QuikScat, abreviatura de Quick Scatterometer (Dispersómetro rápido), é un satélite artificial fóra de servizo da NASA lanzado o 20 de xuño de 1999 mediante un foguete Titan II SLV desde a base Vandenberg da Forza Aérea para estudar os océanos terrestres.
Características QuikScat foi deseñado como un substituto rápido para facer as observacións de dispersometría que se perderon coa avaría do satélite ADEOS 1, motivo polo cal recibe o nome que leva. Levou tan só 11 meses construír e lanzar o satélite grazas ao uso de equipamento xa existente para construír outro satélite que se atopaba suspendido. QuikScat levaba a bordo un único instrumento, o dispersómetro SeaWinds, que consistía nun radar de microondas para medir a velocidade e dirección do vento preto da superficie oceánica independentemente das condicións meteorolóxicas.
Nave O satélite foi construído usando o bus BCP-2000 (Ball Commercial Platform 2000), cunha masa de 970 kg. Usaba dous paneis solares para producir electricidade, que era almacenada en baterías.
Misión QuikScat funcionou sen problemas máis alá dos dous anos de deseño de vida orixinal ata completar dez anos de observacións que se viron interrompidos pola avaría o 23 de novembro de 2009 do mecanismo de rotación do dispersómetro, que imposibilitou o seu uso.
Notas
Véxase tamén Outros artigos ADEOS 1
Ligazóns externas Páxina de QuickScat na NASA
Categoría:Satélites artificiais