miniatura|Un médico mide a presión arterial. miniatura|O esfigmomanómetro mide a presión arterial do sangue. A presión (ou tensión) arterial (PA) é a presión exercida pola circulación do sangue nas paredes dos vasos sanguíneos, e é un dos principais sinais vitais. En cada latexo do corazón, a PA varía entre un máximo (presión sistólica) e un mínimo (presión diastólica) de presión. A PA media diminúe a medida que a circulación vai dende o corazón para as arterias, e ten a súa maior diminución nas pequenas arterias e arteriolas, e segue a diminuír a medida que o sangue se move a través dos vasos capilares e volve ó corazón polas veas. É un dos signos vitais, xunto coa frecuencia respiratoria, a frecuencia cardíaca, a oxixenación e a temperatura corporal. A presión arterial dun adulto en repouso é de arredor de 120 milímetros de mercurio (16 kPa) sistólicos, e 80 milímetros de mercurio (11 kPa) diastólicos, abreviado "120/80 mmHg".

O termo de presión arterial, xeralmente, refírese a presión medida no brazo dunha persoa, especialmente na arteria braquial, empregando un esfigmomanómetro. Máis recentemente, empréganse outros métodos semiautomáticos por mor do potencial risco de intoxicación por mercurio, aínda que o custo e a facilidade de uso tamén influíron nesta tendencia. As alternativas anteriores ó esfigmomanómetro eran pouco exactas, pero os dispositivos modernos teñen un grao de exactitude semellante ós de mercurio.

A presión do sangue está influída polo gasto cardíaco, a resistencia vascular e a rixidez arterial e varía dependendo da situación, do estado emocional, a actividade e os estado de saúde ou enfermidade. A curto prazo é regulada por barorreceptores que actúan a través do cerebro para influír nos sistemas nervioso e endócrino.

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos Hipertensión arterial Hipotensión

Categoría:Medicina Categoría:Presión Categoría:Sangue Categoría:Medidas