A proteína Ets1 ou protein C-ets-1 é unha proteína que nos humanos está codificada no xene ETS1 situado no cromosoma 11. A proteína codificada por este xene pertence á familia ETS de factores de transcrición.
Función
Hai 29 xenes ETS en humanos e 28 no rato. As proteínas da familia ETS únense ao ADN polo seu motivo de unión hélice alada-xiro-hélice coñecido como dominio Ets que recoñece especificamente secuencias de ADN que conteñen un elemento central GGAA/T. Porén, as proteínas Ets difiren significativamente nas súas preferencias pola secuencia que flanquea ao motivo central GGAA/T. Por exemplo, a secuencia consenso para Ets1 é PuCC/a-GGAA/T-GCPy. Por outra parte, moitos elementos GGAA/T sobre os que actúan Ets1 naturais difiren da secuencia consenso. Isto último suxire que outros factores de transcrición poden facilitar a unión de Ets1 a secuencias de ADN non favorables.
A Ets1 únese ao ADN como un monómero. A fosforilación de residuos de serina do dominio C-terminal (que na secuencia nucleotídica pertencen ao exón VII) coñecida como autoinhibición fai que o Ets1 sexa inactivo. Hai varias maneiras de activar Ets1. Primeira, Ets1 pode ser desfosforilada. Segunda, poden activarse se dúas moléculas de Ets se homodimerizan. A homodimerización ocorre sempre e cando os sitios de unión ao ADN estean presentes na correcta orientación e espazado. Así, a disposición exacta dos sitios de unión dentro dun segmento amplificador ou promotor dun xene pode atenuar ou permitir que ocorra a autoinhibición de Ets1 e pode influír fortemente en se a Ets1 realmente se unirá a un determinado sitio. Terceira, Ets1 pode ser activada por Erk2 e Ras no residuo Thr38. A isoforma truncada non pode ser fosforilada por Erk2. Está localizada no citoplasma e actúa como unha isoforma dominante negativa. Ao contrario, outra isoforma que carece do exón VII é constitutivamente activa. Moitos xenes de resposta a Ras conteñen motivos de recoñecemento Ets/AP1 combinatorios por medio dos cales Ets1 e AP1 activan sinerxicamene a transcrición cando son estimulados por Ras.
En adultos humanos, a Ets1 é expresada a altos niveis principalmente en tecidos inmunitarios como o timo, bazo, e ganglios linfáticos (en células B, células T, células NK, e células NKT e células inmunes non linfoides). Unha expresión forzada de Ets1 bloquea a diferenciación de células B e T. Ao contrario, ao facer un knockdown de Ets1 cáusanse múltiples defectos no sistema inmunitario.
Ratos knockout
Os ratos knockout para Ets1 presentan unha diferenciación anormal do timo, un número reducido de células T periféricas, unha diminución da produción de IL-2, unha inclinación a ter un fenotipo memoria/efector e alteracións na produción das citocinas de Th1 e Th2. Aínda que os ratos knockout para Ets1 teñen unha alteración das células Th1 e Th2 e Treg, teñen gran cantidade de células Th17. Presentan tamén defectos parciais no desenvolvemento das células B na medula ósea cunha redución da celularidade e unha transición ineficaz dos estadios de célula pro-B a pre-B.
Importancia clínica
A metaanálise de moitos estudos de asociación de xenoma completo suxeriu que hai unha asociación de SNPs no locus ETS1 coa psoríase en poboacións europeas. Isto non é sorprendente tendo en conta que Ets1 é un regulador negativo das células Th17.
A sobreexpresión de Ets1 en células epiteliais escamosas estratificadas causa cambios prooncoxénicos, como a suspensión da diferenciación terminal, alta secreción de metaloproteases de matriz (Mmps), ligandos do factor de crecemento epidérmico, e mediadores inflamatorios.
Interaccións
Ets1 interacciona directamente con varios factores de transcrición. As súas interaccións teñen como resultado a formación de complexos multiproteicos. Cando Ets1 interacciona con outros factores de transcrición (Runx1, Pax5, TFE3, e USF1) o seu efecto final sobre a transcrición depende de se o dominio C-terminal é fosforilado. As acetiltransferases CBP e p300 únense ao dominio de transactivación, mentres que AP1, STAT5 e VDR se unen ao dominio C-terminal.
Ademais, ETS1 presenta interaccións con TTRAP, UBE2I e a Proteína asociada á morte 6.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas
Drosophila pointed - The Interactive Fly FactorBook ETS1
Categoría:Factores de transcrición