Óscar Alfonso García Patiño, nado en Cambre en 1964 é un político galego.
Traxectoria Militou no PSdeG-PSOE, formación pola que foi elixido concelleiro en Cambre en 2003 e ocupou a área de medio ambiente. En marzo de 2007 a executiva local socialista propuxo, co apoio das bases, unha candidatura á alcaldía que encabezaba el e que excluía o alcalde Antonio Varela Saavedra e outros membros do executivo local. Porén, a intervención das direccións autonómica e provincial en prol do alcalde supuxo que este volvese encabeza-la candidatura socialista. El e mais outros edís díscolos foron cesados polo alcalde.
En maio de 2009 presentou a formación Unión por Cambre (UxC), a cal encabezou nas eleccións municipais de 2011. Desta forma logrou 3 concelleiros e foi a terceira forza máis votada tralo PPdeG e o PSdeG. Optou por absterse na votación de investidura polo que favoreceu o acceso do PPdeG á alcaldía como forza máis votada. Tras tumbar nunha moción de confianza, xunto cos demais grupos da oposición, ao goberno local en marzo de 2013 negociou unha moción de censura cos grupos de esquerdas que finalmente non frutificou, polo que os populares seguiron gobernando o resto do mandato. Nas municipais de 2015 volveu encabeza-la candidatura de Unión por Cambre e subiu a 5 concelleiros, sendo a segunda forza, e foi elixido alcalde grazas a un pacto co PSdeG-PSOE e o BNG.
Nas eleccións municipais de 2019 logrou a vitoria con 8 concelleiros e volveu ser escollido alcalde, gobernando en coalición cos socialistas. Nas municipais de 2023 volveu se-la forza máis votada, se ben baixou a 7 concelleiros. Desta forma, revalidou novamente a alcaldía e conformou un novo goberno de coalición co PSdeG. O 7 de marzo de 2024 fíxose pública a súa dimisión ante o "cansazo polo bloqueo administrativo" no Concello.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais en Cambre
Categoría:Alcaldes de Cambre Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Nados en Cambre Categoría:Nados en 1964 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes