As eoxinas (/ks/) son unha familia de eicosanoides proinflamatorios (compostos sinalizadores que regulan as respostas inmunitarias) que son producidos polos eosinófilos humanos (unha clase de leucocitos) e polos mastocitos por medio do metabolismo do ácido araquidónico, un ácido graxo omega-6 (ω-6), pola acción do encima araquidonato 15-lipoxixenase-1. As eoxinas representan análogos 14,15 de leucotrienos e son sintetizados de maneira similar aos leucotrienos estándar. As eoxinas contribúen á inflamación nas alerxias de vías respiratorias e de certos tipos de cancros, particularmente o linfoma de Hodgkin (un cancro orixinado a partir de leucocitos), cancro de próstata, e carcinoma de colon.

Historia e nome

As eoxinas son análogos 14,15 dos leucotrienos LTA4, LTC4, LTD4, e LTE4. Como os leucotrienos e os 14,15-leucotrienos teñen nomes moi similares, os 14,15-leucotrienos foron nomeados "eoxinas" para evitar a confusión que se podería producir ao referirse a ambos os grupos como "leucotrienos". O nome eoxina deriva de eosinófilo, a célula branca sanguínea onde abundan e foron descubertos orixinalmente.

Tipos Como se indica na seguinte sección de Bioquímica, hai catro tipos de eoxinas quimicamente distintas que se producen en serie a partir do ácido 15(S)-hidroperoxi-5Z,8Z,11Z,13E-eicosatetraenoico, que son: Eoxina A4 Eoxina C4 Eoxina D4 Eoxina E4

Bioquímica

Un encima 15-lipoxixenase (a ALOX15 ou a ALOX15B) metaboliza o ácido araquidónico a ácido 15(S)-hidroperoxi-5Z,8Z,11Z,13E-eicosatetraenoico (15(S)-HpETE); despois o 15(S)-HpETE é convertido no seu 14,15-trans-epóxido, o ácido 14,15-trans-epóxido óxido-5Z,8Z,10E,13E-eicosatetraenoico (é dicir, Eoxina A4 ou EXA4) polo encima ALOX15 e despois a ácido 14(R)-glutotionil-15(S)hidroxi-5Z,8Z,10E,13E-eicosatetraenoico (é dicir Eoxina C4 ou EXC4) por conxugación co glutatión pola acción da leucotrieno C4 sintase. A EXC4 contén glutatión unido en configuración R ao carbono 14. O glutatión é un tripéptido formado por ácido glutámico, cisteína e glicina, é dicir, γ-L-glutamil-L-cisteinilglicina. A EXC4 é despois metaboizada ao eliminarlle o residuo γ-L-glutamil (que formaba parte do glutatión) para formar a EXD4, que á súa vez é metabolizada eliminándolle o residuo de glicina (que formaba parte tamén do glutatión) para formar a EXE4. Estas transformacións metabólicas son similares e crese que están mediadas polos mesmos encimas que as que metabolizan o ácido araquidónico a LTA4, LTC4, LTD4, e LTE4.

Biosíntese en humanos

Secuencia da ruta de síntese: Ácido araquidónico → ácido 15(S)-hidroperoxi-5Z,8Z,11Z,13E-eicosatetraenoico (ou 15(S)-HPETE)) a través de 15-LOX-1 ou posiblemente de 15-LOX-2, é dicir, ALOX15 e ALOX15B, respectivamente. 15(S)-HPETE → EXA4 pola acción do encima 15-LOX-1. EXA4 → EXC4 pola acción da LTC4 sintase tamén chamada "glutatión S-transferase II". EXC4 → EXD4 pola acción dun encima non identificado da clase da gamma-glutamiltransferase. EXD4 → EXE4 pola acción dun encima non identificado da clase da dipeptidase.

Fontes Producen eoxinas as células e tecidos ricos en actividade 15-LOX-1 como os eosinófilos humanos, mastocitos derivados do cordón umbilical, pólipos nasais de individuos alérxicos, células epiteliais das vías respiratorias, e as células de Reed-Sternberg L1236 derivadas de tumores de linfoma de Hodgkin. Ademais, a EC4 é tamén producida por unha mestura de neutrófilos polimorfonucleares e eosinófilos illados do sangue de mini porcos tratados con alérxenos, e a ECA4 prodúcena os eosinófilos de rato; como estas células carecen de 15-LOX-1, pénsase que empregan a 12/15-lipoxixenase para iniciar esta síntese.

Función

As eoxinas foron definidas primeiramente en 2008 e aínda non se determinou se teñen un papel na fisioloxía ou patoloxía humana. Porén, a súa produción é estimulada nos eosinófilos humanos por agonistas fisiolóxicos como a prostaglandina D2, o leucotrieno C4, e a interleucina 5. Ademais, as eoxinas estimulan a permeabilidade vascular nun sistema modelo endotelial vascular humano ex vivo, e nun pequeno estudo feito a 32 voluntarios, a produción de EXC4 polos eosinófilos illados de persoas asmáticas graves e intolerantes á aspirina era maior que nos voluntarios sans e que nos asmáticos moderados. Estes resultados levaron a suxerir que as eoxinas teñen accións proinflamatorias e están implicadas na asma grave, nos ataques de asma inducidos pola aspirina, e quizais noutras reaccións alérxicas. A produción de eoxinas polas células de Reed-Sternburg fixo que se propuxera que estes compostos están implicados no linfoma de Hodgkin.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eicosanoide Leucotrieno Ácido 15-hidroxiicosatetraenoico Lipoxina Eicosanoide non clásico

Ligazóns externas entrada de 15-LOX en Gene Atlas entrada de 15-LOX en BRENDA Homo sapiens

Categoría:Eicosanoides Categoría:Inmunoloxía