Contos por palabras é un libro de relatos de Agustín Fernández Paz publicado en 1991 por Edicións Xerais de Galicia. A 1ª edición contiña oito relatos, ampliados a dez a partir da 8ª, publicada en maio de 2001. En outubro de 2010 saíu do prelo a 24ª edición. Trama Os dez relatos foron construídos a partir de cadanseu anuncio por palabras publicados realmente na prensa, recurso que serve para darlle unidade. O xornal a diario (Unha confesión) O autor implícito expón que, farto de ler as novas dos xornais nas que non aparece a vida da xente corrente e aconsellado por unha amiga, agora converteu a sección de anuncios por palabras na súa favorita, pois nela si buliga a vida da xente normal e el pode descubrir as historias agachadas nesas breves mensaxes. Unha chave non é suficiente O narrador protagonista le o 29 de maio, cando el cumpre 42 anos, un anuncio que non se repite máis. Leva meses con depresión e pensa que esa é a oportunidade de solucionar os seus problemas, así que despois dalgunhas dúbidas acode ao local do anuncio onde lle din que o seu encargo ten fácil solución e efectivamente a partir de entón séntese con novos ánimos e cunha ilusión na súa vida. O caso do unicornio azul O narrador protagonista lembra como cambiou a súa vida a raíz dunha visita. Farto do seu traballo como detective, abriu unha axencia matrimonial que foi prosperando ata o día no que apareceu un estraño cliente que agora o leva a percorrer Galiza na procura dunha parella para el e acaba dirixíndose ao narratario solicitando axuda. Un artista do neon O narrador protagonista diríxese a un narratario intradiexético para contarlle as razóns do seu despido “por exceso de sensibilidade artística”.
Vanesa e o anuncio de televisión A nai de Vanesa, engaiolada polo éxito da nena Mercedes facendo anuncios de televisión, pasa meses preparando a súa filla para o mesmo fin, con grande desesperación de Vanesa, ata que no primeiro casting a rexeitan e a nai acaba perdendo o entusiasmo. O caso do estraño empregado Nunha conversa telefónica na que só se reproducen as intervencións dun dos interlocutores, este cóntalle ao outro o resultado dunha selección de persoal na que o máis idóneo é un moi pálido, ao que lle molesta a luz, con dous dentes longos, vestido de negro e cunha capa de forro vermello… Ser superheroe non é nada doado O narrador protagonista, dono dunha empresa de limpeza, conta como medrou o negocio en poucos meses ao contratar ao seu empregado estrela: o Home-Araña. Un doce emprego O narrador protagonista leva meses buscando un emprego digno e cre atopalo nun anuncio por palabras. Antes de chamar por teléfono pensa nas diferentes posibilidades que ofrece e, enleado nas súas propias hipóteses, indígnase e rexeita esa “explotación enmascarada, propia dunha mente retorcida”.
Noites de lúa chea O relato consta de varios fragmentos de cartas que unha manicura lle escribe a unha amiga contándolle a historia dun estraño cliente, un lord inglés, que a chama varios días seguidos para amañar unhas mans que parecen levar toda a vida descoidadas. Hai tamén fragmentos doutros escritos que completan a historia: do propio lord explicando a maldición que afecta aos varóns da súa familia, do informe sobre a desaparición da manicura e unha nova de sociedade do xornal The Guardian na que coñecemos o final dos protagonistas.
Un máxico negocio Mefisto e Ana teñen un próspero negocio de bruxaría e el párase a ler a entrevista que lle fixeron para Bruxos & Magos, a única revista do seu xénero no mundo, na que fala do seu pasado, como coñeceu a Ana, o novo enfoque que lle deu á súa profesión…
O libro das infinitas historias A narradora protagonista, que rexenta un negocio de compra-venda de libros, lembra a teima de seu pai por conseguir o Libro das infinitas historias, que se transformaba seguindo os desexos do lector. El conseguira telo nas súas mans e saber que o comprara alguén que o mandou reencadernar como un dos cento cincuenta volumes da colección A novela de sempre. Dedicou o resto da súa vida a buscalo e logo seguiu co labor a protagonista.
Referencias literarias na obra Como é usual en toda a obra de Agustín Fernández Paz, o libro está inzado de referencias literarias, que neste caso conducen a uns protagonistas tomados da mitoloxía da literatura infantil-xuvenil: o unicornio, o Home-Araña, o Home-Lobo, Drácula…
Premios Premio Lazarillo, 1990. Lista de Honor do IBBY para o bienio 1990-92. Finalista do Premio Nacional de Literatura no ano 1992. Premio lecturas Galix, 2003. Elixido un dos dez títulos imprescindibles da LIX Española do Século XX, 2010.
Traducións Ao castelán por Rafael Chacón Calvar co título de Cuentos por palabras e publicado en 1991 en SM, na colección El Barco de Vapor. Ao catalán por Vilama Devi como Contes per paraules, publicado en 1991 por Cruïlla, na Colección El vaixell de vapor. Ao éuscaro por Jon Suárez Barrutia como Iragarki Ipuinak (SM, Colección Baporea bilduma, 1992). Ao asturiano por Ester Castro Manzano como Cuentos por palabres (Ediciones Trabe, 1993). Ao francés por André Gabastou como Le livre des petites annonces (Éditions La Joie de Lire, 2001).
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha da editorial
Categoría:Obras literarias de 1991 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras literarias de Agustín Fernández Paz