Agustín de Argüelles Álvarez, nado en Ribeseya o 18 de agosto de 1776 e finado en Madrid o 26 de marzo de 1844, alcumado «o Divino» pola súa oratoria durante as Cortes de Cádiz, foi un avogado, político e diplomático español. Foi presidente das Cortes en 1841 e titor da Raíña Isabel II."Agustín de Argüelles" en Microsoft Encarta 2009 Biblioteca Premium en DVD.

Traxectoria Fillo segundo de José Antonio de Argüelles e Uría, morgado en Ribeseya, e de Teresa Álvarez González, a súa segunda muller. Estudou Dereito na Universidade de Oviedo e en 1800 trasladouse a Madrid, onde grazas ao seu dominio do inglés empregouse na Secretaría de Interpretación de Linguas. En 1806, o valido de Carlos IV, Manuel Godoy, enviouno a Londres como embaixador especial para que trabase conversas co Goberno británico de cara a suscitar unha alianza contra Napoleón Bonaparte.

En 1808, a raíz do levantamento español contra as tropas napoleónicas, regresou a España a requirimento do seu paisano Gaspar Melchor de Jovellanos e estableceuse en Sevilla, cidade non ocupada polos franceses onde tiña a súa sede a Xunta Suprema Central. Foi secretario da Real Xunta de Facenda e Lexislación, cuxos traballos anticiparon os das Cortes de Cádiz, e despois deputado por Asturias a ditas cortes, onde participou activamente na redacción da primeira constitución española, destacando polos seus intentos de abolición da escravitude e pola súa oposición ao tormento como proba xudicial. Debido á súa oratoria vibrante e emotiva sería alcumado «o Divino».

Coa volta de Fernando VII a España e a restauración absolutista, Argüelles foi enviado como presidiario a Ceuta en 1814 e ao ano seguinte á localidade mallorquina de Alcúdia, en cuxa prisión pasaría cinco anos. Rehabilitado tralo pronunciamento de Riego, foi nomeado ministro da Gobernación. Despois do goberno liberal exiliouse a Inglaterra en 1823 e sobreviviu como bibliotecario de Lord Holland, con quen mantiña amizade dende a embaixada especial que desempeñara no Reino Unido por ordes de Godoy dúas décadas antes. No exilio escribiu a súa principal obra teórica: Examen histórico de la reforma constitucional en España, que vería a luz en Londres en 1835. miniatura|180px|Monumento a Argüelles en Madrid, por José Alcoverro. Trala morte de Fernando VII, regresou a España en 1834, participando na redacción da constitución de 1837. Foi elixido deputado por Asturias e nomeado preceptor de Isabel II durante a súa minoría de idade por Baldomero Espartero, tras perder a votación nas Cortes Xerais fronte a este para ser elixido rexente de España. En 1844 volveu ser elixido deputado, inda que esta vez por Madrid, ese mesmo ano faleceu no seu domicilio dun ataque de apoplexía.

Doce anos despois da súa morte, o Concello de Madrid bautizou co seu nome a un dos barrios do Ensanche de Madrid, o que se edificou na parte alta da Montaña do Príncipe Pío. O barrio foi levantado entre 1856 e 1884. Desde 1902, con motivo das festividades pola coroación de Afonso XIII, levantouse na súa honra unha estatua esculpida en mármore polo catalán José Alcoverro.

En Vigo ten unha praza adicada, que antes se chamaba Praza da Herba.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía (1991). Agustín Argüelles (1776-1844), "Padre del constitucionalismo español". Madrid. Atlas. : Argüelles Álvarez, Agustín (1776-1843)" en Enciclopedia Universal Micronet, 2006, en DVD.

Outros artigos Guerra da Independencia española Ligazóns externas Discursos de Agustín Argüelles na Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes . : Retrato de Agustín Argüelles en La Ilustración Liberal . Agustín de Argüelles Álvarez na Biblioteca Virtual de Polígrafos da Fundación Ignacio Larramendi .

Categoría:Nados en Ribeseya Categoría:Nados en 1776 Categoría:Finados en 1844 Categoría:Guerra da Independencia española Categoría:Deputados nas Cortes Españolas durante o reinado de Isabel II Categoría:Embaixadores de España no Reino Unido Categoría:Ilustración (corrente intelectual) Categoría:Masóns de España Categoría:Alumnos da Universidade de Oviedo