Manuel Gómez-­Franqueira Álvarez, nado en Castrelo de Miño o 14 de novembro de 1947, é un empresario galego. Preside o Grupo Coren, a maior cooperativa agroalimentaria de España. É fillo do empresario e político Eulogio Gómez Franqueira, impulsor de Coren, e de Sofía Álvarez. Está casado e ten tres fillos.

Traxectoria Manuel Gómez-­Franqueira Álvarez é Enxeñeiro Técnico Industrial pola Escola de Enxeñeiros Industriais de Vigo en 1972, e máster en Alta Dirección de Empresas pola Universidade de Navarra. Realizou cursos de especialización en produción avícola, porcina e vacún en Holanda e Inglaterra, ademais doutros cursos sobre industrias agroalimentarias, estudos de mercado e de comercio exterior. Tamén se especializou en temas comunitarios durante unha estancia en Bruxelas. Igualmente, e como complemento á súa formación, traballou en industrias de transformación en Italia.

Na actualidade, preside Cooperativas Ourensás Sociedade Cooperativa Galega (Coren SCG), xurdida en 1959 por iniciativa do seu pai, Eulogio Gómez Franqueira, a partir das antigas UTECO.

Manuel Gómez-­Franqueira Álvarez incorporouse a Coren no ano 1975, en calidade de Director de Industrias, ocupando posteriormente a xerencia de Producións Gandeiras e a Dirección Comercial. En 1984 accedeu á Dirección Xeral e, desde 2011, é Presidente e Conselleiro Delegado do Grupo.

Desde o primeiro momento da súa chegada á dirección do Grupo Coren en 1984, apostou polo cooperativismo como modelo empresarial. Intensificou os seus esforzos, os do seu equipo e dos socios integrados na cooperativa co fin de consolidar o proxecto de Coren. O seu primeiro reto foi dirixir a adaptación do grupo ao mercado común europeo, ante a entrada de España na CEE. Desde entón, o crecemento do grupo foi continuo. Entre as claves do seu éxito cabe destacar a súa capacidade para diversificar liñas de negocio, até alcanzar unha presenza sobresaliente nos mercados avícola, porcino e vacún. A iso únese a aposta pola expansión internacional, iniciada a finais dos anos 80, alcanzando actualmente unha ampla presenza en países dos cinco continentes. O grupo Coren xera na actualidade máis de 6 000 empregos, entre socios e cooperativistas, e rexistra un volume de facturación na contorna dos 1 000 millóns de euros.

Recoñecementos Ó longo da súa actividade profesional e empresarial, foi galardoado con numerosas distincións e condecoracións persoais e de empresa, entregadas por institucións públicas e privadas, organizacións empresariais, medios informativos e universidades, entre outros.

En 1996, a Xunta de Galicia concedeulle a Medalla Castelao en recoñecemento ao seu compromiso con Galicia. No ano 2002, foi nomeado Socio de Honra pola Asociación de Antigos Alumnos da Escola de Negocios Caixanova, mentres en 2003, a asociación Amigos da Universidade de Vigo outorgoulle o seu máximo recoñecemento, Amigo Distinguido. Tamén no ano 2003, o Ministerio de Traballo impúxolle a Medalla de Ouro ao Mérito no Traballo, como recoñecemento ao seu mérito no desempeño da súa actividade empresarial, mentres o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación galardoou a Coren como Mellor Empresa Agroalimentaria Española de 2003.

En 2005, o Club Financeiro de Vigo distinguiuno coa Medalla de Ouro da institución, en recoñecemento á figura do empresario como eixo e motor da economía dun país, fundamentalmente a través do seu papel como innovador e xerador de riqueza, emprego e, en definitiva, de benestar. Ese mesmo ano, a Consellería de Política Agroalimentaria da Xunta de Galicia outorgou ao grupo Coren o Premio Agrario na categoría de Calidade Alimentaria.

A revista Actualidad Económica concedeulle en 2006 o Premio ao Éxito Empresarial da Comunidade. Xa en 2008, foi condecorado como Galego do Ano polo Correo Galego. Tamén recibiu recoñecementos en Portugal, xa que no ano 2009, o grupo Coren foi elixido como Mellor Empresa Española en Portugal pola Cámara Hispano-Portuguesa de Comercio e Industria.

En 2010, Manuel Gómez­-Franqueira recibiu o premio Grelo de Ouro concedido pola Fundación Amigos de Galicia, pola contribución de Coren ao emprego e mellora das condicións de vida no rural galego.

En novembro de 2013, a Asociación Galega de Empresa Familiar distinguiu á familia Gómez-Franqueira como Familia Empresaria de Galicia.

Véxase tamén

Ligazóns externas "Galicia debe volver a la economía real y la del sector alimentario lo es" La Voz de Galicia, 24/6/2013 . "Necesitamos diversificar con calidad y salir al exterior" . "Los 25 líderes emergentes de la economía gallega" .

Categoría:Empresarios de Galicia Categoría:Nados en Castrelo de Miño Categoría:Nados en 1947 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes