O arco visigótico de Panxón é un arco de ferradura de finais do século VII que formaba a porta de entrada dunha antiga igrexa de estilo visigodo que se atopa na parroquia pontevedresa de Panxón, no concello de Nigrán.
Os restos formaban parte dunha capela dedicada a San Pantaión, pero co tempo pasaron a formar parte dunha igrexa máis moderna de planta basilical, a de San Xoán de Panxón (mais o arco semella que estaba oculto). En 1932, o arquitecto porriñés Antonio Palacios constrúe nun outeiro a poucos metros do arco a nova igrexa de San Xoán: o Templo Votivo do Mar, conservando só a construción visigótica orixinal do antigo templo.
Declarouse Ben de Interese Cultural en 1964. A súa importancia reside en ser das primeiras manifestacións relixiosas do cristianismo en Galicia.Web Outono.net Arco Visigótico de Panxón
Estilo Trátase dunha igrexa de planta de cruz grega da que practicamente só se conserva a fachada principal e parte dos muros laterais, todo en cantaría e cachotaría de granito. A planta é cadrada (propio da arquitectura xermánica), e da porta accédese directamente ao presbiterio. A porta de entrada principal arránxase cun arco de ferradura típico da arte visigoda, rexo e estábel; a liña de extradorso externa do arco é perpendicular ao chan e no seu interior é moi irregular como ocorre na igrexa de Santa Comba de Bande; a diferenza con esta consiste que aquí as doelas encaixan cos perpiaños inmediatos ao muro. O arco fica sostido por un parella de piares (antes foran catro) de fuste liso con cadanseu chapitel corintio ornamentado cunha coroa dupla de follas de acanto, volutas incipientes e elementos xeométricos. O arco posúe vinte e unha doelas dispostas de xeito radial, agás as inferiores que se dispoñen de xeito horizontal.
Nas ruínas do templo achamos tamén a lousa dun sarcófago antropomorfo suevo (séculos V-VII) con decoración de tipo estola (véxase foto na Galería de Imaxes). O arco serviu de inspiración para Antonio Palacios na construción do Templo Votivo do Mar.
Estado de conservación O estado de conservación do arco é bo, mais a contorna está moi descoidada. Cando en 1932 Antonio Palacios presentou o proxecto do Templo Votivo de Panxón dixo que non cobraría diñeiro polo seu traballo coa condición de que os veciños coidasen o arco visigótico. Foi declarado Monumento histórico-artístico polo Decreto 4078/1964, e Ben de Interese Cultural o 3 de decembro de 1964.
Galería de imaxes
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Templo Votivo do Mar
Panxon Categoría:Arquitectura en Nigrán Categoría:Igrexas prerrománicas de Galicia Panxon