Weezer é unha banda de rock alternativo estadounidense formada nos Ánxeles (California) en 1992. Está liderada polo seu vocalista e guitarrista Rivers Cuomo e completan a súa formación dende o ano 2001 Pat Wilson (batería, guitarra e coros), Brian Bell (guitarra, coros e teclados) e Scott Shriner (baixo, coros e teclados).
Tras asinar con Geffen Records en 1993, Weezer publicou o seu álbum de estrea autotitulado, tamén coñecido como Blue Album, en maio de 1994. Respaldado polos vídeos musicais dos sinxelos "Buddy Holly", "Undone - The Sweater Song", e "Say It Ain't So", o Blue Album converteuse nun grande éxito. O segundo álbum de Weezer, Pinkerton (1996), cun son máis escuro e abrasivo, foi un fracaso comercial e inicialmente recibiu recensións mesturadas ou negativas, aínda que acadou un status de culto a a aclamación da crítica anos máis tarde. Estes dous traballos adoitan a citarse entre os mellores álbums dos anos 90. Tras a xira de Pinkerton, o baixista Matt Sharp deixou a banda e Weezer entrou en hiato.
En 2001 Weezer regresou co Green Album e co novo baixista Mikey Welsh. Cun son máis pop, e promovido polos sinxelos "Hash Pipe" e "Island in the Sun", o álbum foi un éxito comercial e recibiu polo xeral críticas positivas. Tras a xira do Green Album Welsh foi substituído por Scott Shriner. O cuarto álbum de Weezer, Maladroit (2002), conseguiu boas críticas pero vendas pobres. Make Believe (2005) tivo recensións diversas, pero o seu sinxelo "Beverly Hills" foi o primeiro da banda en chegar ao número 1 da lista estadounidense Modern Rock Tracks e o primeiro en entrar no top 10 da lista Billboard Hot 100.
No ano 2008 Weezer lanzou o Red Album; oseu sinxelo principal, "Pork and Beans", converteuse na terceira canción de Weezer en chegar ao número 1 da Modern Rock Tracks, respaldado por un video musical gañador dun Grammy. Raditude (2009) e Hurley (2010) contaban cunha "produción pop moderna" e con temas coescritos con outros artistas, conseguindo recensións diversas e vendas moderadas. Everything Will Be Alright in the End (2014) e o White Album (2016) regresaron a un estilo rock e conseguiron críticas máis positivas; Pacific Daydream (2017) tiña un son pop máis mainstream. En 2019 Weezer lanzou un álbum de versións, o Teal Album, seguido polo Black Album. En 2021 a banda publicou OK Human, cun son pop orquestral, seguido polo inspirado no hard rock Van Weezer. Weezer vendeu 35 millóns de álbums en todo o mundo, 10,2 deles nos Estados Unidos.
Biografía Formación O vocalista e guitarrista Rivers Cuomo mudouse aos Ánxeles en 1989 coa súa banda de metal do instituto Avant Garde, despois chamada Zoom. Tras a disolución do grupo Cuomo coñeceu ao batería Patrick Wilson, e mudouse con el e co seu amigo Matt Sharp. Wilson e Cuomo formaron unha banda, Fuzz, e recrutaron a Scottie Chapman como baixista. Chapman marchou despois duns poucos concertos; a banda reformouse como Sixty Wrong Sausages, co amigo de Cuomo Pat Finn no baixo e Jason Cropper na guitarra, pero o grupo desfíxose ao pouco tempo. Cuomo mudouse a Santa Monica e gravou ducias de demos, incluídas as futuras cancións Weezer "The World Has Turned and Left Me Here" e "Undone - The Sweater Song". Sharp entusiasmouse coas demos, e converteuse no baixista do grupo e no seu representante de facto.
Weezer formouse nos Ánxeles o 14 de febreiro de 1992. A banda comezou a compoñer algunhas cancións e a tocar en pequenos clubs locais, sendo o seu primeiro concerto como teloneros da banda do actor Keanu Reeves, chamada Dogstar. A pesar de non destacar moito nos seus inicios, a banda seguiu tocando.
O 25 de xuño de 1993 asinaron un contrato coa discográfica Geffen Records. Na época había unha verdadeira carreira entre as discográficas para descubrir novas bandas, en gran parte debido ao éxito do Nirvana e o consecuente estoupido do rock alternativo. Weezer pasou un tempo en Nova York, co fin de gravar o seu primeiro álbum no famosos Electric Lady Studios, onde contaron coa produción de Ric Ocasek (ex-The Cars, banda pop de moito éxito nos anos 80).Luerssen 2004, p. 82Luerssen 2004, p. 87 Durante as gravacións do álbum de estrea, titulado Weezer, Jason Cropper deixou a banda, e foi substituído polo baixista Brian Bell, que tocaba nun grupo chamado Carnival Art.
O son da banda, rotulado de powerpop, era unha mestura de melodías sinxelas, guitarras pesadas e letras inocentes, combinado con influencias do rock dos anos 70, de bandas como Cheap Trick ou Kiss e sonoridades de guitarra de conxuntos como Pixies.
Blue Album O primeiro disco da banda foi lanzado o 10 de maio de 1994, e foi un éxito dende o principio. A pesar de que a discográfica non quería lanzar ningún sinxelo do álbum finalmente editáronse tres: "Undone - The Sweater Song", "Buddy Holly" e "Say It Ain't So". "Buddy Holly" gañou varios premios Grammy e MTV Awards naquel ano e o álbum chegou a vender dous millóns de copias nos Estados Unidos. Particularmente, os videoclips axudaron moito ao éxito de Weezer. Os vídeos de "Undone" e "Buddy Holly" foron dirixidos polo director Spike Jonze.
Despois de varios meses de xira, Weezer decidiu parar por un tempo. Rivers ingresou na Universidade de Harvard, Matt e Pat montaron un proxecto paralelo chamado The Rentals e Brian volveu a tocar na banda na que tocaba antes de Weezer, Space Twins.
Pinkerton No fin de 1995, a banda tomouse un descando polo Nadal. Cuomo viaxou á súa casa de Connecticut, e usando un gravador de oito pistas comezou a traballar en demos para o novo traballo de Weezer. A súa idea era a de realizar unha space rock opera, e de aí saíu a demo Songs from the Black Hole. A banda comezou a traballar na idea de Cuomo en sesións de gravación intermitentes durante a primavera e o verán de 1995. Finalmente descartaron realizar un álbum conceptual e o disco quedou formado por temas compostos antes da edición do seu primeiro álbum e algún escrito por Cuomo mentres estaba en Harvard. miniatura|esquerda|250px|Rivers Cuomo, líder de Weezer En setembro de 1996, foi lanzado o tan esperado segundo álbum de Weezer, titulado Pinkerton. O disco ten un son un pouco máis pesado que o anterior, aínda que segue mantendo as melodías accesibles que son unha das marcas rexistradas do son da banda. Dese álbum foron lanzados tres sinxelos: "El Scorcho", "The Good Life" e "Pink Triangle".
Pinkerton non repetiu as vendas do álbum anterior, pero foi moi ben recibido pola crítica. A explicación pode estar no feito de que a banda non quixo gravar novos videoclips innovadores, unha especie de resposta do líder da banda, Rivers Cuomo, aos críticos que consideraban a Weezer unha banda dunha soa canción. Cando Geffen insistiu e lanzou un vídeo para a canción "The Good Life", o momento xa non era bo para o rock alternativo, e a MTV e os medios en xeral prestáronlle pouca atención á banda. O álbum chegou a vender 500.000 copias nos Estados Unidos.
Despois da finalización da promocióno de Pinkerton, a banda embarcouse nun longo período de inatividade, Rivers Cuomo retornou a Harvard e os outros integrantes pasaron a dedicarse a proxectos paralelos.
En 1998 Matt Sharp anunciou a súa saída definitiva de Weezer para dedicarse integralmente a The Rentals. No lugar de Matt foi chamado o baixista Mikey Welsh, que tocaba na banda de Juliana Hatfield.
En 1999 a banda volveu a se reunir para ensaiar cancións para o próximo disco. En 2000, xa con algún material novo listo, Weezer volveu a tocar en directo, facendo unha pequena xira polos Estados Unidos e posteriormente participando do Warped Tour ao lado de Green Day. Todos os concertos da banda en 2000 esgotaron as entradas e a expectativa era grande entre os seareiros para o lanzamento do terceiro álbum, que aparecería en marzo de 2001.
Green Album Así como o seu disco de estrea, o novo álbum foi autotitulado (enseguida apelidado como Green Album pola cor da súa capa), e foi recibido con frenesí tanto polo público como pola crítica por ser unha especie de retorno do son máis alegre, sinxelo e contaxiante (e por iso máis accesible) do inicio da carreira da banda. O disco estreouse entre os 10 máis vendidos da lista da Billboard (feito raro para un disco de rock hoxe en día).
Despis do lanzamento Weezer saíu novamente de xira polos Estados Unidos, onde se atoparon cunha nova xeración de seareiros grazas a emisión na MTV dos seus videoclips para os temas "Hash Pipe" e "Island in the Sun".
O día 16 de agosto do 2001 a MTV informou do ingreso de Mikey Welsh nun hospital psiquiátrico. Estivera en paradoiro descoñecido dende que desaparecera misteriosamente despois da rodaxe do vídeo de "Island in the Sun". Weezer tivo que buscar un baixista que o substituíse e, a través dun amigo común, Cuomo conseguiu o teléfono de Scott Shriner. Foi convidado a unirse á banda e aceptou.
Aínda no 2001 a banda volveu ao estudio para gravar o seu novo álbum. Foron sesións bastante prolíficas, onde compuxeron e gravaron varias cancións antes de que rematase o ano. A banda puxo a disposición dos seareiros algunhas versións e demos inéditas na súa páxina oficial en Internet.
Maladroit Para o seu seguinte traballo a banda adoptou un enfoque máis experimental, permitindo aos seus seguidores descargar mesturas en progreso de novas cancións para escoitar as súas opinións.Luerssen D., John, 2004 p. 398 O quinto álbum de Weezer, Maladroit, foi lanzado o 14 de maio de 2002, con boas críticas, pero menos vendas que o seu antecesor, aínda que chegou ao terceiro lugar da Billboard. Realizáronse dous vídeos de temas deste álbum, para "Dope Nose" e para "Keep Fishin'", obtendo este último gran rotación na MTV. No verán, a banda saíu de xira ao lado de The Strokes, e anunciou un novo disco en breve.
Weezer comezou a gravar demos entre as xiras, sendo a maioría descartadas. Finalmente decidiron tomarse un descanso despois de editar dous discos tan seguidos, e durante este período Bell e Wilson editaron álbums cos seus respectivos proxectos paralelos, Space Twins e The Special Goodness.
En marzo do 2004 lanzouse o DVD Video Capture Device, que incluía vídeos caseiros, actuacións en televisión, directos, videoclips, anuncios e comentarios da banda.
Make Believe O sucesor de Maladroit non chegaría ata o ano 2005, despois de moitas sesións de estudio que foron dende decembro do 2003 ata o outono do ano seguinte. As primeiras demos foron subidas á páxina da banda e tiveron moito éxito, pero ningunha deñlas aparecería no álbum. Make Believe foi editado o 10 de maio do 2005 e tivo opinións divididas a pesar do éxito comercial: mentres que para algúns era o mellor disco da banda dende Pinkerton, para outros tratabase dun sinal de decadencia.
O primeiro sinxelo do novo álbum foi "Beverly Hills", unha das cancións de sonoridade máis diferenciada gravada polo grupo, e non foron poucas as críticas negativas. O sinxelo chegou a estar varios meses nas listas despois da súa edición. "Beverly Hills" foi nomeada ao premio Grammy á mellor canción de rock, o primeiro nomeamento de Weezer a estes premiso. O seu vídeo tamén sería nomeado ao premio dos MTV Vídeo Music Awards de mellor vídeo de rock.
O segundo sinxelo do álbum foi "We Are All on Drugs". A MTV rexeitou emitir a canción, polo que Weezer regravouna cambiando o "on drugs" por "in love", e chamándoa "We Are All in Love". O terceiro sinxelo sería "Perfect Situation", que pasou catro semanas no númeor 1 da lista Billboard Modern Rock. "This Is Such a Pity" converteríase no curto sinxelo, pero non se realizou ningún vídeo para o tema.
Na xira de divulgación do seu quinto disco, Weezer tocou polos Estados Unidos ao lado de nomes como Pixies e Red Hot Chili Peppers.
Rivers Cuomo estudou o seu derradeiro semestre en Harvard no ano 2005, para licenciarse definitivamente. Matt Sharp pola súa banda, anunciou o 24 de outubro que regresaba á súa banda The Rentals.