miniatura|Capela da Misericordia, sede canónica da Confraría.|273x273px A Confraría da Misericordia é unha das oito confrarías que existen na Semana Santa de Viveiro. Ten a súa sede canónica na capela de Nosa Señora da Misericordia, dentro da xurisdición parroquial de Santiago-San Francisco de Viveiro, situada do outro lado da Ponte Maior que cruza a ría de Viveiro.

Foi fundada no ano 2006 por un grupo de estudantes universitarios e saíu por primeira vez en procesión o 7 de abril de 2007, Venres Santo, participando na Procesión da Paixón. Desde 2011 dispón de procesión propia.

Historia No ano 2006, un grupo de estudantes universitarios tivo a idea de recuperar o uso procesional da devota imaxe viveirense do Santísimo Ecce-Homo da Misericordia de Viveiro. Para iso, leváronse a cabo varias reunións co daquela cura párroco de Santiago-San Francisco de Viveiro, o reverendo señor don José Bello Lagüela, que acolleu favorablemente a proposta. Co paso dos meses foise dando forma ao proxecto, que culminou coa fundación da actual Confraría da Misericordia o 22 de abril de 2006, véspera do Domingo da Misericordia, nun piso do ensanche de Santiago de Compostela.

Debido á grande devoción que se profesa ao Santísimo Ecce-Homo, a iniciativa axiña atopou o apoio de numerosas persoas que se sumaron ao proxecto unha vez feito público, especialmente entre a xente vinculada ao mundo do mar e dos mariñeiros do porto de Celeiro.

Aínda que a primeira intención dos fundadores era realizar unha nova procesión, escollendo para ela a noite do Venres de Dores, finalmente incorporáronse á Procesión da Paixón, organizada pola Confraría do Santísimo Cristo da Piedade xunto coas súas filiais —as irmandades do Prendemento, das Sete Palabras e da Santa Cruz— na noite do Venres Santo de 2007, na que participaron ata a Semana Santa de 2010.

Ese mesmo ano, tras recibir a doazón da sagrada imaxe da Virxe da Clemencia por parte do sacerdote ribadense reverendo señor don Manuel Ares Fernández, realizouse, na madrugada do Xoves Santo ao Venres Santo, unha multitudinaria procesión popular de traslado desta desde o convento das monxas Concepcionistas, onde estivera custodiada ata ese momento, ata a Capela da Misericordia, onde quedaría exposta ao culto público. Este foi o antecedente para que, ao ano seguinte, a confraría deixase de participar na Procesión da Paixón e pasase a realizar a súa propia procesión, a Procesión da Misericordia, na madrugada do Xoves ao Venres Santo, coas imaxes do Santísimo Ecce-Homo da Misericordia e de Nosa Señora da Clemencia.

Pasos procesionais A Confraría da Misericordia conta cos seguintes pasos procesionais:

Santísimo Ecce-Homo da Misericordia. Nosa Señora a Santísima Virxe da Clemencia.

Procesións Durante a Semana Santa de Viveiro, a Confraría da Misericordia encárgase de sacar a seguinte procesión:

Procesión da Misericordia —madrugada do Xoves Santo ao Venres Santo—.

Véxase tamén

Outros artigos Semana Santa de Viveiro Historia da Semana Santa de Viveiro Venerable Orde Terceira Franciscana Ilustre e Venerable Confraría do Santísimo Rosario Confraría do Santísimo Cristo da Piedade Irmandade do Prendemento Irmandade das Sete Palabras Irmandade da Santa Cruz Confraría de O Nazareno dos de Fóra

Ligazóns externas Blog da Confraría da Misericordia

Categoría:Semana Santa de Viveiro