José María Porto Lestegás, Herbellas, nado no Valadouro cara a 1908 e finado en Miñotos (Ourol) o 2 de outubro de 1948, foi un guerrilleiro antifranquista galego.

Traxectoria Panadeiro en Viveiro. Logo do golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 8 de setembro, xulgado por auxilio á rebelión e condenado a 5 anos de prisión. Estivo na prisión de Burgos. Instalado en Ourol, rexentou a panadería da Praza da Fontenova. Tamén era tratante de gando e dedicábase a mercar carne para a carnizaría da súa irmá. Logo de pasar polo cuartel de Viveiro arrestado por colaborar cos fuxidos, botouse ao monte e incorporouse á guerrilla. Foi abatido nun enfrontamento coa Garda civil xunto con Benedicto Escourido Cobo o 2 de outubro de 1948 nos montes de Leborín en Miñotos (Ourol). Feridos por disparos dunha metralladora, ambos permaneceron varias horas agochados até que a “Brigadilla” despregou cans para localizalos e alumeou a zona cos faros do coche de liña de Galera. José gastou a munición que lle quedaba fronte as forzas represivas, comeu documentos con información da partida e despois de lanzar unha granada, suicidouse coa última bala.

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en Represión franquista en Lugo

Categoría:Guerrilleiros antifranquistas de Galicia Categoría:Nados no Valadouro Categoría:Nados en 1908 Categoría:Finados en 1948 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes