En bioloxía molecular, a familia ETS (do inglés E26 transformation-specific, específica de transformación E26 ou E-twenty-six, E-vinte e seis) é unha das maiores familias proteicas de factores e transcrición e é exclusiva dos metazoos. Hai 29 xenes en humanos, 28 en ratos, 10 no verme Caenorhabditis elegans e 9 na mosca Drosophila que codifican estas proteínas. O membro co que se fundou a familia identificouse como un xene transducido polo virus leucemia, E26. Os membros da familia están implicados no desenvolvemento de diferentes tecidos e na progresión do cancro.

Subfamilias

A familia ETS está dividida en 12 subfamilias, que son as da táboa:

Subfamilia Membros da familia en mamíferos Ortólogos en invertebrados ELF ELF1, ELF2 (NERF), ELF4 (MEF) ELG GABPα ELG ERG ERG, FLI1, FEV ERF ERF (PE2), ETV3 (PE1) ESE ELF3 (ESE1/ESX), ELF5 (ESE2), ESE3 (EHF) ETS ETS1, ETS2 POINTED PDEF SPDEF (PDEF/PSE) PEA3 ETV4 (PEA3/E1AF), ETV5 (ERM), ETV1 (ER81) ER71 ETV2 (ER71) SPI SPI1 (PU.1), SPIB, SPIC TCF ELK1, ELK4 (SAP1), ELK3 (NET/SAP2) LIN TEL ETV6 (TEL), ETV7 (TEL2) YAN

Estrutura

Todos os membros da familia ETS identifícanse por teren un dominio de unión ao ADN altamente conservado, chamado dominio ETS, que é unha estrutura de tipo hélice alada-xiro-hélice que se une a sitios do ADN cunha secuencia de ADN central GGA(A/T). Ademais das súas funcións de unión ao ADN, as evidencias suxiren que o dominio ETS está tamén implicado nas interaccións proteína-proteína. Fóra do dominio de unión ao ADN ETS a semellanza de secuencia é limitada.

Están presentes tamén outros dominios, que varían dun membro da familia ETS a outro, como o dominio Pointed, dunha subclase da familia do dominio SAM.

Función Proteínas da familia ETS están presentes en todo o corpo e están implicadas nunha ampla variedade de funcións, incluíndo a regulación da diferenciación celular, o control do ciclo celular, a migración celular, a proliferación celular, a apoptose (morte celular programada) e a anxioxénese.

Moitos factores da familia ETS están asociados co cancro, xeralmente por medio de fusión xénica. Por exemplo, o xene ERG do factor de transcrición ETS ERG está fusionado co xene EWS, e como resultado orixínase unha condición chamada sarcoma de Ewing. A fusión de TEL coa proteína JAK2 debida á fusión dos seus xenes causa unha leucemia linfoide aguda pre-B temperá. ERG e ETV1 son xenes fusionados coñecidos no cancro de próstata.

Ademais, factores Ets, por exemplo o Etv1 de vertebrados e o Ast-1 de invertebrados, son importantes actores na especificación e diferenciación das neuronas dopaminérxicas tanto en C. elegans coma nos bulbos olfactorios dos ratos.

Modo de acción Entre os membros da familia ETS, hai unha gran conservación no dominio de unión ao ADN ETS e, por tanto, moita redundancia na unión ao ADN. Crese que as interaccións con outras proteínas son unha maneira pola cal se consegue a unión específica ao ADN. Os factores ETS actúan como represores transcricionais, activadores transcricionais ou ambas as cousas.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Categoría:Familias de proteínas Categoría:Factores de transcrición