Johanna Maria Lind (máis coñecida como Jenny Lind), nada o 6 de outubro de 1820 en Estocolmo (Suecia) e finada en Malvern (Inglaterra) o 2 de novembro de 1887, foi unha soprano sueca admirada pola súa axilidade e control vocais, así como pola pureza e naturalidade do seu canto. Con tan só 10 anos foi aceptada como alumna na Kungliga Operan (Real Ópera de Suecia) e adoptou o nome artístico de Jenny Lind. O debut de Lind tivo lugar na súa cidade natal en 1838 nunha representación de Der Freischütz, e logo de ser cantante na corte sueca e membro da Real Academia Sueca da Música, Lind marchou estudar a París con Manuel García en 1841. Lind era coñecida co sobrenome do "reiseñor sueco" e antes dos 30 anos xa triunfara nas grandes capitais de Europa.

En Chopin and The Swedish Nightingale, Cecilia e Jens Jorgensen afirman que a soprano sueca mantivo un romance co compositor polonés Frédéric Chopin durante a xira británica que Lind realizou en 1848 e que mesmo pensaron en casar na primavera do ano seguinte.

Residente en Londres co seu home, o pianista alemán Otto Goldschmidt, ambos foron unha peza fundamental na formación de The Bach Choir. En 1883 retirouse a Wynds Point, onde morreu catro anos despois, sendo enterrada no cemiterio de Great Malvern.

Notas

Categoría:Nados en 1820 Categoría:Finados en 1887 Categoría:Nados en Estocolmo Categoría:Sopranos de Suecia