O dengue é unha doenza infecciosa tropical causada polo virus do dengue que se transmite por mosquitos. Os síntomas típicos son unha febre alta, dor de cabeza, vómitos, dores musculares e articulares, así como unha erupción cutánea característica. Estes síntomas adoitan presentarse entre os tres e os catorce días trala infección, e a recuperación pode levar entre dous e sete días. Nunha pequena proporción dos casos a doenza evoluciona a un estado potencialmente mortal de febre hemorráxica do dengue, provocando hemorraxias, baixos niveis de plaquetas e extravasacións de plasma sanguíneo, ou a un estado de síndrome de choque do dengue, o que provoca unha presión sanguínea perigosamente baixa.

Esta doenza transmítese polas picaduras de varias especies de mosquitos do xénero Aedes, principalmente a especie Aedes aegypti. O virus do dengue ten cinco serotipos distintos. A infección cun dos tipos habitualmente provoca a inmunidade de por vida a ese tipo, pero tan só unha inmunidade a curto prazo para os tipos restantes, e unha infección subsecuente cun tipo diferente incrementa o risco de complicacións graves. Existen diversas probas que permiten confirmar a diagnose desta doenza, incluíndo a detección de anticorpos para o virus ou o seu ARN.

Existe unha vacina para o dengue aprobada e comercialmente dispoñible nunha serie de países. Outros métodos de prevención son a redución dos hábitats dos mosquitos e a limitación da exposición ás súas picaduras. Isto pode lograrse eliminando augas estancas e levando roupa que cubra a maior parte do corpo. O tratamento do dengue é mediante terapias de apoio, mediante a hidratación por vía oral ou intravenosa para casos leves e moderados da doenza, aínda que para casos máis graves poden ser necesarias as transfusións sanguíneas, e non deben utilizarse antiinflamatorios non-esteroides como o ibuprofeno no seu tratamento. Ó redor de medio millón de persoas precisan hospitalización médica a causa desta enfermidade cada ano.

O dengue converteuse nun problema de saúde global dende a segunda guerra mundial e é unha doenza común en máis de 110 países. Entre 50 e 528 millóns de persoas resultan infectadas cada ano, e aproximadamente entre 10 000 e 20 000 delas falecen cada ano a causa da enfermidade. As primeiras descricións dun gromo desta doenza datan do ano 1779, aínda que o seu espallamento e causa viral non quedaron definidos por completo ata comezos do século XX. A maiores da propia eliminación dos mosquitos transmisores, existen traballos en curso para desenvolver medicamentos para o tratamento directo do virus, aínda que esta doenza está clasificada como unha doenza tropical desatendida.

Características e curso clínico miniatura|left|upright=1.2|Curso clínico do dengue Polo xeral un 80% das persoas infectadas co virus do dengue son asintomáticos ou só presentan síntomas leves, como por exemplo febre sen complicacións adicionais. Ó redor dun 5% presentan síntomas máis graves, e para unha pequena proporción dos infectados a doenza tórnase potencialmente mortal. O período de incubación, é dicir, o tempo entre a exposición á doenza e a manifestación dos síntomas, pode variar entre os 3 e os 14 días, aínda que o máis habitual é que varíe entre os 4 e os 7 días. Debido a isto, considérase que os viaxeiros que regresan dende zonas endémicas teñen moi poucas posibilidades de ter contraído o dengue se a febre ou outros dos síntomas aparecen máis tarde dos 14 días trala súa volta ó seu lugar habitual de residencia. Os nenos adoitan experimentar síntomas semellantes ós do arrefriado común e ós da gastroenterite e presentan un risco maior de padecer complicacións máis graves, aínda que os síntomas inicias son xeralmente leves e adoitan presentarse acompañados dunha febre alta.

Os síntomas característicos do dengue son a aparición súbita de febre, dor de cabeza (habitualmente localizado por detrás dos ollos), dores musculares e articulares e erupcións cutáneas. O nome alternativo que recibiu esta doenza, "febre quebraósos" (), procede destas dores musculares e articulares asociadas. O curso clínico da infección divídese en tres fases: febril, crítica e de recuperación.

A fase febril caracterízase por unha febre alta, potencialmente por riba dos 40 °C, e asóciase con dores xeneralizadas e dor de cabeza que poden darse acompañados de náuseas e vómitos,, cunha duración habitual de entre dous e sete días. As erupcións cutáneas aparecen entre nun 50% e nun 80% dos casos que presentan os síntomas, no primeiro ou segundo día en forma de eritemas, ou posteriormente no curso clínico da enfermidade en forma de erupcións morbiliformes semellantes ós da rubéola. Neste punto poden aparecer algunhas petequias, así coma un leve sangrado nas membranas mucosas da boca e do nariz. A febre en si mesma é clasicamente de tipo bifásica ou recorrente, desaparecendo e volvendo a aparecer en períodos dun a dous días.

miniatura|Un doente coas erupcións que adoitan formarse durante a fase de recuperación do dengue Nalgúns dos casos a doenza pasa a unha fase crítica en canto remata a fase febril. Durante este período ocorren extravasacións de plasma nos vasos sanguíneos, tipicamente durante un ou dous días. Isto pode dar como resultado unha acumulación de fluídos nas cavidades torácica e abdominal, así como unha diminución da cantidade de fluído na circulación e unha diminución na achega de sangue ós órganos vitais. Pode darse tamén unha disfunción orgánica e unha hemorraxia grave, habitualmente no tracto gastrointestinal. Os estadios de síndrome de choque e febre hemorráxica suceden en menos do 5% de tódolos casos de dengue, aínda que aqueles que resultasen infectados previamente con outros serotipos de virus do dengue presentan un maior risco de sufrilos. Esta fase crítica, malia ser pouco frecuente, dáse cunha frecuencia relativamente maior nos nenos e nos adultos novos.

A fase de recuperación dáse en último lugar, sendo nesta fase cando ten lugar a reabsorción no torrente sanguíneo dos fluídos derramados, cunha duración típica de dous a tres días. A mellora no estado de saúde durante esta fase é notable, e pode ir acompañada dun proído intenso e braquicardias. Poden aparecer tamén outras erupcións con aparencia máculopapular ou vasculítica, seguidas dunha peladura da pel. Durante esta fase pode darse un estado de acumulación de fluídos. Se esta acumulación afecta ó cerebro, pode causar un nivel reducido de consciencia ou ataques epilépticos. Nos adultos en ocasións permanece un estado de fatiga que pode durar varias semanas.

Problemas asociados O dengue pode afectar en ocasións a outros sistemas corporais, ben de forma illada ou en conxunción cos síntomas clásicos desta doenza. Os niveis reducidos de consciencia ocorren en entre o 0,5% e o 6% dos casos graves, o que se atribúe a unha inflamación do cerebro por mor do virus ou de forma indirecta como resultado da disfunción doutros órganos vitais, como pode ser por exemplo o fígado. Hai rexistros doutros trastornos neurolóxicos no contexto do dengue, como a mielite transversa e a síndrome de Guillain–Barré. As infeccións no corazón e a insuficiencia aguda do fígado atópanse entre as complicacións menos frecuentes. As mulleres embarazadas que contraen dengue teñen un maior risco de aborto espontáneo, dun baixo peso ó nacer e de nacemento prematuro.

Causa Viroloxía miniatura|Imaxe de microscopio electrónico de transmisión amosando virións do dengue (os puntos escuros preto do centro da imaxe)

O virus do dengue (DENV) é un virus ARN da familia Flaviviridae, xénero Flavivirus. Son tamén membros deste mesmo xénero outros como o virus da febre amarela, o virus do Nilo occidental, o virus da encefalite de St. Louis, o virus da encefalite xaponesa, o virus da encefalite transmitido por carrachas, o virus da doenza do bosque Kyasanur e o virus da febre hemorráxica de Omsk. A maioría deles transmítense por medio de artrópodos (mosquitos ou carrachas), e coñécense no seu conxunto como arbovirus.

O xenoma do virus do dengue contén ó redor de 11 000 nucleobases, con código para tres tipos diferentes de moléculas de proteínas (C, prM e E) que forman o virión, e outros sete tipos de moléculas de proteínas (NS1, NS2a, NS2b, NS3, NS4a, NS4b, NS5) que só se atopan nas células infectadas do hóspede e son necesarias para a replicación do virus. Existen cinco cepas ou serotipos do virus, das que as primeiras catro denomínanse como DENV-1, DENV-2, DENV-3 e DENV-4. O quinto serotipo descubriuse e anunciouse publicamente no ano 2013, e as distincións entre os serotipos baséanse na súa capacidade como antíxeno.

Transmisión miniatura|left|Un mosquito Aedes aegypti alimentándose dun hóspede humano O virus do dengue transmítese principalmente por medio dos mosquitos do xénero Aedes, e en particular dos da especie Aedes aegypti. Estes mosquitos adoitan vivir entre as latitudes 35° norte e 35° sur, a elevacións menores de 1000 metros. O habitual é que piquen durante as primeiras horas da mañá e a primeiras horas da noite, aínda que poden picar e transmitir a infección en calquera momento do día. Outras especies de Aedes que tamén transmiten esta doenza inclúen o Aedes albopictus, o Aedes polynesiensis e o Aedes scutellaris. Os humanos son os principais hóspedes do virus, aínda que este tamén circula noutros primates, e a infección pode adquirirse tras unha única picadura.

Un mosquito femia que se alimenta do sangue dunha persoa infectada co dengue durante o período febril inicial de entre dous e dez días de duración queda infectada co virus nas células que revisten o seu intestino. Uns 8 ou 10 días despois o virus espállase cara a outros tecidos, incluíndo as glándulas salivares do mosquito, liberándose na súa saliva. O virus non ten aparentemente un efecto prexudicial para o propio mosquito, que queda infectado de por vida. A especie Aedes aegypti é a principal transmisora, xa que prefire poñer os seus ovos en contedores artificiais de auga, vivir preto dos humanos e alimentarse destes en lugar doutros vertebrados.

O dengue pode transmitirse tamén por medio de produtos sanguíneos e doazóns de órganos. En países como Singapur, onde o dengue é unha doenza endémica, estímase que o risco de transmisión é de entre 1,6 e 6 por cada 10 000 transfusións. Existen tamén rexistros de transmisión vertical (de nai a fillo) durante o embarazo ou durante o nacemento. A maiores, existen informes doutros métodos de transmisión de persoa a persoa, aínda que estes son moi pouco frecuentes. A variación xenética nos virus do dengue é específica por rexións, o que suxire que o establecemento da doenza en novos territorios é relativamente pouco frecuente, malia que se detectaron casos desta doenza en novas rexións nas últimas décadas do século XX e nas primeiras do século XXI.

Predisposición Os casos graves desta doenza son máis comúns nos bebés e nos nenos máis mozos, e ó contrario que moitas outras infeccións, é máis común en nenos cunha nutrición relativamente mellor. Outros factores de risco para a gravidade da doenza son o sexo feminino, un alto índice de masa corporal e a carga viral. Aínda que cada un dos serotipos do virus pode causar o espectro completo da doenza, a cepa do virus é outro dos factores de risco. As investigacións indican que a infección cun dos serotipos produce unha inmunidade de por vida a ese tipo, pero tan só fornece protección a curto prazo contra os outros tipos. O risco de doenza grave por mor dunha infección secundaria increméntase nos casos nos que o doente estivo exposto previamente ó serotipo DENV-1 e contrae o DENV-2 ou o DENV-3, ou se o doente estivo exposto ó DENV-3 e contrae o DENV-2. A infección por dengue pode ser potencialmente mortal en persoas con enfermidades crónicas como a diabete ou a asma.