Blur é unha banda de rock formada no ano 1989 en Londres. A súa formación estivo composta por Damon Albarn (voz), Graham Coxon (guitarra), Alex James (baixo) e Dave Rowntree (batería). Graham Coxon abandonou a banda en 2002 antes da saída do seu último álbum polo momento, Think Tank. Despois dunha xira sen Coxon no 2003, a banda non volveu gravar nin realizou máis directos, adicándose os seus membros a distintos proxectos por separado.

No ano 2009 Blur volvería a reunirse, con Coxon tamén na formación, realizando unha serie de exitosos concertos. Nos anos seguintes publicaron varios sinxelos e recompilatorios, e xiraron internacionalmente. En 2012 o grupo recibiu un premio Brit pola súa destacada contribución á música. O día 27 de abril de 2015 Blur publicou o seu primeiro álbum en 12 anos, The Magic Whip.

Historia Blur naceu a finais dos anos 80 baixo o nome de Seymour cunha sonoridade non moi distante a das bandas que dominaban a escena británica da época. Era unha mestura do rock psicódelico e danzante de The Stone Roses e afíns coas guitarras e a introspección de bandas como My Bloody Valentine, que facía o estilo "shoegazer" (unha postura tímida no escenario que se caracteriza pola case inercia dos integrantes, que moitas veces mal encaraban o público e mantiñan o ollar para abaixo, de aí "shoegazer"). Pero co devir da súa carreira Blur desenvolveu o seu propio estilo, rescatando elementos da música británica, e liderou unha verdadeira renovación no rock inglés, o chamado britpop, reafirmándose como unha das máis importantes bandas da década.

Formado por Damon Albarn, Graham Coxon, Alex James e Dave Rowntree, a traxectoria do grupo comezou co nome Seymour en 1989. Despois dalgúns concertos e da primeira demo, a banda asinou coa discográfica Food Records, unha subsidiaria da EMI. A única esixencia da discográfica foi o cambio do nome da banda, eles ofreceron unha lista de onde foi escollido o nome Blur'. Xa como Blur, a banda parte para unha pequena xira por Inglaterra, rematando en xullo de 1990 en Londres. Cando esta rematou, Blur entrou no estudio para gravar algunhas cancións, de onde saíron tres para o sinxelo She's So High, lanzado en outubro.miniatura|200px|Damon Albarn, líder de Blur

She's So High tivo un éxito relativo nas listas, chegando ao número 48 en Inglaterra, facendo que a banda entrase novamente en xira. A segunda sesión de gravacións faise en decembro. As gravacións foron bastante problemáticas nun principio, as dúas cancións escollidas para seren o segundo sinxelo, "Close" e "Bad Day" non funcionaban. A salvación chegou co nome de Stephen Street, produtor bastante coñecido polo seu traballo con The Smiths, e máis tarde, por traballar co propio Blur e con The Cranberries. Stephen vira o vídeo de "She's So High" na televisión e amosou interese por traballar con Blur. Con Stephen Street son gravadas dúas cancións máis, "Come Together" e "There's no Other Way", que acabou sendo o segundo sinxelo, lanzado en abril de 1991.

Desta vez, a crítica rendeuse a Blur, a canción gaña as radios, a banda preséntase no famoso programa Top of the Pops da BBC por primeira vez, e "There's no Other Way" acaba chegando ao número 8 nas listas. En xullo comezan as gravacións do primeiro álbum, tamén con Stephen Street. O disco foi intitulado Leisure e contaba coas cancións dos dous primeiros sinxelos.

Leisure O álbum foi lanzado en agosto en Inglaterra, e unhas semanas máis tarde nos Estados Unidos pola discográfica SBK. Debido ao éxito de "There's No Other Way", o disco chegou á sétima posición da lista inglesa, pero a reacción da crítica xa non foi a mesma. Leisure foi moi comparado ás outras bandas da época, como Soup Dragons, Jesus Jones e Inspiral Carpets, mentres algúns críticos afirmaban que o son da banda era "fabricado".

Entre os integrantes da banda, o descontento coa sonoridade de Leisure foi aínda maior e Blur pasaría a concentrarse na reinvención da súa música. En setembro eles xa estaban no estudio e durante un concerto en outubro presentaron por primeira vez a innovadora "Popscene", claramente un paso adiante do material gravado en Leisure.

Pero pouco a pouco, o interese dos volubles medios británicos xa non estaba con Blur. A principios de 1992 só se falaba de Suede en Inglaterra. O son de Suede, inspirado no glam rock de David Bowie na década dos 70, impresionou a todos, mentres Blur aínda era asociado ao rock psicodélico post-Stone Roses, un movemento que morría pouco a pouco.

En marzo é lanzado o sinxelo de "Popscene". Hoxe en día é considerado un clásico, e segundo moitos foi o inicio de britpop, aínda que no seu momento non se lle prestou moita atención. Pero o prestixio estaba decaendo debido a algúns malos concertos, con algúns dos seus membros completamente embriagados no escenario. O sinxelo non pasou do número 32 nas listas.

Para empeorar as cousas en xuño a banda partiu para unha humillante xira de 44 concertos nos Estados Unidos. Na época Nirvana estaba en auxe cun son moi distinto ao de Blur, que foi ignorado en varios deses concertos. De volta a Inglaterra en agosto, a Food Records ameazou con despedir a banda, que despois dun tempo parada, retornou en outubro para iniciar as gravacións do seu segundo álbum. Inicialmente a banda traballou co produtor Andy Patridge (ex-integrante da banda XTC), pero o resultado foi desastroso. De casualidade, o guitarrista Graham Coxon atopouse con Stephen Street durante un concerto de The Cranberries. Stephen amosou interese en traballar de novo con Blur e en novembro as gravacións recomezaron. No mes seguinte, a banda presentou o novo disco á discográfica que rexeitou o material alegando que non había ningún hit. miniatura|esquerda|250px|Alex James En Nadal, Damon Albarn compuxo "For Tomorrow" e a Food estaba lista para lanzar o álbum. Porén a SBK, discográfica da banda nos Estados Unidos, insistía en que non había ningún hit potencial para o mercado estadounidense. Entón Blur volveu ao estudio e gravou "Chemical World". O disco estaba listo para ser lanzado en abril cando a SBK lle pediu a banda que regravase todo o disco co produtor Butch Vig (Nirvana, The Smashing Pumpkins, Sonic Youth). Desta vez a banda negouse e Modern Life is Rubbish foi lanzado en Inglaterra en maio.

Modern Life is Rubbish "For Tomorrow", o primeiro sinxelo do novo disco, chegou ao número 28 e o álbum non pasou do número 15, a pesar de que as críticas foron razoablemente positivas. Blur presentaba un son completamente renovado e distante de calquera comparación con outras bandas da época. O novo Blur relembraba influencias de bandas dos anos 60, principalmente The Kinks, volvendo ao rescate de elementos esencialmente ingleses. Como compositor, Damon Albarn distanciábase completamente do "shoegazing" dos primeiros tempos, con letras e temáticas máis directas con varias referencias e comentarios sobre a sociedade británica.

O segundo sinxelo, "Chemical World" chegou ao número 15. A banda volveu ás xiras e fixo unha presentación durante o Reading Festival. O interese por Blur volvía a medrar e en agosto, apenas tres meses despois do lanzamento de Modern Life Is Rubbish, a banda comezou a compoñer cancións para o seu terceiro disco.

En outubro foi lanzado o último sinxelo de Modern Life is Rubbish, "Sunday Sunday", e en decembro a banda entrou no estudio novamente. No mes seguinte, o novo disco xa estaba listo.

Parklife En febreiro foi lanzado o sinxelo de "Girls & Boys", como unha previa do novo álbum Parklife. O sinxelo tivo un enorme éxito e abriu o camiño para o lanzamento do álbum en abril, o primeiro de Blur en chegar ao número 1 en Inglaterra. Parklife estivo máis dun ano entre os 20 máis vendidos no Reino Unido e tivo tres hits máis, "To The End", "Parklife" (que contaba coa participación de Phil Daniels, o actor da ópera-rock de The Who Quadrophenia) e "End of a Century".

A finais de ano, Parklife era escollido como o mellor disco do ano por varias revistas. En xaneiro de 1995 a banda recibe os premios de mellor banda, mellor disco, mellor sinxelo e mellor vídeo no Brit Awards (o equivalente inglés aos Grammy). Blur definitivamente era a banda número un de Inglaterra, e os seus integrantes, principalmente Damon, convertéronse en celebridades.

O éxito de Blur abriu o camiño para unha serie de bandas como Pulp, Supergrass, Elastica e principalmente de Oasis. Oasis tivo un excelente ano en 1994 cando lanzou o seu disco de estrea Definitely Maybe e se converteu nunha das bandas máis prometedoras de Inglaterra; o suficiente para que os medios lanzasen unha verdadeira guerra entre Blur e Oasis.

Blur pasou a metade de 1995 traballando no seu novo disco, The Great Escape, e facendo algúns concertos esporádicos. En agosto lánzase o primeiro sinxelo de The Great Escape, da canción "Country House". Por iniciativa da discográfica, o lanzamento de "Country House" foi atrasado nunha semana para coincidir co lanzamento de "Roll With It", o novo sinxelo de Oasis. Blur saíu vencedor da batalla, "Country House" ficou no primeiro lugar nas listas. A Flood e a EMI fixeron unha festa para conmemoraren o feito, pero a "guerra" con Oasis non agradaba á banda, principalmente a Graham Coxon, o que levou a algúns desentendementos internos en Blur.

The Great Escape De feito, cando The Great Escape foi lanzado, a crítica recibiu o disco con moitos eloxios e as vendas foron excelentes. O disco tiña a sonoridade de Parklife levada ás últimas consecuencias, cunha boa produción e a mesma temática, centrada en personaxes irónicas como "Ernold Same", "Dan Abnormal" e "Charmless Man", das cancións do mesmo nome. O disco tamén tiña grandes hits, como "Country House", "The Universal" e a propia "Charmless Man" e ata entón foi o disco con máis éxito de Blur nos Estados Unidos, vendendo preto das 120.000 copias.

No entanto, a estratexia da rivalidade con Oasis foi prexudicial para Blur. Oasis lanzou o seu segundo disco, (What's the Story) Morning Glory? que tivo un maior éxito que The Great Escape. E cando Oasis conquistou os Estados Unidos, vendendo preto de 5 millóns de copias, as comparacións foron inevitables. A partir de aí, o son de Blur pasou a ser tratado como superado, e ninguén vía moito futuro para a banda. A postura da crítica con relación a The Great Escape mudou radicalmente, ata o punto de ser considerado un fracaso (malia ter boas vendas), argumentando que no disco a banda parecía unha parodia de si mesma na preocupación de repetir o fenómeno de Parklife.

En xuño de 1996 eles tocan o último concerto daquel ano en Dublín, Irlanda, onde tocan por vez primeira as cancións "Song 2" e "Chinese Bombs". Eses temas eran un sinal de que Blur se estaba reinventando novamente. As cancións foron compostas despois dun encontro entre Damon e Stephen Malkmus de Pavement. Após o concerto a banda foi a Islandia, onde iniciaron as gravacións do seu quinto disco. Durante o tempo que estiveron en Islandia, a relación entre os integrantes da banda mellorou sensiblemente. En decembro de 1996, Blur volveu a Inglaterra, onde gravou o último tema do novo disco, que foi lanzado en febreiro de 1997.

Blur Tanto o álbum, titulado Blur, como o primeiro sinxelo, "Beetlebum", entraron nas listas como número 1 en febreiro de 1997. En xeral as críticas ao novo son do grupo estiveron divididas, como algúns críticos considerando que Blur perdera o rumbo mentres que outros publicaban que a banda reconquistaba a súa posición como unha das máis innovadoras e orixinais de Inglaterra. Pero o público aínda amosaba unha certa resistencia á mudanza no estilo.