María Isabel Lorenzo, coñecida como Maribel Lorenzo, nada en Vigo na primavera de 1946 e finada o 22 de abril de 1981, foi unha xogadora de baloncesto galega.

Traxectoria Con 1,85 m de altura e de posición pivote, comezou a xogar ao baloncesto no colexio das Carmelitas de Vigo. Con 18 anos pasou ao Estudantes, en 1965, club co que conseguiu o ascenso a Primeira división ese ano e disputou xa a primeira temporada na primeira división en 1965-1966. A partir de 1969 o club pasou a chamarse Celta de Vigo, no que seguiu a xogar. Na tempada 1972-73 acadou o equipo vigués a terceira praza na Liga, e na temporada seguinte, 1973-74, o subcampionato, por detrás do Ignis Mataró. O subcampionato valeulle para participar na temporada seguinte na Copa Ronchetti, o primeiro torneo internacional de clubs de Lorenzo.

Despois de dúas temporadas conseguindo o terceiro posto da liga, na 1976-77 Lorenzo conseguiu a súa primeira Liga co Celta de Vigo, que se converteu tamén no segundo conxunto galego en obtela. Repite Lorenzo de novo o máximo título na tempada 1978-79, que ademais foi o ano da súa despedida.

Nos torneos internacionais de baloncesto de equipos, Lorenzo chegou co Celta de Vigo a oitavos na Copa Ronchetti de 1975, 1976, 1977 e 1979. Na Copa de Europa de 1980 tamén caeu o Celta de Vigo en oitavos contra o Universitario de Clermont francés.

Coa selección española de baloncesto chegou a disputar 35 partidos internacionais, entre eles dous Campionatos de Europa, en 1974 e 1976. No Eurobasket Feminino de 1974, disputado en Italia, a selección española disputou seis partidos, dos que só venceu a Dinamarca, e onde Lorenzo converteu 39 puntos. En troques, no Eurobasket Feminino de 1976, celebrado en Francia, a selección española obtivo tres vitorias na fase clasificatoria e unha vitoria e dúas derrotas na fase final, ademais de dúas vitorias na liguiña polos postos finais. Porén Lorenzo apenas xogou e só converteu un tanto contra os Países Baixos.

Ao retirarse da elite deportiva logo de 14 tempadas en Primeira división, continuou xogando, neste caso no Círculo Mercantil de Vigo.

Vida persoal Finou na Residencia Almirante Vierna tras sufrir unha trombose nun adestramento."Maribel Lorenzo, gravísima" ABC, 22-4-1981 .

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Fame Celeste .

Categoría:Xogadores de baloncesto de Galicia Categoría:Pivotes de baloncesto Categoría:Nados en 1946 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Finados en 1981 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes