Evaristo Páramos Pérez, nado en Guillarei (Tui) o 13 de xuño de 1960, é un cantante de música punk galego-vasco. É coñecido principalmente por ter sido o vocalista de La Polla Records, grupo activo de 1979 a 2003 e de 2019 a 2021, e que xunto a outras bandas coetáneas, foi englobado dentro do chamado Rock Radical Vasco. Actualmente é o vocalista da banda Tropa do Carallo.
Traxectoria Fillo dunha pontevedresa e un ourensán, naceu na parroquia de Guillarei, en Tui, trasladándose aos tres anos á localidade alavesa de Agurain.
En 1979 creou, xunto con "Sumé", "Txarly", "Maleguin" e "Fernandito" o grupo La Polla Records, considerado anos máis tarde,un dos grupos máis importantes da historia do punk en España. Ao principio tocaban en garaxes e bares, realizando a súa primeira actuación nun bar do seu pobo. En 1983 lanzaron o seu primeiro EP titulado ¿Y ahora qué? baixo a discográfica independente Oihuka, con só catro cancións. Pouco despois, en 1984, sacaron un disco máis completo co título Salve. As súas letras están cargadas de fortes críticas contra o capitalismo, o fascismo, o nacionalismo, o autoritarismo, o catolicismo, a política, a alienación, a moda e outros factores da sociedade, o que caracterizou toda a súa carreira.
O grupo gravou un total de 13 discos de estudio e tres en directo e conta con moitos dos grandes himnos do punk en castelán como "No somos nada", "Ellos dicen mierda" ou "Salve" En 1994 tiveron que cambiar de nome por unha sentenza xudicial tras unha denuncia dun antigo técnico de son e pasáronse a chamar simplemente "La Polla".
A banda mantivo a súa actividade ata o ano 2003, coa separación definitiva do grupo, pouco despois da morte de Fernandito.
Paralelamente a La Polla, Evaristo formou no 2002, xunto cos compoñentes de RIP, o grupo The Kagas, co que publicaron o disco Nuevos héroes del rock. Dous anos despois, cando La Polla xa se retirara dos escenarios, Evaristo e RIP volveron xuntarse baixo o nome de The Meas, para gravar o disco Buscándose la vida. Estes dous grupos foron experimentos temporais que non realizaron máis que uns poucos concertos.
En 2002, a editorial Txalaparta publicou o seu libro Por los hijos lo que sea, que contén unha serie de pensamentos filosóficos e relatos sobre o divino e o humano.
Trala desaparición de La Polla, Evaristo non tardou en formar unha nova banda, Gatillazo, coa que sen publicar ningún disco, alá polo 2004, comezou a dar concertos. O seu primeiro disco homónimo viu a luz en 2005, e a este seguírono outros cinco: Dianas legales en 2007, Sex Pastels en 2008, Sangre y mierda en 2011, Siglo XXI en 2013 e Cómo convertirse en nada en 2016.
O 17 de novembro de 2014, Evaristo publica o seu segundo libro, titulado Cuatro estaciones hacia la locura. En 2016, publica unha segunda parte deste libro, titulada Cuatro estaciones en la locura.
O 26 de maio de 2018, tras actuar nun festival de Xerez da Fronteira, foi identificado pola Garda Civil, co obxectivo de denuncialo por supostamente insultar á policía. A actuación policial tivo un notable eco nas redes sociais e o líder de Podemos, Pablo Iglesias comentou que o ocorrido "fala da putrefacción da nosa democracia".
En 2019 formou parte do regreso aos escenarios de La Polla Records, gravando un novo disco e realizando varios concertos, ata que no 2021 o grupo disolveuse definitivamente. A continuación formou unha nova banda, Tropa do Carallo, xunto a Abel Murua, Tripi e Alberto Salgado.
Identifícase como "galego-vasco" e é un recoñecido seguidor do Celta de Vigo, vestindo a súa camisola en moitos dos seus concertos.
Actualmente reside na localidade de Oñati, en Guipúscoa.
Discografía
La Polla Records (1979-2003)
Banco Vaticano (Maqueta) - 1981 Y ahora qué? (EP) - 1983 Salve - 1984 Revolución - 1985 No somos nada - 1987 Donde se habla - 1988 En directo (Directo) - 1988 Ellos dicen mierda, nosotros amén - 1990 Los jubilados - 1990 Barman (EP) - 1991 Negro - 1992 Hoy es el futuro - 1993 Bajo presión - 1994 Carne para la picadora - 1996 En turecto (Directo) - 1998 Toda la puta vida igual - 1999 Bocas - 2001 El último (el) de La Polla - 2003 Vamos entrando (Directo) - 2004 (gravado no Festival Viña Rock 2003)
The Kagas
Nuevos héroes del rock - 2002
The Meas
Buscándose la vida - 2004
Gatillazo (2004-2019)
Gatillazo - 2005 Dianas legales - 2007 Sex Pastels - 2008 Sangre y mierda - 2011 Siglo XXI - 2013 Cómo convertirse en nada - 2016
Tropa do Carallo (2021-presente)
Qué hostias andáis! - 2021
Libros publicados
Por los hijos lo que sea (Txalaparta, 2002) Cuatro estaciones hacia la locura (Desacorde Ediciones, 2014) Cuatro estaciones en la locura (Desacorde Ediciones, 2016)
Filmografía
Cinema
Cameo en Adiós pequeña (1986), de Imanol Uribe.
DVD
La Polla Records - Vamos Entrando, 2004, Festival Viña Rock 2003. Villarrobledo, Albacete. Gatillazo - DVD Sex Pastels - 2008 No acepto - Documental sobre o punk dos anos 80 en España.
Notas
Categoría:Cantantes de Galicia Categoría:Cantantes en lingua castelá Categoría:Nados en Tui Categoría:Nados en 1960 Categoría:Galegos do País Vasco