A tartaruga carei ou tartaruga mariña careiConde Teira, M. A. (1996): "Acerca dos nomes dos anfibios e réptiles galegos" en Cadernos de Lingua, 13, páx. 84. Real Academia Galega. (Eretmochelys imbricata) é unha especie de tartaruga mariña da familia dos quelónidos, que se encontra en perigo crítico de extinción. É a única especie do xénero Eretmochelys. Existen dúas subespecies, Eretmochelys imbricata imbricata que se pode encontrar no océano Atlántico e Eretmochelys imbricata bissa, localizada na rexión indo-pacífica. É unha das especies de tartarugas mariñas que visita as costas galegas (ver Lista de réptiles de Galicia).
O seu aspecto é similar ao doutras tartarugas mariñas. Ten un corpo plano, unha coiraza ou cuncha protectora, e as súas extremidades en forma de aletas están adaptadas para nadar en mar aberto. Distínguese doadamente doutras tartarugas mariñas polo seu peteiro bicudo e curvado cunha prominente mandíbula superior (tomium) e polas beiras en forma de serra da súa coiraza. Aínda que a tartaruga pasa parte da súa vida en mar aberto, atópase máis frecuentemente en lagoas costeiras de pouco fondo e arrecifes de coral, onde encontra facilmente as súas presas preferidas, as esponxas de mar. Algunhas das esponxas das que se alimenta son altamente tóxicas e letais para outros organismos polo seu alto contido de óxido de silicio, o que converte á tartaruga carei nun dos poucos animais que poden alimentarse de organismos silíceos. Tamén se alimentan doutros invertebrados, como ctenóforos e medusas.
A causa das prácticas de pesca humanas, as poboacións desta especie en todo o mundo están en serio perigo, polo que foi clasificada pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza como especie en perigo crítico de extinción. Varios países, como a China e o Xapón, cazáronas pola súa carne, considerada un manxar. A cuncha destas tartarugas e o material que as forma (tamén chamado carei, que tamén se obtén doutras tartarugas) foi empregado para a fabricación de obxectos decorativos. Segundo o Convenio sobre o Comercio Internacional de Especies de Fauna e Flora Salvaxe Ameazadas (CITES), a captura e o comercio destas tartarugas e os seus produtos derivados son ilegais en moitas nacións.
Taxonomía e etimoloxía
miniatura|esquerda|Tartaruga carei (arriba á dereita) nunha lámina de Ernst Haeckel de 1904. Describiuna inicialmente Carl von Linné como Testudo imbricata en 1766. Foi trasladada ao xénero Eretmochelys polo zoólogo austríaco Leopold Fitzinger en 1843. En 1857, a especie foi redescrita como Eretmochelys imbricata squamata, unha denominación actualmente inválida.
Hai dúas subespecies aceptadas no taxon E. imbricata. Eretmochelys imbricata bissa (Rüppell, 1835) é a subespecie que comprende todas as poboacións que habitan o océano Pacífico. A poboación do Atlántico considérase pertencente á outra subespecie, Eretmochelys imbricata imbricata (Linneo, 1766). O nome da subespecie imbricata mantívose porque o espécime que Linneo utilizou inicialmente para describir a especie era do Atlántico.
Fitzinger elixiu o nome do xénero Eretmochelys a partir das palabras gregas eretmo e chelys, correspondentes a «remo» e «tartaruga», respectivamente, a causa das súas aletas dianteiras en forma de remo. O nome de especie, imbricata, provén do latín e significa imbricado, referíndose ás placas superpostas da coiraza desta tartaruga. O nome da subespecie do Pacífico, bissa, é o termo latino para «dúas veces». A subespecie foi inicialmente descrita como Caretta bissa porque daquela era a segunda especie do xénero, e de aí o de bissa. O xénero Caretta é o máis emparentado coa tartaruga carei.
Historia evolutiva
E. imbricata ten varias características anatómicas e ecolóxicas únicas entre as tartarugas mariñas, como ser o único réptil fundamentalmente esponxívoro coñecido. Por isto, a súa posición evolutiva foi algo confusa. As análises moleculares apoian a probabilidade de que a familia Eretmochelydae evolucionase a partir de antepasados carnívoros. Como a tribo taxonómica Carettini está formada por especies carnívoras (como Caretta caretta), a tartaruga carei moi probablemente evolucionou a partir desta, en vez de a partir da tribo herbívora Chelonini, que inclúe a Chelonia mydas.
Anatomía e morfoloxía
miniatura|esquerda|Eretmochelys imbricata. As beiras serradas e as placas superpostas da coiraza son claramente visibles nesta fotografía. A carei ten a aparencia típica dunha tartaruga mariña. Igual que nos demais quelónidos, o seu corpo é plano e as súas extremidades en forma de aleta están adaptadas á natación. As tartarugas adultas teñen de media entre 60 e 90 cm de lonxitude de coiraza e entre 50 e 80 kg de peso, cun máximo rexistrado de 127 kg. A súa coiraza ou cuncha ten un fondo de cor ámbar, cunha combinación irregular de bandas claras e escuras de cores predominantemente amarelas e marróns difundidas aos lados.
Os exemplares novos son negros, menos nas beiras da coiraza, que son amarelas. Cando nacen teñen forma de corazón e van adquirindo forma oval cando medran. A cor da beira aserrada formada polas placas da coiraza esvaécese coa idade. Os machos distínguense por unha pigmentación máis clara, plastrón cóncavo, uñas máis longas e unha cola máis grosa.
A carei ten varias características que a distinguen doutras especies estreitamente relacionadas con ela. A súa cabeza alongada e afiada remata nunha boca parecida a un peteiro, que, no seu caso, é máis pronunciado e afiado que o doutras tartarugas mariñas. Os seus brazos teñen dúas uñas visibles en cada aleta.
miniatura|Primeiro plano da súa distintiva boca en forma de peteiro. Unha das súas características máis distintivas é o patrón de grosas placas que forman a súa coiraza. Aínda que a súa coiraza ten cinco placas centrais e catro pares a cada lado como varios membros da súa mesma familia, as placas posteriores da carei superpóñense de tal maneira que lle dan ao bordo posterior da súa coiraza unha aparencia aserrada, parecida ao gume dunha serra ou dun coitelo dentado. A coiraza da tartaruga pode chegar a medir 90 cm de ancho.
As pegadas que deixa na area son asimétricas, xa que se arrastran por terra cun paso alterno. Esta forma de avance diferénciase do das tartarugas verdes (Chelonia mydas) e das tartarugas de coiro (Dermochelys coriacea), que se arrastran dun xeito bastante simétrico.
Son grandes nadadoras. Poden alcanzar velocidades de ata 24 km/h e hai rexistros de tartarugas que percorreron nadando 4.828 km. No Caribe rexistráronse inmersións de tartarugas carei a máis de 70 metros de profundidade durante un período de máis de 80 minutos.
Distribución miniatura|300px|Gráfico de lugares de aniñacion de E. imbricata. Os círculos vermellos representan os principais lugares de posta, os amarelos, os secundarios.(Clicar na imaxe para ampliar). Ten unha ampla área de distribución. Vive principalmente en augas tropicais dos océanos Índico, Pacífico e Atlántico. De todas as especies de tartarugas de mar, E. imbricata é unha das máis asociadas con augas tropicais. Existen dúas subpoboacións principais, a do Atlántico e a do Índico-Pacífico.
Subpoblación atlántica No Atlántico, as súas poboacións principais no oeste están no golfo de México, e a área de distribución no leste é o litoral do continente africano. O límite norte da área de distribución da especie pode estenderse ata o estreito de Long Island, ao longo do norte dos Estados Unidos (tamén se observaron en Massachusetts e Virxinia). . Ao outro lado do Atlántico, víronse tartarugas carei tan ao norte como nas frías augas do canal da Mancha. Tamén se ten visto nalgunhas ocasións nas costas galegas (ver Lista de réptiles de Galicia). A rexión máis ao sur na que se viron exemplares é o cabo de Boa Esperanza, en África.
Viven no Caribe, costa brasileira (en concreto en Baía), e o sur de Florida. No Caribe víronse nas praias de Antiga e Barbuda. Costa Rica ten lugares de aniñamento de E. imbricata, concretamente nas proximidades do Parque Nacional de Tortuguero. A illa de Cuba é unha zona de alimentación para as poboacións de tartarugas carei caribeñas. En Porto Rico, as augas en torno á illa de Mona tamén lles serven de lugar de alimentación. As costas sur e leste da República Dominicana contan tamén con lugares de desove e hábitats para xuvenís, estas poboacións encóntranse en zonas protexidas como a illa Saona no Parque Nacional del Este e o Parque Nacional Jaragua.
Subpoblación indo-pacífica
miniatura|Exemplar novo de E. imbricata na illa de Reunión. A poboación da especie indo-pacífica esténdese ao longo de toda a rexión. No océano Índico, as carei poden verse a miúdo ao longo de toda a costa oriental do continente africano, incluídos os mares en torno a Madagascar e os grupos de illas veciñas. A variedade da especie do océano Índico esténdese ao longo da costa de Asia, incluído o golfo Pérsico e o mar Vermello, por todo o litoral do subcontinente indio e a través do arquipélago indonesio e da costa noroeste de Australia. A variedade pacífica de E. imbricata limítase ás rexións tropicais e subtropicais do océano. A poboación máis ao norte da rexión sitúase nas augas do extremo suroeste da península de Corea e o arquipélago xaponés. Esta variedade do océano Pacífico habita por toda a rexión do Sueste Asiático, toda a costa norte de Australia e, desde o sur de Australia ata o norte de Nova Zelandia. En Australia E. imbricata aniña na illa Milman, na Gran Barreira de Coral. Ao outro lado do Pacífico, pódense ver desde o extremo norte da península de Baixa California, en México, e nas augas de Centroamérica, especialmente na Baía de Jiquilisco no Salvador. Esta zona alberga aproximadamente o 40% da poboación de todo o pacífico oriental, polo que a especie reside durante todo o ano na baía usando os canais do esteiro para alimentarse e aparearse. O resto esténdese por toda a zona de América do Sur ata o extremo norte de Chile.
En Filipinas hai varios lugares onde aniña a especie. Atopáronse careis na illa de Borácay. Un pequeno grupo de illas ao suroeste do arquipélago filipino denomínase Illas das Tartarugas porque son coñecidas como lugar de aniñamento de dúas especies de tartarugas mariñas, incluída a carei (a outra é a tartaruga verde). No océano Índico, o lugar máis ao leste onde se ten coñecemento sobre niños de tartarugas carei é na illa Cousine, nas Seychelles, onde a especie está protexida legalmente desde 1994. As lagoas interiores e illotes das Seychelles, como o atol Aldabra, son bos lugares de alimentación para exemplares inmaturos.
Ecoloxía
Hábitat Os adultos encóntranse principalmente en arrecifes de coral tropicais. En xeral pasan o día descansando en covas e saíntes en e arredor destes arrecifes. Como é unha especie de marcado carácter migratorio, tamén se pode atopar nunha ampla variedade de hábitats, desde o mar aberto ata lagoas costeiras e mangleirais en estuarios. Non se sabe moito sobre as preferencias de hábitat durante os seus primeiros anos de vida pero considérase que, igual que outras tartarugas mariñas novas, son completamente peláxicas, polo que o mar aberto é o seu fogar ata que alcanzan a madurez.
Alimentación miniatura|esquerda|E. imbricata nun arrecife de coral en Venezuela.