Milagros María Otero Parga, nada en Santiago de Compostela en 1960, é unha avogada e xurista galega. Desempeñou o cargo de Valedora do Pobo de Galicia entre setembro de 2015 e xullo de 2019, obrigada a dimitir por unha sentenza xudicial que a acusaba de trato de favor.
Traxectoria Miagros Otero é doutora en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela. É catedrática de Filosofía do Dereito na USC, da que foi decana. É académica da Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación.
Valedora do Pobo (2015-2019) O 3 de agosto de 2015 foi elixida Valedora do Pobo polo Parlamento de Galicia, cargo do que tomou posesión o 2 de setembro. Tratábase dun momento complexo para a institución, trala dimisión de Benigno López en 2012 e unha interinidade de tres anos do seu sucesor, José Julio Fernández.
Ao longo do seu mandato, afrontou numerosas críticas da oposición parlamentaria, acusada de condescendencia co goberno da Xunta. No 2017, no medio dunha forte polémica co goberno municipal de Compostela Aberta acerca da situación de varias persoas sen fogar no casco histórico de Santiago, a Valedora fíxose eco da situación. Na súa comparecencia revelou datos persoais de tres destas persoas.
En xuño de 2018 unha sentenza xudicial atopouna culpábel de abusar do seu poder no nomeamento como Xefa de Servizo da institución de María Puy Fraga, sobriña de Manuel Fraga Iribarne e irmá de Pedro Puy Fraga. A Valedora negouse a dimitir, mentres intentaba que a sentenza fose revisada. O propio PPdeG sostívoa no cargo ante as críticas da oposición. Ante a evidencia de que a sentenza era firme, acabaría por dimitir un ano despois, non sen antes incorrer nunha nova polémica ao solicitar que se aumentase a remuneración que percibía polo seu cargo.
Galardóns Medalla de Prata de Galicia en 2005.
Notas
Categoría:Catedráticos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Medalla de Prata de Galicia Categoría:Valedores do Pobo Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Nados en 1960 Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela