Arvo Pärt, nado en Paide (Estonia) o 11 de setembro de 1935, é un compositor estoniano. Dende finais da década de 1970, Pärt traballou seguindo un estilo minimalista que emprega a técnica compositiva inventada por el, o tintinnabuli. A súa música está inspirada en parte no canto gregoriano. Pärt foi o compositor vivo máis interpretado no mundo oito anos consecutivos, entre o 2012 e o 2019, así como no 2022. Entre as súas principais obras, destacan Fratres (1977), Spiegel im Spiegel (1978) e Für Alina (1976).

No 2010, inaugurouse o Centro Arvo Pärt en Laulasmaa, nunha residencia privada. Na actualidade, a entidade sitúase nun edificio propio construído na mesma localidade.

Traxectoria

Primeiros anos e educación Pärt naceu en Paide, no condado de Järva (Estonia). Foi criado pola súa nai e o seu padrasto en Rakvere, no norte do país. Xa de neno, comezou a experimentar coas notas do piano da familia.

Porén, a súa educación formal en música non empezaría até os sete anos, cando se matriculou no conservatorio local. Durante a adolescencia, compuxo xa as súas primeiras pezas. No 1954, ingresou no Conservatorio de Talín, que tivo que abandonar ao ano seguinte para facer o servizo militar. Pärt tocou o óboe na banda do exército. Posteriormente, regresou á capital para estudar composición con Heino Eller (1887-1970). Na década dos 50, rematou a súa primeira composición vocal, a cantata Meie aed ("O noso xardín"), para coro infantil e orquestra. Graduouse do conservatorio no 1963.

Carreira musical Durante a súa época de estudante, Pärt compuxo música para cinema e teatro. Entre o 1957 e o 1967, traballou como produtor de son para a emisora estatal de radio estoniana, Eesti Rahvusringhääling. No 1962, foi criticado duramente por Tikhon Khrennikov (1913-2007) polo seu emprego do serialismo en Nekrolog (1960), a primeira peza dodecafónica de Estonia, xa que amosaba "a súa susceptibilidade ás influencias estranxeiras". Porén, nove meses máis tarde Pärt recibiu o primeiro premio nun concurso organizado pola Sociedade Sindical de Compositores.

A súa primeira obra sacra, Credo (1968), supuxo un antes e un despois na súa carreira. A nivel persoal, implicou unha crise creativa que o conduciu a renunciar ás técnicas empregadas por el até entón; dende o punto de vista social, a natureza relixiosa da peza resultou na súa censura extraoficial, polo que a súa música desapareceu dos auditorios. Durante os seguintes oito anos compuxo moi pouco, centrando a súa atención no estudo da música medieval e renacentista, co obxecto de atopar unha nova lenguaxe musical. No 1972, converteuse ao luteranismo, abandonando o cristianismo ortodoxo. Pärt regresou á composición no 1976, fornecido cun novo estilo de composición, o tintinnabuli.

En decembro do 2011, o papa Bieito XVI nomeouno membro do Consello Pontificio da Cultura. No 2014, The Daily Telegraph definiuno como "o mellor compositor vivo do mundo" e "a maior exportación cultural de Estonia"; porén, na entrevista o compositor afirmou: "non sei o que significa estoniano...non penso nesas cousas". Pärt nunca se inspirou no poema épico nacional, o Kalevipoeg, xa que, segundo el, "o meu Kalevipoeg é Xesucristo".

Música Entre as obras coñecidas de Pärt atópanse Cantus in Memoriam Benjamin Britten para orquestra de corda e campaíñas (1977) e o quinteto de corda Fratres I (1977), así como o solo de violín Fratres II (1980) e a peza para violonchelo Fratres III (1980).

Pärt adoita identificarse coa escola minismalista e, en específico, co minimalismo místico ou sacro. Trátase dun dos pioneiros deste xénero, xunto con Henryk Górecki (1933-2010) e John Tavener (1944-2013). Malia que a súa fama inicial proviña das súas pezas instrumentais, como Tabula Rasa (1977) ou Spiegel im Spiegel (1978), as súas composicións corais tamén foron moi prezadas.

Aínda que Estonia era un estado independente canto Pärt naceu, o país foi invadido pola Unión Soviética no 1940, como consecuencia do pacto Molotov-Ribbentrop. Debido a esta situación política, Pärt non recibiu moitas influencias do exterior do bloque socialista, agás por cintas e partituras ilegais.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Arvo Pärt Centre (en estoniano)

Categoría:Nados en 1935 Categoría:Compositores de Estonia Categoría:Compositores minimalistas Categoría:Nados en Estonia