Mass Effect 2 é un videoxogo de rol e acción desenvolvido por BioWare e publicado por Electronic Arts. Foi lanzado para Microsoft Windows e Xbox 360 o 26 de xaneiro de 2010, e para PlayStation 3 o 18 de xaneiro de 2011. É a secuela do orixinal Mass Effect e segunda entrega da serie homónima. O xogo ten lugar na Vía Láctea durante o século XXII, onde a humanidade se atopa ameazada por unha especie con forma de insecto coñecida como Collectors. O xogador toma o papel do Comandante Shepard, un soldado de elite humano que debe xuntar un equipo e gañarse a súa lealdade para derrotar o inimigo nunha misión suicida. Ao importar unha partida gardada do primeiro xogo, o xogador pode influír nos acontecementos da historia deste videoxogo de diversas formas.
Para este episodio, BioWare cambiou varios elementos da mecánica de xogo, poñendo énfase no aspecto de shooter en terceira persoa e incluíndo os conceptos de munición limitada e rexeneración de saúde. En contraste co enfoque exclusivo na historia principal do Mass Effect orixinal, os desenvolvedores optaron por crear un argumento onde as misións opcionais tivesen a mesma intensidade que a misión principal. O compositor Jack Wall volveu compoñer a banda sonora do xogo, acadando un son máis escuro e maduro para acompañar o ton deste xogo. Mass Effect 2 tamén incluíu varios paquetes de contido descargable publicados dende xaneiro de 2010 ata maio de 2011, que incluíron dende engadidos cosméticos ata novas misións relacionadas coa historia principal. Os máis destacados destes paquetes foron Overlord, Lair of the Shadow Broker e Arrival.
Mass Effect 2 foi un éxito comercial e tivo unha boa recepción por parte dos medios especializados, acadando unha puntuación de 96 sobre 100 no agregador web Metacritic. Os críticos eloxiaron múltiples aspectos do xogo, incluíndo a súa historia interactiva, personaxes e combate. Porén, tamén houbo críticos que expresaron a súa preocupación pola simplificación da mecánica de xogo en comparación co primeiro xogo da serie. O videoxogo recibiu numerosos premios, incluíndo o premio ao Xogo do Ano da 14ª edición anual dos premios da Academy of Interactive Arts & Sciences, e o premio ao Mellor Xogo nos BAFTA de 2011. O episodio seguinte na serie, Mass Effect 3, foi publicado no 2012.
Mecánica de xogo Mass Effect 2 é un videoxogo dun xogador de acción e rol no que o xogador toma o papel protagonista do Comandante Shepard nunha perspectiva de terceira persoa. O xénero, aparencia, historia e nome de Shepard determínanse na creación do personaxe a elección do xogador. O xogador tamén pode importar o personaxe dende unha partida gardada do precursor Mass Effect ou comezar o xogo cun novo personaxe. Importar o personaxe dende o videoxogo anterior permite que varias das decisións tomadas polo xogador no primeiro xogo teñan un impacto na historia de Mass Effect 2 e confire unha serie de bonificacións iniciais ao xogador. Hai un total de seis clases de personaxes a elixir, determinando cada unha delas os poderes e tipos de armas que o xogador ten á súa disposición. Por exemplo, a clase Vanguard especialízase no combate corpo a corpo e o uso de escopetas, mentres que a clase Infiltrator baséase no uso de camuflaxe e rifles de francotirador.
O mundo no que se desenvolve a historia en Mass Effect 2 é unha galaxia que o xogador pode explorar para atopar e completar misións. A maioría destas misións requiren de accións de combate e interaccións con personaxes locais nos asentamentos que visita. A medida que o xogador progresa, a historia do xogo vai descubrindo novos lugares que pode visitar e pode ir recrutando novos membros para o seu equipo. Os puntos de experiencia gáñanse ao completar as distintas misións, e permiten que o xogador suba de nivel para mellorar as habilidades do seu personaxe e dos membros do seu equipo. Os poderes que o xogador vai gañando melloran as capacidades de combate do xogador, tendo cada un destes poderes catro niveis de efectividade, e cando se acada o cuarto nivel nun poder o xogador debe escoller entre dúas posibles capacidades de mellora que se lle ofrecen para ese poder en concreto.
O principal transporte do xogador é unha nave espacial que serve como base de operacións para Shepard. A bordo da nave o xogador pode interactuar cos membros do seu equipo, modificar a súa armadura, viaxar aos distintos sistemas planetarios e analizar os diversos planetas atopados na busca de recursos minerais. Estes recursos permítenlle ao xogador investigar e desenvolver diversas melloras que vai atopando nas misións, que aumentan o dano das súas armas, aumentan a súa saúde ou estenden a capacidade de combustible da nave entre outras. A análise dun planeta require que o xogador mova unha retícula sobre o planeta enviando unha sonda cando un osciloscopio sinala a presenza de recursos. O xogador pode adquirir tamén outras melloras, equipamento e obxectos decorativos mercándoos nos diversos planetas que vai visitando.
Combate 200px|dereita|miniatura|Logo N7 da armadura do personaxe protagonista. O combate en Mass Effect 2 desenvólvese en forma de escuadra militar, cun máximo de dous membros do equipo acompañando ao xogador no campo de batalla. O xogador ten control directo sobre Shepard mentres que os outros dous membros da escuadra están controlados pola intelixencia artificial do xogo. As batallas teñen lugar en tempo real, aínda que o xogador pode parar a acción en calquera momento para facer obxectivo nos inimigos e indicar aos membros da escuadra que empreguen os poderes que teñen a súa disposición. O xogo emprega unha perspectiva en terceira persoa, colocando a cámara por riba do ombreiro de Shepard, e pon énfase no uso de cobertura para evitar recibir dano ao loitar coas forzas inimigas. O xogador tamén pode dar ordes directas aos membros da escuadra, indicando que tomen unha determinada posición ou que enfoquen os seus disparos un obxectivo designado.
Ao contrario que no seu predecesor Mass Effect, onde as armas sobrequencíanse ao ser disparadas de forma continua nun período de tempo prolongado, as armas en Mass Effect 2 teñen un cargador finito e deben recargarse tras un determinado número de disparos. Shepard e os membros da súa escuadra teñen un escudo protector que pode absorber o dano recibido ata un certo punto. Cando se esgota este escudo, o dano adicional recibido reduce a saúde do xogador e os seus compañeiros de escuadra. Tanto o escudo como a saúde rexenéranse automaticamente tras un certo tempo sen recibir ningún dano. O xogador pode revivir a membros caídos da escuadra empregando un dos poderes a súa disposición, pero se el mesmo morre ten que retomar o xogo de novo dende o último punto de gardado.
Tódolos inimigos posúen unha saúde, escudo, armadura, barreira ou unha combinación destas, e cada un destes tipos de protección presenta unha vulnerabilidade propia. Por exemplo, a armadura é vulnerable a poderes como Incinerate, que queima aos inimigos ao longo dun determinado tempo, ou armas de baixa cadencia de disparo como rifles de francotirador e pistolas de gran calibre. Pola contra, os escudos son vulnerables a poderes como Overload e armas de alta cadencia de disparo como metralladoras lixeiras e rifles de asalto. Os inimigos xefes empregan as barreiras, aumentando a súa dificultade e diferenciándose así dos tipos de inimigos máis comúns. Cando os escudos, armadura e barreiras dun inimigo quedan reducidas a cero, o xogador pode empregar outros poderes que afectan directamente aos inimigos, como por exemplo o poder Pull que incapacita e fai levitar aos inimigos temporalmente. Tamén existen outros poderes que axudan temporalmente ao xogador, como Adrenaline Rush que inicia un modo temporal de tempo bala. No seu conxunto, todos estes poderes non requiren o uso de ningún tipo de recurso, mais presentan un período de recarga entre usos determinado.
Diálogos e sistema de moralidade Nas conversas con outros personaxes, Mass Effect 2 presenta un menú radial de comandos, coas distintas opcións de diálogo en cada unha das direccións da roda. A parte esquerda da roda resérvase polo xeral para as opcións que continúan a conversa en profundidade, mentres que as opcións presentadas á dereita da roda avanzan a conversa. As respostas da parte superior adoitan ser máis amistosas, mentres que as respostas da parte inferior son máis agresivas. O xogo tamén emprega unha interface de usuario sensitiva ao contexto que permite ao xogador interromper as conversas con accións directas en determinados momentos. As opcións escollidas nos diálogos afectan ás reaccións e impresións que os personaxes teñen de cara a Shepard, ás recompensas por finalizar misións, aos posibles romances e a propia moralidade de Shepard.
A moralidade mídese en puntos de tipo Paragon e Renegade. Estes puntos afectan á dispoñibilidade de opcións especiais de diálogo que teñen un impacto significativo no xogo. Por exemplo, algunhas das misións presentes no xogo teñen o obxectivo de gañar a lealdade dos membros da escuadra, e as accións do xogador durante estas misións determinan se conseguen gañar dita lealdade. Os membros de escuadra leais a Shepard permiten o uso de poderes especiais cando acompañan ao xogador e inflúen no resultado da misión final. O final do xogo é diferente dependendo das accións tomadas no seu transcurso, variando dende a supervivencia de todo o equipo de Shepard ata a morte de tódolos membros, Shepard incluído, con variantes entre ambos extremos. Ao finalizar o xogo, unha nova opción chamada New Game+ permite ao xogador volver xogar dende o comezo empregando o mesmo personaxe co que rematou, conservando as habilidades e poderes conseguidos.
Sinopse
Ambientación Mass Effect 2 ten lugar na Vía Láctea durante o século XXII onde as viaxes interestelares son posibles a través duns sistemas de tránsito chamados Mass Relays, unha tecnoloxía que se atribúe a unha raza extraterrestre extinta coñecida como protheans. O conglomerado de gobernos coñecido como o Citadel Council controla unha gran parte da galaxia e son os responsables de manter a orde entre as distintas razas da comunidade galáctica. As razas pertencentes a este conglomerado inclúen aos humanos, aos asari, aos salarian e aos turian. Outras das razas extraterrestres que aparecen no xogo inclúen aos krogan e drell de forma réptil, aos quarian, e a unha raza de intelixencias artificiais conectadas entre elas chamadas geth.
Segundo os eventos ocorridos no primeiro Mass Effect, un exército geth tentou abrir un portal para traer á galaxia a unha raza de seres-máquina medio orgánicos e medio sintéticos con forma de naves espaciais coñecidas como os Reapers. A mitoloxía do xogo indica que os Reapers teñen o propósito de eliminar tódalas formas de civilización de seres orgánicos cada 50 000 anos, polo que a comunidade galáctica teme unha invasión destes seres. Por outra banda, unha organización pro-humanos chamada Cerberus cre que os humanos merecen un papel máis importante na galaxia e xustifica calquera método de avance para a ascensión da humanidade, incluíndo experimentos considerados ilegais ou perigosos, terrorismo, sabotaxe e asasinatos, polo que o goberno decláraa organización terrorista e comeza unha persecución para atrapar aos seus membros.
Personaxes