miniatura|Frederico I Barbarroxa, co seu fillo Henrique VI e o duque Frederico V de Suabia.Ilustración da Crónica dos güelfos.

Os Güelfos e os Xibelinos foron dúas faccións rivais na política italiana desde o século XII até o nacemento das Señorías no século XIV. Os termos güelfos e xibelinos proceden dos termos italianos guelfi e ghibellini, e remóntanse á loita pola coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico despois da morte do emperador Henrique V entre dúas familias, unha bávara e a outra saxoa, respectivamente a casa de Welf ou antiga casa de Baviera (os Welfen, pronunciado [velfen], e de aí a palabra "güelfo") e a casa dos Hohenstaufen de Suabia, señores do castelo de Waiblingen (e de aí a palabra "xibelino").

A partir da consecución por parte da dinastía suaba da Coroa Imperial e, con Frederico I Hohenstaufen, que intentaba consolidar o seu poder no Reino de Italia, neste ámbito político a loita pasou a designar aos que apoiaban o Imperio (xibelinos) e aos que apoiaban o papado (güelfos) que, durante esta época, eran os dous "poderes universais" que disputaban o Dominium mundi (dominio do mundo).

Orixe: a sucesión de Henrique V En Alemaña, tras a morte sen descendencia do emperador Henrique V en 1125, os príncipes electores, a instancias do chanceler imperial Adalberto, arcebispo de Maguncia, elixiron o duque de Saxonia como Lotario II o mesmo ano de 1125.

miniatura|240px|Posesións en Alemaña dos Güelfos en tempos de Henrique o León (século XII).

Porén, estalou unha guerra civil, posto que os sobriños e herdeiros de Henrique V, que eran Frederico II, duque de Suabia e Conrado, dos Hohenstaufen, exixiron ademais das terras patrimoniais dos salios na Franconia renana, as terras que a coroa fora adquirindo. Nesta situación, Conrado III foi elixido rei rival dos Romanos en 1127, e en 1128 foi coroado rei de Italia (Rei de romanos) co apoio de Milán, aínda que non conseguiu asegurar alí unha posición, xa que o papa Honorio II (1124–1130) negouse a recoñecelo, así como tamén as cidades inimigas de Milán como Novara, Pavia, Cremona, Piacenza ou Brescia; en cambio, o rei Lotario II tivo o apoio de Henrique o Soberbio, da dinastía dos Güelfos, que era duque de Baviera e tamén marqués de Toscana e de Verona, ao que fixo seu xenro en 1127.

Aínda que a guerra terminou en 1135 coa submisión de Conrado III, as tornas viraron en 1137 ao morrer o emperador Lotario II e Conrado III foi elixido Rei de romanos fronte a Henrique o Soberbio, herdeiro de Lotario. A guerra reiniciouse entre Conrado III e Henrique o Soberbio, e falecido este en 1139, continuouna o seu irmán Güelfo VI. Foi no asedio de Weinsberg en 1140 cando os nomes de ambas as faccións foron establecidos polos berros de guerra, güelfo (contrarios aos Hohenstaufen) e Waiblingen (o nome dun castelo dos Hohenstaufen, que daría lugar ao termo xibelino). Malia asinar un acordo de paz en 1142, tras o fracaso da Segunda Cruzada, Güelfo VI proseguiu a revolta, que de todas formas entrou na súa fase final co falecemento en 1150 de Henrique Berenguer, Rei de romanos e fillo de Conrado III.

En 1151, Güelfo VI pactou co seu sobriño Frederico III, duque de Suabia (tamén sobriño de Conrado III), a sucesión no Imperio a cambio de terras. Así, á morte de Conrado en 1152, foi elixido emperador Frederico (Frederico I Barbarroxa), co que o güelfo obtivo terras italianas, sendo designado como marqués de Toscana e duque de Spoleto.

As faccións en Italia Coa elección como rei de Alemaña de Frederico I Hohenstaufen (chamado Barbarroxa) en 1152 e a súa posterior coroación como emperador en 1155, a facción xibelina triunfou no territorio imperial. Dado que Frederico desexaba reafirmar en Italia a supremacía imperial, que as comunidades subtraeran ao Imperio co apoio do papado, baixo o seu reinado (1152–1190) produciuse un desprazamento dos termos güelfo e xibelino desde o territorio alemán ao italiano, onde pasaron a denominar, respectivamente, aos partidarios do partido papal e aos defensores da causa imperial. En Italia, polo tanto, houbo cidades como Florencia, Milán e Mantua que abrazaron a causa güelfa, mentres que outras como Forlì, Pisa, Siena e Lucca uníronse á causa imperial xibelina.

A elección tiña varias motivacións: en primeiro lugar, a busca da autonomía impulsaba as cidades baixo o control do Imperio a aliarse co papa (como pasaba no caso de Milán) mentres que as cidades baixo a influencia do papado buscaban a axuda do Imperio (como era o caso de Forlì); en segundo lugar, elixíase un partido simplemente por oposición ao partido a favor do cal se declarara a cidade rival (se Milán era güelfa, Pavia tiña que ser xibelina; se Forlì era xibelina, Faenza sería güelfa etc.) seguindo o vello principio de que "os inimigos dos meus inimigos son meus amigos".

No interior de cada cidade mantívose a dicotomía destes dous termos, pero superándose o significado tradicional de loita política entre papado e Imperio, pasando a denominar tamén a loita entre dúas faccións polo control da cidade. Para acrecentaren a súa forza tanto uns como outros reuníronse en ligas opostas, e así, desde a segunda metade do século XIII a güelfa Florencia presentou batalla á liga xibelina das outras cidades toscanas (Arezzo, Siena, Pistoia, Lucca e Pisa) nun longo conflito que tivo como máximo expoñente as batallas de Montaperti en 1260 e a de Altopascio en 1325.

As principais cidades xibelinas foron Arezzo, Forlì, Módena, Osimo, Pisa, Pistoia, Siena, Spoleto e Todi, mentres que as principais cidades güelfas foron Boloña, Brescia, Crema, Cremona, Xénova, Lodi, Mantua, Orvieto, Rimini, Perugia e Florencia. Porén, houbo tamén cidades que mantiveron unha adscrición variábel a un ou outro partido, como Bérgamo, Ferrara, Florencia, Lucca, Milán, Padua, Parma, Piacenza, Treviso, Verona ou Vicenza, como se reflicte no cadro a continuación.

Lealdades das principais cidades italianas Principais cidades xibelinas Principais cidades güelfas Cidades de adscrición variábelArezzoAsísComoFabrianoFolignoForlìGrossetoMantuaMódenaPaviaPisaPistoiaSpoletoTerniUrbinoAlessandriaAnconaAquilaBoloñaBresciaCremaCremonaFaenzaFlorenciaLeccoMilánOrvietoPerugiaAstiBérgamoFerraraXénovaGubbioLodiLuccaPaduaParmaPiacenzaPratoSienaTrevisoVeronaVicenza

Frederico I e Henrique VI

200px|miniatura|O emperador Frederico I Barbarroxa. Miniatura dun manuscrito de 1188. Biblioteca Vaticana.

Frederico I intentou restaurar a autoridade do emperador no Imperio (Honor Imperii). En Alemaña reconciliouse cos güelfos ao designar a Güelfo VI marqués de Toscana e duque de Spoleto, e co seu primo Frederico, fillo de Conrado III, ao que investiu como duque de Suabia. Ademais, tratou de asegurar a súa autoridade ao estender a rede feudal de vasalos a persoas fieis, e así creou o ducado de Austria en 1156, o margraviato de Brandeburgo, recoñeceu como rei ao duque de Bohemia en 1158, e confiando a unha nobreza de servizo de orixe servil (ministeriais), uns territorios de dominio rexio ampliados, como en Suabia, Franconia ou Misnia (actual Meissen).

Tras a querela das Investiduras o panorama italiano cambiara: cidades como Xénova, Pisa ou Venecia convertéronse en potencias navais internacionais con intereses comerciais estendidos desde o norte de Europa a África e o Levante mediterráneo. Este comercio exterior e o investimento consecuente incrementou a riqueza local, o que conduciu ao embelecemento das cidades e ao crecemento da poboación tanto nas cidades como no campo, o que ocasionou un aumento das obras públicas, que foron desde as murallas das cidades á construción de canais. O desenvolvemento dos gremios e as confrarías reflectía a crecente complexidade da organización económica, e incluso as máis pequenas cidades tiñan a súa elite profesional de xuíces e notarios, canda a nobres, comerciantes e artesáns. E foi precisamente a necesidade de recursos financeiros a razón esencial do interese mostrado polos emperadores cara á Italia, onde ao reclamar o pagamento de dereitos reais (regalia), esperaban obter beneficios, dado o incomparábel desenvolvemento económico do territorio. E foi nese sentido como Frederico Barbarroxa tratou de recuperar e explotar os regalia sobre as florecentes cidades italianas. A súa campaña de 1154 iniciou unha loita de case douscentos anos por impoñer a autoridade imperial no Regnum Italicum.

A comezos do seu reinado, Frederico mantivo boas relacións co papado, e no tratado de Costanza (23 de marzo de 1153), os representantes do Rei de romanos e do papa Euxenio III (1145–1153) acordaron estableceren un status quo e conservaren os elementos esenciais da orde tradicional, na que o emperador protexía ao papa e lle aseguraba a soberanía sobre a Igrexa e, pola súa parte, o papa apoiaba ao emperador no seu exercicio de poder. Pero o pontífice morreu antes de poder coroar emperador a Frederico.

Na súa campaña de Italia de 1154, antes de ser coroado emperador, o Rei de romanos Frederico I, na primeira das súas Dietas en Roncaglia (1154) escoitou as queixas de Lodi, Pavia e Cremona contra Milán, entre outras, e prohibiu a aliñación de feudos sen consentimento do señor feudal; nesta campaña Frederico someteu a Asti, Chieri e Tortona, e entrou en Pavia, onde foi coroado rei de Italia o 17 de abril de 1155, e en Roma, para ser coroado emperador.Storia de Milano, de Paolo Colussi e Maria Grazia Tolfo.

miniatura|esquerda|240px|Retrato de Reinaldo de Dassel no relicario dos Reis Magos da Catedral de Colonia. miniatura|dereita|180px|Hadrián IV.

O tratado de Costanza foi ratificado de novo, aínda que en aparencia, posto que o novo papa Hadrián IV (1155–1159) necesitaba ao emperador para sufocar a revolta de Arnaldo de Brescia na comuna de Roma, e libralo da ameaza normanda, aspecto último que non cumpriu, pois tivo que regresar a Alemaña; aínda que antes puxo a Milán baixo o control do Imperio por negarse a responder aos cargos presentados contra ela por Lodi, Pavia e Cremona, transferindo os seus privilexios a Cremona, pero sen poder facer máis nada. Desta maneira, o papa, illado, tivo que pactar cos normandos do sur de Italia en Benevento (1156), o que contraviña o tratado de Costanza. As diferenzas quedaron de manifesto na Dieta de Besançon (outubro de 1157), onde os legados pontificios, os cardeais Bernard de San Clemente e Rolando Bandinelli entregaron unha carta do papa Hadrián IV, na que a tradución alemá do chanceler imperial Reinaldo de Dassel implicaba que o emperador recibía o Imperio do papa en feudo como seu vasalo.Pero os legados imperiais non protestaron a tradución, e o papa Hadrián IV só negou a interpretación de beneficium feita por Reinaldo cando xa se producira a reacción irada do emperador. En Italia, Milán reconstruíra Tortona, e derrotara a Pavia, Novara e ao marqués de Montferrato.

miniatura|175px|Henrique o León, duque de Saxonia e duque de Baviera. miniatura|175px|Alexandre III. miniatura|175px|O emperador Henrique VI. Codex Manesse, aprox. 1300.

Na segunda campaña de Italia de 1158, Frederico non buscou un achegamento ao papado, senón que actuou como un gobernante decidido a restaurar a orde nos seus dominios e establecer axentes imperiais nas cidades. Despois de someter a Milán, que intentara opoñerse, aínda que lle recoñeceu autonomía para a elección dos cónsules con confirmación imperial e, despois de liberadas Como e Lodi, convocou unha nova Dieta en Roncaglia (novembro de 1158), onde contou con xuristas da Universidade de Boloña para definir e establecer unha relación dos regalia imperiais, que producían un enorme ingreso de recursos, e que derivaban do dominio imperial sobre camiños, ríos, salinas e minas, ao cobramento do fodrum para sufragar os gastos militares, ás percepcións de multas e peaxes, aos bens dos condenados, ou á cuñaxe de moeda.