 e 130 cm de altura. O seu peso pode variar entre os 22,7 e os 45,4 kg, sendo os machos máis pesados que as femias. É a quinta especie de aves máis pesada existente, só por detrás das especies máis grandes de Struthioniformes. O seu peso é variable segundo a estación do ano, xa que tanto os machos coma as femias perden unha cantidade substancial de masa corporal nos períodos de cría e incubación dos ovos. Un pingüín emperador macho pode chegar a soportar o frío antártico durante máis de dous meses mentres protexe os ovos, sen alimentarse en absoluto durante este tempo, o que lles provoca unha perda de peso duns 12 kg. O peso medio dos machos a comezo da tempada de cría é duns 38 kg, e o das femias é duns 29,5 kg. Tras este período, ámbolos dous sexos quédanse nuns 23 kg de peso.
Ao igual que todas as especies de pingüíns, teñen un corpo hidrodinámico que reduce a fricción coa auga cando se mergullan, e unhas ás ríxidas en forma de aletas. A súa lingua ten unhas pugas que impiden que se lles escapen as presas ao cazalas. Os machos e as femias teñen unhas cores semellantes, con plumas negras cubrindo a totalidade das súas costas e que tamén chegan á cabeza, á barbela, á gorxa, á parte superior das aletas e á cola. Esta plumaxe negra contrasta claramente co resto de cores máis claras. A parte inferior das aletas e o ventre son brancos, tornándose amarelos pálidos na parte superior do peito, e posúen unhas manchas de cor amarela brillante á altura dos oídos. A mandíbula superior do seu bico de 8 cm é negra, mentres que a inferior pode ser de cor rosa, laranxa ou lila. Nos pingüíns xoves, as manchas dos oídos, a barbela e a gorxa son de cor branca, e o bico de cor negra. As crías teñen habitualmente unha plumaxe de cor gris prateada, coa cabeza negra e branca. Unha cría cunha pouco habitual plumaxe de cor completamente branca foi atopada no 2001, mais non se considerou albina ao non ter os ollos rosas. As crías pesan ao redor duns 315 gramos ao saír do ovo, e comezan a botar plumas ao acadar aproximadamente o 50% do seu peso adulto.
dereita|miniatura|250px|Adulto. A plumaxe escura tornase marrón no verán antártico, dende novembro ata febreiro, antes da muda anual de xaneiro e febreiro. O proceso da muda é rápido nesta especie en comparación con outras aves, levándolles só uns 34 días. As plumas emerxen dende a pel tras acadar un terzo da lonxitude total, e antes da perda das vellas plumas, axudando a reducir a perda de calor.
A porcentaxe de supervivencia anual dos pingüíns emperador calculouse nun 95,1%, cunha esperanza media de vida duns 19,9 anos. A mesma investigación estimou que o 1% dos acabados de nacer serían capaces de acadar os 50 anos de idade. Pola contra, só un 19% das crías sobreviven ao seu primeiro ano de vida, o que fai que o 80% da poboación de pingüíns emperador se compoña de adultos de máis de cinco anos.
Vocalización Ao non ter un lugar permanente de cría que os individuos da especie poidan usar para localizar a súa parella ou cría, os pingüíns emperador empregan unhas chamadas vocais como método de identificación. Empregan un complexo conxunto de chamadas que resultan dunha importancia crítica para o recoñecemento individual entre proxenitores, crías e parellas, sendo a variación de chamadas máis ampla de tódolos pingüíns. Nestas chamadas empregan dúas bandas de frecuencia ao mesmo tempo, e as crías emiten un chío dunha frecuencia modulada para pedir o alimento e chamar aos seus proxenitores.
Adaptación ao frío Os pingüíns emperador reprodúcense no ambiente máis frío habitado polas aves, con temperaturas que poden acadar os -40 °C e ventos de ata 144 km/h. A temperatura da auga é de -1,8 °C, moito menor cá temperatura corporal media dos pingüíns de 39 °C. Debido a estes factores, a especie adaptouse de varias maneiras para contrarrestar as perdas de calor. As plumas fornecen entre o 80 e o 90% do seu illamento, e posúen unha capa de graxa baixo a pel que pode acadar os 3 cm de ancho. Esta capa de graxa provoca que teñan unha mobilidade máis reducida na terra en comparación con outras especies próximas coma o Spheniscus magellanicus. As súas plumas son curtas e ríxidas, con forma de punta de lanza, e repártense de forma compacta por toda a superficie da pel. Ten a maior densidade de plumas de tódalas especies de aves, cunhas 15 plumas por cm2. Os seus músculos permítenlles manter as plumas erectas cando están en terra, retendo unha capa de aire xunto á pel que axuda a reducir a perda de calor. Por outra banda, son capaces de manter a plumaxe pegada ao corpo cando están na auga, realizando unha función impermeable, facendo así que a pel non entre en contacto directo coa auga. Os pingüíns acicálanse co seu pico para facilitar este illamento e para manter a plumaxe aceitosa e impermeable.
Os pingüíns emperador teñen a capacidade de manter a súa temperatura corporal dentro dun extenso rango de temperaturas estable sen ter que alterar o seu propio metabolismo. Este rango esténdese dende os -10 °C ata os 20 °C. Por baixo destas temperaturas o seu metabolismo acelérase de forma significante, aínda que poden seguir mantendo a temperatura corporal dende os -38 °C ata os -47 °C. O seu metabolismo acelérase ao nadar, camiñar e ao tremer. Outra forma de aceleración consiste nun proceso de degradación das graxas mediante encimas, inducido pola hormona glicagón. A temperaturas superiores aos 20 °C estes pingüíns axítanse debido ao incremento da súa temperatura corporal e a aceleración do seu metabolismo para incrementar a perda de calor. Cando isto ocorre son capaces de erguer as súas ás incrementando a superficie en contacto co aire nun 16%, o que axuda na perda de calor.
Adaptación á presión e á falta de osíxeno miniatura|250px|Reconstrución dun esqueleto de pingüín emperador A maiores do frío, o pingüín emperador ten que soportar outras condicións adversas. Entre elas, aturan un incremento de presión de ata 40 veces a da superficie, o que en moitos outros organismos terrestres causaría barotraumas. Os ósos dos pingüíns son sólidos, sen ocos cheos de aire, permitíndolles soportar este tipo de presións sen risco de sufrir danos.
Cando se mergullan, o uso de osíxeno redúcese considerablemente. O seu ritmo cardíaco baixa ata entre 15 e 20 pulsacións por minuto, e varios órganos non esenciais permanecen inactivos, facilitando o aguante baixo a auga. A súa hemoglobina e mioglobina son capaces de transportar osíxeno a baixas concentracións de sangue. Isto permítelles seguir actuando a niveis moi baixos de osíxeno que de non ser así resultarían na perda de consciencia do animal.
Distribución e hábitat O pingüín emperador distribúese pola Antártida case en exclusiva entre as latitudes sur 66° e 77°, e adoita establecer zonas de cría en bloques de xeo estables preto da liña de costa. Estas colonias de cría adoitan localizarse en zonas onde os cantís de xeo e os icebergs serven como protección ante o vento. Existen rexistros de tres colonias terrestres: unha xa desaparecida nunha restinga nas Illas Dion na Península Antártica, outra nun cabo no glaciar Taylor dentro do Territorio Antártico Australiano, e a máis recente delas na baía de Amundsen. Dende 2009 rexistráronse varias colonias en superficies xeadas de lagoas interiores, no canto de na superficie xeada do mar nas costas. As poboacións máis setentrionais atópanse na Illa Snow, preto do extremo norte da Península Antártica. Tamén se teñen rexistrado individuos errantes na Illa Heard, Xeorxia do Sur, e no sur de Nova Zelandia.