300px|miniatura|dereita|A Porta dos leóns en Hattusa. 300px|miniatura|Imperio hitita. miniatura|300px|Localización dos principais xacementos da Anatolia hitita. Os hititas foron un pobo indoeuropeo que habitou a Asia Menor durante a Antigüidade. Invadiron a Asia Menor central sobre o 2500 a. C. Someteron o pobo autóctono, os hattis, dos que tomaron prestados varios deuses, mitos e ritos e parte da súa lingua.
Historia
A historia deste pobo pódese dividir en varias fases:
Xénese do pobo hitita e migración a Anatolia
Os hititas, e os pobos indoeuropeos relacionados, non son orixinarios de Asia Menor. Semella que o pobo autóctono sexa o hatti: civilización urbana moi evolucionada da que subsisten numerosos vestixios (Hacilar, Çatal Hüyük ou Alisar).
Os hititas provirían de Europa. A súa xénese é aínda moi confusa, pero a hipótese comunmente admitida é a seguinte: no Neolítico (VII milenio a. C.), desenvólvese unha civilización florecente nos Balcáns e a conca do Danubio. Esta civilización, cuxa continuidade non se pon en dúbida, desenvólvese ata o IV milenio a. C. Moi refinada, parece ter mesmo creado unha especie de escrita, probabelmente un silabario. Paralelamente, no V milenio a. C., un pobo máis rudo, que falaba moi probabelmente unha lingua próxima do indoeuropeo orixinal, esténdese nas chairas entre o Dniéper e o Volga. Esta civilización caracterízase principalmente polas tumbas das súas elites: foxas recubertas de pequenos túmulos, chamadas en ruso kurgán. Elas deron nome a esta civilización: a cultura dos Kurgáns. Ás veces, un pouco impropiamente, xa que unha cultura non é un pobo, chámaselles pobo dos kurgáns.
Certos membros da cultura dos kurgáns van emigrar, en tres ondas, entre o Vº e o III milenio a. C., cara a civilización danubiana e hana destruír. Numerosos pobos, por asimilación recíproca, van resultar deles.
Non se sabe se os hititas xurdiron da primeira vaga dos kurgáns (4400 a. C. - 4200 a. C.) que, tras teren chegado aos Balcáns, se viron obrigados a emigraren cara Anatolia baixo a presión da segunda onda de migracións ou se xurdiron desta segunda migración (3400 a. C. - 3200 a. C. pero a arqueoloxía non testemuña movementos de poboación desde os Balcáns ata Anatolia ata o final do IIIº milenio antes da nosa era. Algunhas poboacións de lingua luvita parecen instalarse sobre os anos 2300 a. C. - 2200 a. C.: numerosas cidades de Asia Menor, entre as cales está Troia, son devastadas. Unha segunda onda, cara ao 2000 a. C. - 1900 a. C. semella terse instalado máis lentamente, son as poboacións que falaban o hitita-nesita, esencialmente na curva do río Halys.
Os hititas atópanse agora no territorio dos hatti e ten lugar unha simbiose cultural das dúas culturas. O dialecto hitita da vila de Nesa (ou Kanesh) imponse na vida cotiá, mentres que a lingua hatti se converte nunha lingua litúrxica.
Esta simbiose efectuouse pouco e pouco: en efecto, entre a chegada dos indoeuropeos e a constatación da fusión das dúas civilizacións no momento da instalación dos asirios, pasan de dous a tres séculos.
Convén notar que esta tese sobre a orixe dos hititas, sendo a máis común, non ten o aplauso unánime. Así, algúns hititólogos estiman que os hititas entraron en Anatolia polo leste, outros, como Colin Renfrew, estiman mesmo que este pobo é autóctono da Asia Menor e é un descendente das culturas de Çatal Hüyük e dos primeiros cultivadores da rexión.
Emporios asirios
Ao inicio do II milenio a. C., os asirios instalan unha vintena de emporios en Anatolia. Ao contrario que os hititas, os asirios chegan en reducido número e cada emporio consiste nunha colonia asiria separada da poboación local.
Cada unha destas colonias, chamadas karum, conserva a organización asiria tradicional e fica baixo a autoridade do karum de Kanesh, controlado pola metrópole. Os asirios, como testemuñan as numerosas taboíñas cuneiformes atopadas, controlaban toda a economía da Asia Menor, en particular o comercio do cobre.
O poder político polo contrario estaba nas mans dos príncipes hititas que reinaban sobre a multitude de principados dos que estaba composta Anatolia:
Reino de Mama. Reino de Kanish. Reino de Kushara. Reino de Khatti. Zalpuwa (na zona do lago do Sal). Shalatiwara. Burushkhanda.
Pero ao principio do século XVIII a. C., os trastornos do Próximo-Oriente provocaron a ruína, por veces violenta, destas colonias. Isto permite un primeiro movemento de unificación da rexión no século XVIII a. C.: o príncipe de Kussar, Pithanas, apodérase de Nesa, o antigo centro económico, e establécese alí. O seu fillo Anittas continúa a súa obra e unifica unha parte de Anatolia. Na súa Proclamación de Anitta, toma o título de Gran Rei que ha ser empregado por numerosos soberanos do Medio Oriente durante os dous milenios seguintes.
Anittas foi o único rei da súa dinastía. Tras el, a Anatolia atravesa un período escuro de guerras e de fames que dura unha centena de anos. O uso da escrita desaparece case totalmente.
Reis de Kushara, reis de Kanish, reis de Hattusa
Pambas: sobre 2160 a. C. Pithanas ou Pittkhanas despois do 1800 a. C. Anittas sobre 1760 a. C. Peruwa sobre 1730 a. C. Zuzzu sobre 1730 a. C. Tudhaliyas sobre 1730 a. C. Huzziyas antes de 1700 a. C. (Posíbel rei de Zalpa). Pusarrumas sobre 1700 a. C. Papahdilmah sobre 1680 a. C.
Antigo reino
Labarnas I foi o primeiro verdadeiro rei dos hititas. Case non hai documentos ou vestixios do seu reinado e, a parte do Edito de Telibinus, apenas aparece mencionado nos documentos. Algúns historiadores din que se podería tratar dun rei lendario. Todos os reis que o sucederon no trono hitita utilizaron o título de Labarnas, segundo un método semellante ao dos emperadores romanos que empregaron os títulos de César e Augusto por Xulio César. Do mesmo xeito, probabelmente para marcaren a continuidade coa efémera dinastía de Anittas, Labarnas I, e todos os seus sucesores ata a caída do Imperio, toman os títulos de Gran Rei e o de home de Kussar, vila de orixe de Pithanas, pai do primeiro rei, Anittas.
O seu sucesor foi Hattusilis I, igualmente chamado Labarnas II. Os seus vínculos de parentesco co seu predecesor son pouco claros: algúns pensan que este foi o seu neto, o seu sobriño ou mesmo o seu fillo adoptivo. Rei conquistador, o seu nome indica que establecera a súa capital en Hattusa. Con el, o reino hitita esténdese polo norte ata o mar Negro (Zalpa), polo sur ata Arzawa e polo leste ata o Éufrates. É o primeiro rei hitita que atravesou os Montes Taurus que separan a Anatolia da Siria actual. Alí destruíu Alalah, vasalo do reino de Iamkhad, cuxa capital era Alepo.
Mursilis I sucede ao seu avó á fronte do reino hitita. Como o seu avó foi un gran guerreiro. Destrúe o poder de Iamkhad, onde destrúe a súa capital Alepo, logo, en 1594 a. C. leva un ataque sobre Babilonia, que captura, provocando a caída da dinastía fundada por Hammurabi.
Pero guerreando lonxe da súa capital, o reino hitita vólvese fráxil e cando Hantilis I, cuñado de Mursilis, o sucede tras asasinalo, é o inicio dun longo período de problemas. Tras a revolta de Karkemish, os hurritas do Éufrates subleváronse e venceron ao soberano. Os Gasgas fixeron as súas primeiras incursións nas provincias do Norte. O seu sucesor, Zidantas I, é coñecido ante todo pola súa falla de escrúpulos: para acceder ao trono, non dubidou en asasinar ao fillo e ao neto de Hantili. El tamén ha ser asasinado por Ammunas, o seu propio fillo, que o vai suceder.
Baixo o seu reinado a situación empeora e o reino hitita perde varias provincias, entre elas Arzawa e Adana. Á súa morte, tras o asasinato dos seus herdeiros lexítimos, foi Huzziyas, moi probabelmente un dos seus descendentes ilexítimos, quen o sucede, pero é eliminado rapidamente por Telibinus, xenro de Ammunas, que envía ao exilio a el e mailos seus irmáns. Telibinus, principalmente coñecido polo Edito de Telibinus, que establece unha lei sucesoria que fica en vigor ata o fin do Imperio, consegue igualmente consolidar o reino hitita por diferentes accións militares e por un tratado co rei de Kizzuwatna.
Soberanos hititas do antigo reino
1680 a. C./1650 a. C.: Labarnas I 1650 a. C./1620 a. C.: Labarnas II logo Hattusilis I 1620 a. C./1590 a. C.: Mursilis I 1590 a. C./1560 a. C.: Hantilis I 1560 a. C./ ?: Zidantas I Ammunas ? /1525 a. C.: Huzziyas I 1525 a. C./1495 a. C.: Telibinus
Reino de Hatta
Os sucesores de Telibinus son aínda mal coñecidos. Só se coñecen os seus nomes e a orde de sucesión: Alluwamnas, Hantilis II, fillo do anterior, Tahurwailis, Zidantas II, Huzziyas II e Muwatallis I. Con todo, este período correspóndese cun período de debilitamento do estado hitita, e isto facilita a aparición de dúas novas ameazas exteriores:
os kaskas, que fixeran as súas primeiras aparición baixo o reinado de Hantilis I, vólvense máis ameazadores. Obrigan a Hantilis II a reforzar as defensas da capital e das cidades próximas ás fronteiras do reino. os hurritas, que se unifican e forman o reino de Mitanni, cuxo poderío aumenta rapidamente. Este estado anexa ou converte en vasalos os reinos de Alepo, de Alalah e de Kizzuwatna.
Soberanos hititas do Reino de Hatta
1495 a. C./ ?: Alluwamnas Hantilis II Tahurwailis Zidantas II Huzziyas II ? /1465 a. C.: Muwatallis I
Imperio Medio
Sobre 1465 a. C., a dinastía fundada por Labarna é expulsada. É a consecuencia dos problemas dos reinados anteriores e o novo rei, Tudhaliyas I, ten devanceiros hurritas e de Kizzuwatna. Aproveitando as accións do faraón Thutmose III contra Mitanni, que vence a unha coalición mitanno-cananea na batalla de Megiddo, obtén distintas vitorias contra os hurritas, cousa que lle permite volver a poñer Kizzuwatna baixo o dominio de Hattusa e destruír Alepo. Ademais da era de boas relacións con Exipto que inaugura a nova dinastía, Tudhaliyas renova profundamente as elites do país: desde o seu reinado, ao lado da aristocracia tradicional, numerosos personaxes con nomes de orixe hurrita ocuparon postos importantes.
Soberanos hititas do Imperio Medio
1465 a. C./1420 a. C.: Tudhaliyas I 1420 a. C./1400 a. C.: Arnuwandas I 1400 a. C./1397 a. C.: Tudhaliyas II ou Tukhantis 1397 a. C./1395 a. C.: Hattusilis II 1395 a. C./1380 a. C.: Tudhaliyas III
Imperio Novo miniatura|300px|Os imperios hitita e exipcio. Tras o asasinato do herdeiro do trono, o novo e enérxico príncipe Suppiluliumas I reforma completamente o reino hitita. É a verdadeira creación do Imperio Hitita.
Suppiluliumas restablece igualmente o reino no seu papel de peza importante no taboleiro de xadrez do Oriente Próximo. Loita contra Mitanni e reduce o seu poder, e logo lanza unha campaña contra Kizzuwatna, que se anexiona.
O renacer do poder hitita rompe o equilibrio do Oriente Próximo: os hititas e os exipcios exercían nel unha loita de influencias co fin de controlar o corredor comercial que pasa entre a Siria e a Palestina. Pero os faraóns exipcios reaccionan debilmente ás conquistas hititas que anexionan ou converten en vasalos aos Estados aliados de Mitanni, tamén aliado de Exipto: Alalah, Nuhase e mesmo Qadesh, chave do val do Orontes, son controladas por Suppiluliumas durante o reinado de Akhenaton; os reinos de Amurru, de Aziru e de Ugarit convértense en vasalos durante o reinado de Tutankhamon. Finalmente, os últimos aliados de Mitanni ceden e Karkemish, que controla o paso do Éufrates, intégrase no Imperio.
Rompendo coa tradición, Suppiluliumas consolida as súas conquistas ao facer tratados cos seus vasalos, que elixe con coidado. Nomea así aos seus dous fillos reis de Alepo e de Karkemish. Esta cidade, unha das máis antigas do Oriente Próximo, convértese na segunda cidade do imperio. Alí reside o vicerrei, controlando desde esta cidade os diferentes reinos sirios que foron converténdose progresivamente en vasalos do imperio hitita. Suppiluliumas reforza a súa posición ao casar as súas fillas con diferentes reis sirios.