250px|miniatura|Certificado de domestic partnership de California.
Unha unión de feito, parella de feito ou asociación libre é unha unión sexoafectiva entre dúas persoas que, sen ter rango de matrimonio, está recoñecida polo Estado. Hai diferenzas entre a denominación que lles dá cada ordenamento xurídico: así chámanse parellas de feito en España, Pacte Civil de Solidarité (PACS) en Francia, partnership no Reino Unido e Estados Unidos ou unión civil noutros varios estados.
Dada a vinculación só afectiva e de convivencia entre os compoñentes das parellas de feito, que en ocasións leva unha dependencia económica análoga á dun matrimonio, algúns ordenamentos xurídicos víronse na necesidade de regulalas para evitar o desamparo dalgún dos compoñentes da parella en certas situacións como morte do outro, enfermidade etc.
Orixe
A figura xurídica da parella de feito ten a súa orixe na necesidade de que os Estados doten dunha cobertura legal a aquelas parellas que, de forma irregular, conviven maritalmente.
O grao de equiparación entre as parellas de feito e os matrimonios é diferente segundo os estados. Nalgúns deles as parellas de feito e os matrimonios non se diferencian máis que na denominación, contando con igualdade plena de deberes e dereitos. Noutros casos os deberes e dereitos das parellas de feito non conservan máis que unha certa analoxía cos dos matrimonios. Algúns Estados que non recoñecen aos seus cidadáns o dereito a formar parellas legalmente recoñecidas entre persoas do mesmo sexo tamén contemplan a posibilidade de constituíren parellas de feito.
As parellas de feito por países Europa
Hungría. As relacións homosexuais están despenalizadas dende 1962 para os maiores de 20 anos e a idade de consentimento é a mesma que para as relacións heterosexuais dende o ano 2002. Dende 1996 as parellas de feito, incluíndo as do mesmo sexo, gozan de certos dereitos, e en abril do 2009 foi aprobada unha lei específica para parellas de feito homosexuais.. Dita lei concédelles moitos dos dereitos dos que gozan as parellas casadas, pero non inclúe a adopción conxunta nin o acceso das mulleres lesbianas á inseminación artificial. Sectores conservadores presentaron nove recursos de inconstitucionalidade contra esta reforma legal, pero foron desestimados polo Tribunal Constitucional húngaro. República Checa. As relacións homosexuais en Checoslovaquia foron despenalizadas en 1962 e dende 1990 a idade de consentimento é a mesma que para as relacións heterosexuais. Dende o 2001 existe un rexistro de parellas de feito que inclúe as parellas homosexuais e dende o 2006 existe unha lei de unións civís, que non permite a adopción conxunta nin a inseminación artificial das mulleres lesbianas. Andorra. No 2005 Andorra aprobou unha lei de unións civís que recoñece boa parte dos dereitos dos que gozan as parellas casadas. Aínda que a lei non menciona o dereito á adopción, tampouco a prohibe. Reino Unido. Dende o 2005 as parellas do mesmo sexo poden acceder a unha partnership que lles recoñece os mesmos dereitos que ás parellas casadas, incluída a adopción como padrastos ou madrastas. Unha organización LGBT promoveu unha modificación da lexislación en Escocia, pero a resposta do Parlamento escocés foi que unha reforma dese aspecto tocaba competencias que non estaban transferidas, como as leis migratorias ou sobre a herdanza. Dinamarca. Dende 1989 hai unha lei de unións de parellas do mesmo sexo. A xerarquía da igrexa luterana danesa, que permite aos seus pastores bendicir as parellas do mesmo sexo unidas civilmente, é particularmente proclive á regulación do dereito destas a contraer matrimonio. Eslovenia. Conta cunha lei de parellas de feito dende o ano 2006. Recentemente o Tribunal Supremo esloveno dictamiinou que esta lei é discriminatoria coas parellas do mesmo sexo, motivo polo cal o goberno comezou a tramitación do proxecto de lei que permitirá o matrimonio para este tipo de parellas. Suíza. As relacións homosexuais están permitidas dende 1942 e dende o 2007 está en vigor unha lei de unións civís, aprobada mediante referendo cun 58% dos votos, que non concede o dereito á adoptar nin o acceso aos tratamentos de reprodución asistida. Con anterioridade, os cantóns de Xenebra e Zúric aprobaran leis de parellas. Alemaña. Dende o 2009 varias sentenzas xudiciais recoñeceron ás parellas homosexuais certos dereitos que ata agora eran exclusivos das heterosexuais como, por exemplo, a percepción de pensións, a adopción dos fillos da parella e as transmisións. En xuño do 2010 un tribunal administrativo de Berlín determinou que o matrimonio dun cidadán alemán casado no Canadá cun español debe ser recoñecido en Alemaña como unión civil, recoñecemento que fai extensivo a outras parellas do mesmo sexo casadas no exterior. Sorprendentemente, varias asociacións islámicas pronunciáronse a favor de reformar as leis para permitir o matrimonio entre persoas do mesmo sexo e incluír a protección das minorías LGTB na Constitución. Austria. O 10 de decembro do 2009 foi aprobada a lei de unións civís. A lei, que entrou en vigor en xaneiro do 2010, outorga ás parellas do mesmo sexo a posibilidade de optar a unha fiscalidade común e a dereitos sucesorios e de seguridade social, pero non permite celebrar cerimonias formais nin adoptar en común. Tampouco permite ás parellas de lesbianas acceder aos tratamentos de reprodución asistida. España. En España, ademais da legalización dos matrimonios entre persoas do mesmo sexo, existen leis de parellas de feito en Navarra, o País Vasco, Aragón, Cataluña e a Comunidade Valenciana. Finlandia. Alén da previsible aprobación do matrimonio, esperada para o 2011, en Finlandia existe a posibilidade de constituír unións civís. Dende o 2009 concédese a adopción dos fillos da parella tamén dentro daquelas formadas por dúas persoas do mesmo sexo. Francia. Dende 1999 o chamado Pacte Civil de Solidarité (PACS) concede algúns dos dereitos dos que gozan as parellas casadas a nivel patrimonial e algúns beneficios sociais. A adopción conxunta está prohibida, así como a reprodución asistida para mulleres lesbianas. As sucesivas iniciativas encamiñadas a ampliar o seu reducido alcance non tiveron éxito polo de agora. Illa de Jersey. O Parlamento aprobou no 2009 unha lei de Partnership semellante á británica que outorga ás parellas do mesmo sexo unidas civilmente dereitos similares aos do matrimonio. Irlanda. Dende xullo do 2010 Irlanda recoñece as chamadas Relacións Civís, ás que concede equiparación ás parellas heterosexuais en materia de propiedade inmobiliaria, benestar social, dereitos de sucesión, manutención, pensións e impostos. Despois de recibir a sanción da presidenta da república, está previsto que as primeiras unións se celebren en xaneiro de 2011.
América dereita|250px|miniatura|Parellas de feito nos Estados Unidos.
En México: Coahuila. O Congreso do estado de Coahuila, México, recoñeceu a unión de persoas do mesmo sexo, chamándoo Pacto Civil de Solidariedade. Nos Estados Unidos: Hawai. O 6 de xullo do 2010 a gobernadora de Hawai vetou unha lei que tiña como obxectivo aprobar a unión civil para parellas do mesmo sexo. A devandita lei xa fora aprobada pola Cámara de Representantes e garantía ás parellas homosexuais os mesmos dereitos e beneficios que aos matrimonios. O argumento esgrimido foi que se trataba dunha lei que, de facto, implantaba o matrimonio para parellas do mesmo sexo. Os líderes da Cámara expresaron que non teñen previsto tratar de levantar o veto da gobernadora.
Noutros continentes Australia. A comezos do 2010 foi sometido a votación no Senado australiano un proxecto de lei que tiña como obxectivo implantar o matrimonio para parellas do mesmo sexo, e que foi rexeitado na súa votación o 26 de febreiro, como resultado dunha pouco corrente alianza entre laboristas e conservadores. Tamén foi rexeitada a proposta do partido laborista, no goberno, para aprobar unha lei de unións civís para toda Australia, que viría unificar a heteroxénea ordenación vixente: nalgúns dos estados australianos son legais as unións civís, chamadas nalgúns lugares Civil Partnership e noutros Domestic Partnership, con aproximadamente iguales características; no resto do territorio existe un recoñecemento de facto das unións entre persoas do mesmo sexo, pero sen que haxa un rexistro oficial.
Unións non reguladas As unións non reguladas son realidade en todo o mundo, mesmo naqueles países onde a homosexualidade é reprimida e perseguida, aínda coa pena de morte. Nestes casos, a parella homosexual decide por propia convicción e de común acordo unirse en parella, recoñecéndose mutuamente dereitos e obrigas entre os seus propios integrantes, e en ocasións ante os membros do seu contorno máis próximo. Certos estados, sen recoñeceren un status legal a este tipo de unións, conceden aos seus membros certos beneficios equiparables a aqueles dos que gozan as parellas casadas.
Colombia. O 7 de febreiro de 2007 en Colombia, foron aprobados e recoñecidos os dereitos patrimoniais na decisión do fallo da Corte Constitucional que equipara ás parellas heterosexuais algúns dereitos en materia de saúde, pensións, patrimonio e estranxeiría. Brasil. Nove das provincias do Brasil recoñecen a unión estable entre persoas do mesmo sexo e está en marcha un proxecto de lei, presentado en 1995, que modificaría a lexislación federal nesta materia. Por outra banda, nunha sentenza que senta xurisprudencia, o Superior Tribunal de Justiça do Brasil tomou unha deción innovadora ao permitir a unha parella de mulleres lesbianas constar legalmente como nais de dúas nenas. Nos Estados Unidos: Novo México: Amparándose en que a constitución do Estado non prohibe de forma expresa o casamento entre persoas do mesmo sexo, unha serie de decisións administrativas e xudiciais abriron as portas a este tipo de casamentos en 6 dos 33 condados de Novo México: Doña Ana, Santa Fe, Bernalillo, San Miguel, Valencia e Taos.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Matrimonio Matrimonio entre persoas do mesmo sexo
Categoría:Dereito de familia Categoría:Relacións interpersoais