Narciso Pascual Pascual, nado o 11 de agosto de 1917 en Sarreaus (Tioira, Maceda) e finado en Guadalaxara o 6 de decembro de 1936, foi un relixioso católico latino galego, mártir na guerra civil, beatificado polo papa Francisco o 13 de outubro de 2013.

Traxectoria

Aos 14 anos entrou na escola apostólica do santuario da Nosa Señora dos Milagres do Medo, onde cursou dous cursos de humanidades. Porén, a falta de éxito nos estudos levouno a decidir ingresar como irmán na Congregación da Misión; anos despois o seu irmán Pedro seguiría os seus pasos como relixioso.

Completou os seus estudos no colexio central de Guadalaxara, e rematado o postulantado foi enviado ao seminario interno da orde en Madrid, ingresando no mesmo o 26 de novembro de 1933. En 1935 foi enviado a Cuenca para completar os estudos de teoloxía. O 27 de novembro de 1935 emitiu os voto, na festa da Virxe da Medalla Milagrosa.

En 1936, antes do estoupido da guerra e logo de varias ameazas, o superior do seminario ordenoulles aos seminaristas que marchasen, mais o irmán Pascual permaneceu en Cuenca, refuxiándose na casa dunha familia amiga. Alí andou oculto até que, ao pouco, se trasladou a Madrid para maior seguridade. Logo de recuperarse na capital foi enviado a Guadalaxara, onde foi feito prisioneiro cos seus compañeiros e foi fusilado o 6 de decembro de 1936, aos 19 anos.

Culto

Está aberta a súa causa de canonización pola vía do martirio como parte do grupo de Fortunato Velasco Tobar e 13 compañeiros da Congregación da Misión. Xunto a Narciso Pascual, a causa inclúe a Tomás Pallarés Ibáñez, Salustiano González Crespo, Luis Aguirre Bilbao, Leoncio Pérez Nebreda, Andrés Avelino Gutiérrez Moral, Antoni Carmaniú Mercader, Fortunato Velasco Tobar, Pelayo José Granado Prieto, Amado García Sánchez, Gregorio Cermeño Barceló, Ireneo Rodríguez González, Vicente Vilumbrales Fuente e Ricardo Atanes Castro.

Os foros competentes da causa (as dioceses onde foron martirizados) son as dioceses de Teruel e Albarracín, Urgell, Sigüenza-Guadalaxara, e a aquidiocese de Oviedo.

A causa de canonización de Narciso Pascual comezou coa apertura do proceso informativo o 12 de outubro de 1960. Dito proceso informativo finalizou o 22 de xaneiro de 1963. O solicitante da causa é a súa sociedade, a Congregación da Misión. A súa causa foi unificada coa do resto de compañeiros o 23 de xaneiro de 1986 e enviada á Congregación para as Causas dos Santos.

O 5 de xullo de 2013 o papa Francisco promulgou o decreto que recoñecía o martirio de Narciso Pascual e compañeiros, e a cerimonia de beatificación tivo lugar o 13 de outubro do mesmo ano en Tarragona, e foi presidida polo cardeal Angelo Amato. A súa festividade é o 6 de novembro. No martiroloxio romano os beatos son lembrados deste xeito:

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Biografía en CMGlobal.org

Categoría:Nados en Maceda Categoría:Nados en 1917 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Relixiosos católicos de España Categoría:Lazaristas Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes finados hai máis de 80 anos Categoría:Beatos de Galicia Categoría:Mártires Categoría:Asasinados polo bando republicano