Ján Hirka, nado o 16 de novembro de 1923 en Abranovce (Checoslovaquia) e finado o 10 de abril de 2014 en Prešov (Eslovaquia), foi un eclesiástico grecocatólico eslovaco, bispo de Prešov entre 1989 e 2002. Traxectoria Estudou na Academia Greco-Católica de Teoloxía de Prešov, e posteriormente na Facultade de Teoloxía da Universidade Carolina de Praga, graduándose en 1949. Foi ordenado sacerdote da eparquía de Prešov o 31 de xullo de 1949 polo bispo auxiliar de dita eparquía, Vasiľ Hopko.
Logo de que a Igrexa Greco-Católica fose abolida polas autoridades da República Socialista Checoslovaca, Hirka continuou o seu ministerio de xeito clandestino. En 1952 foi arrestado polo StB, e en abril de 1953 condenado a tres anos de prisión. Foi liberado nunha amnistía presidencial meses despois, mais en setembro de 1955 foi trasladado a Praga e en 1956 condenado novamente a dous anos e medio de prisión.
O 2 de abril de 1969 foi nomeado administrador apostólico de Prešov por Paulo VI, mais non foi até o 21 de decembro de 1989 que foi nomeado bispo. Recibiu a consagración episcopal o 17 de febreiro de 1990 de mans do cardeal Jozef Tomko, e tivo como co-consagrantes ao bispo de Križevci Slavomir Miklovš e ao bispo de Santos Cirilo e Metodio de Toronto Michael Rusnak.
Retirouse o 11 de decembro de 2002. Finou en Prešov o 10 de abril de 2014.
Premios e distincións En 1998 foi galardoado coa Orde de Andrej Hlinka polo presidente de Eslovaquia. Notas
Categoría:Nados en 1923 Categoría:Finados en 2014 Categoría:Nados en Eslovaquia Categoría:Bispos da Igrexa católica bizantina eslovaca Categoría:Bispos católicos de Eslovaquia