O conclave é a reunión que celebra o Colexio Cardinalicio da Igrexa católica para elixir a un novo Bispo de Roma, cargo que leva aparellados o de Papa (Sumo Pontífice e Pastor Supremo da Igrexa Católica) e o de Xefe do Estado Vaticano. O termo conclave procede do latín “cum clave” ("baixo chave"), polas condicións de reclusión e máximo illamento do mundo exterior en que debe desenvolverse a elección, co fin de evitar intromisións de calquera tipo. Este draconiano sistema de encerrar os electores do Papa, vixente polo menos dende o II Concilio de Lión (1274), foi mitigado por Xoán Paulo II na Constitución Apostólica Universi Dominici Gregis (UDG), sobre a Vacante Apostólica e a elección do novo Pontífice (22 de febreiro de 1996). Establécese nela que os electores poden residir, mentres dura o conclave, na recentemente construída Casa de Santa Marta, unha residencia para o efecto no propio Vaticano, pero mantendo a rigorosa prohibición de calquera clase de contacto co mundo exterior.

Dende fai séculos, os conclaves teñen lugar na Capela Sistina, dentro do complexo Vaticano.

Historia Os primeiros bispos eran designados polos apóstolos ou fundadores das súas igrexas. Posteriormente, foise introducindo o sistema de elección polos membros das comunidades, clérigos e laicos, así como polos bispos das dioceses próximas. En Roma, a elección corría principalmente a cargo dos clérigos que, baixo a supervisión dos bispos, escollían un candidato por consenso ou por aclamación, presentándoo despois ante o pobo para que este o confirmase. Os frecuentes tumultos que este sistema provocaba foron causa de que en ocasións se elixise a un ou máis candidatos rivais, chamados antipapas.

O ano 769 o Sínodo Laterano aboliu o teórico dereito de elección papal que tivera o pobo de Roma. O Sínodo de Roma (862) devolveullo, pero limitado á nobreza da cidade. O cambio máis transcendente introduciuno en 1059 o papa Nicolao II, quen decretou que serían os cardeais quen elixisen un candidato, que só podería tomar plena posesión tras recibir a aprobación dos cregos e do pobo. Finalmente, un novo Sínodo Laterano, en 1139, eliminou o requisito da aprobación do baixo clero e dos laicos. A elección papal era xa, coma hoxe, competencia exclusiva dos cardeais, só cuestionada durante o Cisma de Occidente (1378 - 1418).

Xunto ao propósito de evitar influencias foráneas dos poderes civís, o enclaustramento dos electores tivo a súa orixe nas prolongadas situacións de bloqueo que ás veces se daban nas eleccións papais. As autoridades recorreron en ocasións á reclusión forzada dos cardeais electores, por exemplo, en 1216 en Perugia, e en 1241 en Roma. É soado tamén o caso da cidade de Viterbo onde, trala morte do papa Clemente IV (1268) houbo que encerrar aos cardeais no palacio episcopal. Logo de case tres anos de Sé Vacante sen que se chegase a ningún acordo sobre o novo Pontífice, os desesperados habitantes decidiron non fornecer alimento algún aos electores, agás pan e auga. Os cardeais deberon captar a indirecta, porque se apresuraron a elixir a Gregorio X.

Este mesmo Papa, quizabes pola experiencia vivida na súa elección, aprobou normas que -mediante a presión das incomodidades materiais- buscaban reducir ao mínimo as demoras no conclave. A partir de entón os cardeais debían quedar sempre recluídos nun recinto pechado; non se lles permitían as habitacións individuais, nin dispoñer de máis dun servente que lles atendese, salvo caso de enfermidade; a comida debíaselles fornecer por unha ventá e, a partir do terceiro día de conclave, o fornecemento quedaba reducido a unha soa comida ao día. Aos cinco días o réxime reducíase a pan e auga. Ademais, mentres durase o conclave os cardeais deixaban de percibir as súas rendas eclesiásticas. Hadrián V aboliu estas normas en 1276, pero Celestino V reintroduciunas en 1294, despois de que a súa propia elección se producise tras un período de sé vacante de dous anos.

Gregorio XV publicou dúas bulas pontificias (1621 e 1622) que regulaban tódolos aspectos da celebración do conclave. En 1904 Pío X recolleu e unificou case tódalas dispersas normas dos papas anteriores a el nunha Constitución, introducindo certos cambios. Pío XII engadiu novas achegas en 1945, Xoán XXIII fíxoo en 1962 e Paulo VI en 1975. A recente Universi Dominici Gregis de Xoán Paulo II (1996) é a última reordenación en profundidade da normativa sobre o conclave.

O lugar de celebración do conclave non se estipulou oficialmente ata o século XIV. A partir do Cisma de Occidente as eleccións de Papa sempre tiveron lugar en Roma, salvo a de 1800, cando a ocupación da cidade por tropas do Reino de Nápoles obrigou a celebralo en Venecia. O último conclave celebrado fóra da Capela Sistina foi o de 1846, que tivo lugar no Pazo do Quirinal.

Electores O Colexio de Cardeais coñeceu dimensións diversas, dende os sete membros con que chegou a contar no século XIII ata os 183 do presente. En 1587 Sisto V limitou o seu número a 70 membros, divididos en tres ordes: seis Cardeais Bispos, cincuenta Cardeais Presbíteros e catorce Cardeais Diáconos (aínda que repartidos nominalmente en estamentos con estes nomes, na actualidade os cardeais son sempre Bispos). No século XX, sobre todo a partir de Xoán XXIII, o Colexio de Cardeais incrementou o seu número co fin de dotalo da máxima representatividade xeográfica e nacional posible. Así a todo, en 1970 Paulo VI reservou a condición de elector aos menores de 80 anos e fixou o seu número máximo en 120. Coa creación en 2003 de 31 novos cardeais, Xoán Paulo II elevou o número de electores teóricos a 135. Na actualidade, dos 183 cardeais con que conta o Colexio, só 117 reúnen a condición de elector por non cumprir aínda a idade máxima (2005).

Candidatos

De acordo coa práctica tradicional da Igrexa, calquera bautizado home podería ser elixido Papa. En 1179 o III Concilio de Letrán aboliu as restricións que se foron introducindo dende o século VIII no sentido de limitar a condición de candidato, primeiro aos clérigos en xeral, e posteriormente só aos cardeais aínda que, na práctica, o último Papa que non era cardeal no momento da súa elección foi Urbano VI (1378). En caso de resultar elixido un presbítero, diácono ou laico, e aceptando a súa elección, procederíase no acto á súa ordenación como Bispo. Pese a todo, e dado que para ser ordenado bispo se require actualmente levar polo menos cinco anos como presbítero e cumprir os 35 anos, cabe pensar que só quen cumprise estas condicións podería ser obxecto de elección como Papa.

Non existe ningún requisito referente á nacionalidade, aínda que a tradición de séculos impuxo o costume de elixir papas italianos. O polaco Xoán Paulo II foi o primeiro non italiano dende Hadrián VI, holandés, elixido en 1522. A elección do alemán Bieito XVI (19 de abril de 2005) parece abolir definitivamente a tradición en favor dos italianos. Foron españois os papas San Dámaso I, Calisto III e o sobriño deste, Alexandre VI. Tamén foi español o considerado antipapa Bieito XIII, coñecido como Papa Luna.

As mulleres, ao non ser elixibles para o estado clerical, tampouco poden converterse en papas. Os relatos sobre papisas, especialmente a Papisa Xoana, carecen de calquera base histórica.

Procedemento electoral

Os cardeais teñen estritamente prohibido presentar a súa candidatura ou facer propaganda de si mesmos. Permítese, por outra banda, o intercambio de opinións e buscar apoios para terceiros.

Tradicionalmente, a elección do novo Papa podía realizarse de tres modos: por aclamación, por compromiso e por escrutinio. En caso de aclamación, os cardeais escollían ao candidato de forma unánime, como inspirados polo Espírito Santo. O compromiso era un expediente para saír de situacións de bloqueo, nas que de forma reiterada se facía imposible que un candidato alcanzase os votos suficientes. Escollíase entón unha comisión reducida de cardeais que procedese por si mesma á elección. O escrutinio é a forma habitual, por medio de voto secreto. A última elección por compromiso foi a de Xoán XXII en 1316, e por aclamación, a de Gregorio XV en 1621. As novas regras introducidas por Xoán Paulo II na UDG declaran abolidos os procedementos de aclamación e compromiso, polo que a elección deberá ser exclusivamente por escrutinio.

Ata 1179 bastou coa maioría simple na elección. Ese ano, o Concilio Laterano III incrementou ata os dous terzos a maioría requirida. Aos cardeais non se lles permitía votarse a si mesmos. Estableceuse un sofisticado procedemento para asegurar o segredo do voto, á vez que se impedise que os cardeais se votasen a eles mesmos. Pío XII eliminou este sistema en 1945, pero incrementou a maioría a dous terzos máis un dos votos. En 1996 Xoán Paulo II restaurou a maioría de dous terzos, pero non a prohibición do auto-voto. A constitución UDG establece tamén que pasadas 34 ou 33 votacións infrutuosas (segundo se realizase a primeira votación o día da inauguración do conclave ou o seguinte), os electores poderán decidir, por maioría absoluta, se cambian as normas electorais, pero sempre conservando como requisito o de esixirse polo menos a maioría absoluta na elección.

Da Vacante Apostólica á Inauguración de Pontificado

A Constitución Apostólica Universi Dominici Gregis -nome que recibe o documento das súas primeiras palabras na versión latina: (Pastor de) Todo o Rabaño do Señor-, aprobada por Xoán Paulo II en 1996, regula tódolos aspectos da elección dun novo Pontífice. Aínda que revoga as normas anteriormente vixentes sobre o mesmo tema, a maior parte das súas disposicións non fan senón confirmar moitas das prácticas xa establecidas, algunhas con centos de anos de antigüidade.

A Sé Vacante

Dúas son as circunstancias que poden dar lugar ao final dun Pontificado (ou Vacante Apostólica), iniciándose con iso o período de Sé Vacante e a necesidade de convocar o conclave: o falecemento do Papa e a súa abdicación. Unha terceira opción, a deposición do papa, queda totalmente excluída, xa que ningunha autoridade está por enriba da súa nin tan sequera ço seu mesmo nivel.

A abdicación dun Papa é un acontecemento moi pouco frecuente na historia, pero si previsto no dereito da Igrexa. Requírese que sexa libre e que se manifeste de modo formal aínda que, como máximo lexislador, é o propio Papa quen determina de que forma ha de facelo. Non é preciso que a súa dimisión sexa aceptada por ninguén. Catro foron os Papas que ao longo da historia declararon a súa renuncia ao ministerio de Pedro: Bieito IX (1045), Gregorio VI (1046), Celestino V (1294) e Gregorio XII (1415). A Celestino V condenouno Dante Alighieri ao inferno na súa Divina Comedia por covarde. En cambio, o papa Clemente V canonizou a Celestino en 1313, vivindo aínda o poeta.

O concepto de Sé "Romana Impedida", previsto no Código de Dereito Canónico, refírese aos casos nos que, por cativerio, relegación, desterro ou incapacidade, o Papa se atopase totalmente imposibilitado para exercer as súas funcións. Segundo o Código hase de atender ao estipulado nas leis especiais dadas para estes casos, pero non se fixo pública ningunha norma para unha situación semellante. De calquera modo, parece que non orixinaría un período de Sé Vacante nin a convocatoria do conclave.

Producíndose a Sé Vacante, o Colexio de Cardeais asume o goberno da Igrexa, pero de modo moi matizado. En efecto, só pode tomar decisións nos asuntos ordinarios e inaprazables, así como no referente á preparación das exequias do Pontífice falecido e a elección do novo. En ningún caso poden innovar, particularmente no que se refire aos procedementos electorais, nin tampouco exercer ningunha clase de suplencia do Papa. As súas disposicións só seguirán sendo válidas no seguinte pontificado se o novo Papa as confirma expresamente.