María Dolores Díaz Baliño, máis coñecida polo hipocorístico Lolita Díaz Baliño, nada na Coruña o 6 de xaneiro de 1905 e finada o 3 de novembro de 1963 na mesma cidade, foi unha pintora e profesora galega, debuxante e acuarelista. Foi a primeira muller membro da Real Academia Galega de Belas Artes, xunto con Carmen Corredoyra. Durante moito tempo foron as únicas mulleres da institución. A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia dedicáronlles o Día da Ilustración de 2021.

Orixes familiares O seu pai, o ortigueirés Germán Díaz Teijeiro, dedicábase ás obras públicas. A súa nai era a ferrolá Camila Melitona Baliño López. En 1897 o matrimonio trasladouse desde a cidade departamental ata A Coruña, onde naceron catro dos seus nove fillosOrtega Romero sinala erroneamente que foron cinco os irmáns , porén esquecendo o primeiro Germán (falecido sendo un bebé) e o segundo (que tamén faleceu antes da guerra civil española), e mais a Joaquín. Con todo, a falla máis estraña é a de Gonzalo, quen precisamente manifestouse como un entusiasta do franquismo, cousa que tamén parece suceder con Joaquín, quen mostrou as súas simpatías mentres vivía na Habana.Suárez Sandomingo () tamén afirma que só chegaron a ser sete irmáns, esquecendo tamén o primeiro Germán, a Gonzalo e a Joaquín. Engade outro nome, Avelino, de quen non atopamos referencias, polo que pode ser algún destes tres mencionados, quizais un segundo nome dalgún. Suárez Sandomingo informa no seu artigo que «a pesar dos seus sete fillos, a familia Díaz-Baliño nunca puido presumir de ser numerosa, posto que na época ter un número tan elevado de membros era algo normal. De feito, nin sequera a finais dos anos vinte o Instituto Nacional de Previsión consideraba que unha familia fose numerosa se esta non superaba os oito descendentes». Porén, como temos visto, o número de fillos vivos ao mesmo tempo na familia acadou os oito (o único falecido sendo neno foi o primeiro Germán), polo que a non consideración de familia numerosa puido vir da posibilidade de non conviviren todos xuntos.. Dolores foi a última filla, irmá de Camilo Buenaventura (pintor e escenógrafo), Camila Melitona Miluca (quen casou cun redactor de El Eco de Galicia), Germán (falecido sendo bebé), Gonzalo (comerciante), Indalecio (delineante e escultor), Germán (comerciante e músico), Joaquín (que emigrou a Cuba e máis tarde a Miami) e Ramiro (siluetista e comerciante). Foron tíos seus Indalecio Díaz Teijeiro, deputado provincial, e Gustavo Díaz Teijeiro, empregado do Goberno Civil da Coruña. Tamén destaca a súa relación co escritor Ramón Armada Teixeiro, primo carnal seu.Así o mostra José Manuel Suárez Sandomingo no seu artigo "Los Díaz Baliño (1)". miniatura|195px|Lolita en 1926

Traxectoria A primeira nova que menciona a Lolita data do entroido de 1917, en que participou nunha das carrozas con 12 anos. Acompañábana a tarde do 18 de febreiro, nunha «carroza de flores e mascaróns de cor amarelo, de moito efecto», entre outras, as súas tías Asunción e Dolores Díaz Teijeiro. Destas festas, o fotógrafo coruñés Pedro Ferrer fixo unha gran cantidade de fotografías, parte da súa colección "Pueblos, Paisajes, Arte y Costumbres de Galicia".Posiblemente, é a que leva o número 10029 da serie.

Porén, a primeira posta a proba de Lolita nas artes seica non foi na pintura, senón na fotografía. Xunto coa Sociedade Fotográfica da Coruña, o Circo (ou Reunión) de Artesáns da cidade organizou para mediados de maio de 1924 un concurso e exposición de fotografías. No evento participaron fotógrafos profesionais como Buch e afeccionados como o meteorólogo Pío Pita, o avogado Gabriel Monelos Rodríguez, o técnico de aduanas e coñecido editor de postais Juan Coma, o membro da Comisión Xeográfica de Galicia, escritor e poeta Máximo Navarro e o avogado José García Vidal, quen resultou gañador da medalla de ouro do certame. Díaz Baliño participou cunha «graciosa cabeciña de nena», que chamou a atención «pola xusteza da gama de grises da máscara e a oportunidade en sorprender (sic) co obxectivo un simpático xesto na retratada». Dita obra valeulle unha medalla de prata.

miniatura|esquerda|300px|Anuncio en El Compostelano da Exposición de Arte Galega, celebrada en Santiago en 1926 Comezou a colaborar cos seus debuxos na revista sadense Mariñana desde o número 21, do 1 de novembro de 1925. Nesa publicación tamén viña colaborando desde tempo antes Máximo Navarro. Porén, a súa colaboración foi breve, pois só publicou outros dous debuxos repartidos entre os números 22 e 23. Eran debuxos de innegable influencia folclorista na temática que retrataban o universo feminino. Porén, tiña un recoñecible estilo común a outros artistas de publicacións coetáneas.

A mediados do ano seguinte apareceu a súa primeira participación nunha exposición colectiva como pintora. Co gallo das Festas do Apóstolo Santiago organizouse unha "Exposición de Arte Galego" (ao estilo das que xa se levaban celebrando moitos anos na Coruña) coa intención de exhibiren «importantes obras os mais xeniais artistas da Rexión» e ofreceren «conferencias os máis reputados críticos da Arte». A data inicialmente prevista para dar inicio ao certame era o 15 de xullo de 1926, aínda que finalmente se inaugurou o día 21 no Colexio de San Clemente, que xa fora sede da sección arqueolóxica na Exposición Rexional de 1909. Dita exposición estivo aberta ata o 15 de agosto.

miniatura|195px|Retrato en Vida Gallega, 1929 Dividíronse as vinte salas da mostra en tres seccións: Arte contemporánea, Obras de pintores falecidos e Retratos de personalidades extintas de Galicia (sic). Na primeira participaron, ademais de Díaz Baliño, Fernando Álvarez de Sotomayor, Juan Luis, Francisco Lloréns, Carlos Sobrino Buhigas, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, María Corredoira, Antonio Fernández Gómez, Elvira Santiso, Manuel Abelenda Zapata, Amando Suárez Couto, Enrique Mayer, Manuel Castro Gil, Arturo Souto e Ramón Torrado. Entre os segundos, os falecidos, cabe salientar a Ramón Parada Justel e Dionisio Fierros Álvarez. Tamén foi exposto mobiliario do ebanista Urbano Anido González., así como unha mostra da obra do arquitecto Rafael González Villar

O seu paulatino achegamento aos movementos rexionalistas, malia a súa educación e pensamento conservadores, materializouse na participación en diversas manifestacións. Unha delas foi a homenaxe tributada á coral Cántigas da Terra no desaparecido Teatro Linares Rivas (no actual nº 7 dos Cantóns coruñeses entre 1920 e 1940) a tarde do 3 de febreiro de 1927. Por petición da Asociación da Prensa da Coruña, colocoulle ao seu estandarte unha gravata pintada por ela. Pouco despois, o concello de Cesuras encargoulle un pergameo caligráfico por mor da visita de Afonso XIII a finais de setembro. Estes feitos dan conta dunha crecente consideración no eido público da súa faciana artística.

O 30 de maio de 1929 a Deputación da Coruña concedeulle unha pensión de pouco máis de 1.250 pesetas «para que poida perfeccionar os seus estudos de pintura, en conformidade ao proposto pola Real Academia de Belas Artes da Coruña, a cuxo informe se pasou a solicitude da interesada». De acordo a esta nova, o monto que percibiría era a parte proporcional aos meses que restaban do ano en curso dunha pensión de 2.000 pesetas. Esta axuda puido resultar decisiva para o desenvolvemento da súa carreira, como recoñecemento desde o eido institucional á súa valía.

O 13 de febreiro de 1938 ingresou como académica de número na Real Academia Galega de Belas Artes da Nosa Señora do Rosario, co número de orde 102, baixo a presidencia do arquitecto Rafael González Villar. A mesma data deu entrada a outros tres académicos, (Alfredo Souto Cuero, Carmen Corredoyra (ambos na sección de pintura) e o imaxineiro compostelán José Juan González García (na sección de escultura). Díaz Baliño e mais Corredoyra foron as primeiras mulleres en ingresaren nesta institución. Carme Corredoyra tomou posesión ao día seguinte (14 de febreiro), mais non consta a data en que o fixo Lolita Díaz.

Recoñecemento A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) e a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia programaron dedicarlle o Día da Ilustración de 2021. A debuxante Iria Ribadomar fixo unha ilustración reactualizando a súa imaxe con motivo dese día.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Outros artigos Horror vacui Os renovadores Ligazóns externas

Ficha en galegos.info Ficha en almanaquedasirmandades.gal Compilación de bibliografía sobre Dolores Díaz Baliño en pintoresgallegos.com

Categoría:Nados en 1905 Categoría:Pintores de Galicia do século XX Categoría:Nados na Coruña Categoría:Finados en 1963 Categoría:Membros da Real Academia Galega de Belas Artes Categoría:Día da Ilustración Categoría:Artigos destacados sobre Galicia