A esclerose lateral amiotrófica (ELA), tamén coñecida como a enfermidade de Lou Gehrig, é unha enfermidade específica que causa a morte das neuronas que controlan músculos voluntarios. A definición "enfermidade das neuronas motoras" emprégase para un grupo de condicións da que a ELA é a máis común. A ELA caracterízase pola espasticidade muscular, contraccións musculares involuntarias e unha debilidade que empeora de maneira gradual por mor dunha atrofia muscular. Isto dá como resultado dificultades na fala, ao tragar e eventualmente na respiración.

A causa desta enfermidade descoñécese no 90%-95% dos casos. Entre un 5 e un 10% dos casos son hereditarios. Ó redor da metade dos casos xenéticos débense a un de dous xenes específicos. A diagnose baséase nos sinais e síntomas que presenta a persoa, realizándose probas para desbotar outras causas potenciais.

Non se coñece unha cura para a ELA. A medicación chamada riluzol pode estender a vida do enfermo por uns dous ou tres meses. A ventilación non-invasiva pode mellorar a calidade de vida e estendela. A enfermidade adoita aparecer ó redor dos 60 anos de idade, 50 nos casos herdados. A esperanza de vida media dende o seu comezo é de entre dous a catro anos, aínda que un 10% dos enfermos consegue sobrevivir máis de 10 anos, e a principal causa de finamento é un fallo respiratorio. Descoñécese a incidencia desta enfermidade en gran parte do mundo. En Europa e nos Estados Unidos esta enfermidade afecta a unhas dúas persoas de cada 100 000 cada ano.

O 21 de xuño celébrase o Día Mundial contra a Esclerose Lateral Amiotrófica, co obxectivo de visibilizar esta enfermedade e que o 21 de xuño, solsticio de verán, sexa un punto de inflexión na busca da causa e o tratamento da enfermidade.

Notas

Categoría:Doenzas