A Venerable Orde Terceira Franciscana é unha das oito confrarías que existen na Semana Santa de Viveiro. Ten a súa sede na igrexa de San Francisco, en Viveiro.

Historia A primeira referencia documentada sobre a Semana Santa de Viveiro remóntase ao século XIII, coa fundación das súas confrarías máis antigas. Arredor do ano 1214 constituíronse as confrarías unidas da Purísima Concepción e da Vera Cruz, que comezaron a encargarse das actividades da Semana Santa, ademais da Venerable Orde Terceira Franciscana, no convento de San Francisco.

As confrarías da Purísima Concepción e da Vera Cruz acadaron o seu máximo esplendor nos séculos XV e XVI.

Porén, durante a Contrarreforma leváronse a cabo accións destinadas a reducir as escenificacións públicas da Semana Santa, co fin de opoñerse ao avance do protestantismo en Europa. A popularidade existente entre os devotos levou ao bispo frei Antonio de Guevara a prohibir o que el denominaba «representacións e farsas do mundo», aínda que deu a súa aprobación para realizar a procesión da Vera Cruz.

Este tipo de prohibicións provocaron que, a finais do século XVII, as confrarías da Purísima Concepción e da Vera Cruz acabasen por desaparecer. O 6 de febreiro de 1728, o pai gardián do convento de San Francisco expediu un certificado para deixar constancia da devandita extinción. O daquela bispo de Mondoñedo, Juan Muñoz Salcedo, asinou ao mes seguinte un decreto polo que concedía á Venerable Orde Terceira Franciscana todos os efectos destas confrarías, coa obriga de asumir as súas cargas.

Pasos procesionais A Venerable Orde Terceira Franciscana conta cos seguintes pasos vinculados ás procesións da Semana Santa de Viveiro:

Ecce-Homo dos Franceses (século XV). Coroación de espiñas ou O Sentado (século XV). Cristo da Vera Cruz (século XV). Virxe Inmaculada Dolorosa (século XVIII). A Cea ou Os Apóstolos (1808). A oración no Horto (século XVII). A Flaxelación ou Santísimo Cristo da Columna (1908). Ecce-Homo ou Santísimo Cristo da Cana (1950). Cristo do Encontro (século XV). San Xoán e a Verónica (1775). Nosa Señora a Santísima Virxe das Dores (1741).

Procesións Durante a Semana Santa, a Venerable Orde Terceira encárgase de sacar as seguintes procesións:

Procesión da Virxe das Dores (Venres de Dores). Procesión do Ecce-Homo dos Franceses (Domingo de Ramos). Procesión da Última Cea (Xoves Santo). Procesión do Encontro (Venres Santo). Procesión dos Caladiños (Venres Santo).

Notas

Véxase tamén Outros artigos Semana Santa de Viveiro Historia da Semana Santa de Viveiro Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario Confraría do Santísimo Cristo da Piedade Irmandade do Prendemento Irmandade das Sete Palabras Irmandade da Santa Cruz Confraría do Nazareno dos de Fóra Confraría da Misericordia

Categoría:Semana Santa de Viveiro