As cioclofilinas son unha familia de proteínas de vertebrados e outros organismos que se unen á ciclosporina, un inmunosupresor que xeralmente se usa para suprimir o rexeitamento despois dun transplante de órganos interno. Estas proteínas teñen actividade de peptidil prolil isomerase, coa que catalizan a isomerización de enlaces peptídicos desde a forma trans á cis en residuos de prolina e facilitan o pregamento de proteínas.

A ciclofilina A é unha proteína citosólica e moi abondosa. A proteína pertence a unha familia de isocimas, na que se inclúen as ciclofilinas B e C, e as proteínas relacionadas coas ciclofilinas das células asasinas naturais. Atopáronse importantes isoformas por toda a célula, incluíndo no retículo endoplasmático e algunhas mesmo son segregadas.

Dous membros ben coñecidos da familia son as ciclofilinas A e D.

Ciclofilina A (CypA) A ciclofilina A tamén chamada peptidilprolil isomerase A, que se encontra no citosol das células, ten unha estrutura en barril beta con dúas hélices alfa e unha folla beta. Outras ciclofilinas teñen estruturas similares á ciclofilina A. O complexo ciclosporina-ciclofilina A inhibe unha fosfatase dependente de calcio/calmodulina chamada calcineurina, cuxa inhibición se pensa que suprime o rexeitamento de órganos ao deter a produción das moléculas proinflamatorias TNF alfa e interleucina 2.

A ciclofilina A tamén é recrutada polas poliproteínas Gag durante a infección polo VIH-1, e a súa incorporación en novas partíclas víricas é esencial para a infectividade do VIH-1.

Ciclofilina D A ciclofilina D, que está localizada na matriz da mitocondria, é só un compoñente modulador pero non estrutural do poro de transición de permeabilidade mitocondrial. A abertura do poro aumenta a permeabilidade da membrana mitocondrial interna, e permite o fluxo de moléculas citosólicas ao interior da matriz mitocondrial, o que incrementa o volume da matriz, e altera a membrana mitocondrial externa. Como resultado, a mitocondria cae nunha desorde funcional, polo que a apertura do poro xoga un importante papel na morte celular. A ciclofilina D crese que regula a apertura do poro porque a ciclosporina A (CsA), que se une á CyP-D, inhibe a abertura do poro.

Porén, as mitocondrias procedentes de quistes do crustáceo Artemia franciscana, non presentan o poro de transición de permeabilidade mitocondrial.

Exemplos Xenes humanos que codifican proteínas que conteñen dominios peptidil-prolil cis-trans isomerase de tipo ciclofilina son: PPIA, PPIB, PPIC, PPID, PPIE, PPIF, PPIG, PPIH PPIL1, PPIL2, PPIL3, PPIL4, PPIAL4, PPIL6 PPWD1

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Categoría:Isomerases