A noite do 13 de novembro de 2015 producíronse unha serie de ataques terroristas coordinados, consistentes en tiroteos en masa, explosións suicidas e toma de reféns en París (Francia) e no suburbio do norte, Saint-Denis. Comezaron ás 21:16 CET, con tres explosións suicidas preto de Stade de France e tiroteos en masa e outra explosión suicida en catro lugares preto do centro de París. O ataque máis sanguento produciuse no teatro Bataclan durante un concerto da banda estadounidense Eagles of Death Metal, onde os terroristas tomaron reféns e participaron nun enfrontamento coa policía que rematou ás 00:58 CET do 14 de novembro de 2015. Nos ataques morreron 129 persoas, 89 das cales foron asasinadas no teatro Bataclan. Ademais, 433 persoas resultaron feridas durante os ataques, incluíndo 80 que se foron descritas como estado grave. Os ataques foron os máis sanguentos ocorridos en Francia dende a segunda guerra mundial, e os máis sanguentos na Unión Europea dende os atentados de Madrid de 2004.
O 14 de novembro, o Estado Islámico de Iraq e Levante (ISIS) reivindicou a responsabilidade dos ataques. O motivo de ISIS foi tomar represalias pola intervención francesa na guerra civil siria e na guerra civil iraquí. Hollande declarou que os ataques foron organizados dende o estranxeiro "por Daesh," un acrónimo árabe para ISIS, "con axuda interna", e describiunos como "un acto de guerra."
En resposta ós ataques, o Presidente de Francia François Hollande anunciou o estado de emerxencia nacional, e ordenou controis temporais nas fronteiras do país nun comunicado televisado ás 23:58 CET. Foi o primeiro estado de emerxencia nacional dende o remate da segunda guerra mundial. Antes do ataque, Francia mantiña a alerta alta dende os atentados de xaneiro de 2015 en Île-de-France que acabaron con dezasete persoas. En resposta ós atentados, o 15 de novembro Francia lanzou un ataque encadrado na Operación Chammal, nome co que se coñece a súa contribución á campaña de bombardeo anti-ISIS, cuxo obxectivo principal foi a cidade de Al-Raqqah.
Antecedentes Francia mantiña a alerta alta por ameaza terrorista dende o tiroteo en Charlie Hebdo a comezos de xaneiro de 2015 e os ataques en xaneiro de 2015 en Île-de-France. Francia tamén incrementara a seguridade por mor da XXI Conferencia sobre Cambio Climático que se celebraría en París dende o 30 de novembro até o 11 de decembro de 2015, e restaurara os controis fronteirizos a semana antes dos ataques.
Ataques Producíronse sete ataques coordinados individuais con seis tiroteos e tres explosións. As explosións ocorreron preto do Stade de France, mentres que os tiroteos foron arredor de Rue Alibert, Rue de la Fontaine-au-Roi, Rue de Charonne o Teatro Bataclan no Boulevard Voltaire, Avenue de la République e Boulevard Beaumarchais.
Oito terroristas morreron, sete inmoláronse e un foi abatido polas forzas policiais. As autoridades comezaron a busca de cómplices que puideran ter fuxido.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Atentado na sede de Charlie Hebdo
Ligazóns externas Emergency website . Ministerio Francés do Interior Summary and live updates. BBC News Summary and live updates. CNN Summary and live updates. The New York Times Live updates. France 24
Categoría:Atentados terroristas en Francia Categoría:París Categoría:2015