O Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia foi un galardón literario convocado entre os anos 2001 e 2017 pola corporación do xornal La Voz de Galicia, contando co patrocinio de Ámbito cultural de El Corte Inglés. Procurou recuperar a publicación de novelas por entregas na prensa escrita, moi común desde o derradeiro cuarto do século XIX até xa moi entrado o século XX.
Antecedentes O precedente de devandito premio foi o concurso de narrativa curta "Relatos de verán" que comezou no ano 2000, podendo participar calquera persoa con relatos inéditos tanto en galego como en castelán, escollendo semanalmente os lectores mediante votación por correspondencia os seus relatos preferidos. Tucho Calvo tamén publicou ao longo do mes de agosto dese ano unha novela por entregas nas páxinas de La Voz de Galicia, O xabaril branco;O xabaril branco meses máis tarde apareceu publicada pola editorial Ir Indo en forma de libro con ilustracións de Miguelanxo Prado.
Bases do concurso O premio estaba aberto á participación de tódalas persoas que presentasen unha novela inédita en galego e que non optase a outros certames. De temática libre e estruturadas en 31 capítulos –un por cada día de agosto– axustándose cada capítulo a 3 500 caracteres, cumprindo as características dunha narración por entregas. Unha vez aberto o prazo para a súa presentación, os orixinais enviábanse por correo ordinario ou por correo electrónico desde a data da convocatoria até mediados do mes de xullo. Un xurado designado pola organización seleccionaba os tres candidatos finalistas ao galardón de entre tódolos textos recibidos, a novela vencedora acadaba unha dotación económica e publicábase no xornal durante o mes de agosto.
Gañadores A novela gañadora de entre as tres finalistas dábase a coñecer no transcurso dunha cea literaria, á que acudían diversas personalidades da cultura e á que debían asistir os autores, especialmente os tres finalistas. O nome dos autores, oculto baixo o segredo da plica, abríase só perante os asistentes desvelándose publicamente o vencedor. A dotación económica do premio ascendeu anualmente desde os 6 000 € no ano 2001 até 10 000 € en 2017.
A obra gañadora publicábase diariamente ao longo do mes de agosto de forma capitular nas páxinas do xornal La Voz de Galicia e mais na súa edición dixital. O mesmo ano editábase a obra en formato libro, coa devindicación habitual de dereitos de autor. A primeira novela gañadora foi publicada pola editorial Ir Indo, á que se sumaron nas seguintes edicións Xerais, Sotelo Blanco, Biblos Clube de Lectores, Everest e Galaxia.
Edición Ano Autor Título Editorial Ilustracións Xénero
Notas
Véxase tamén Outros artigos Biblioteca Galega 120
Categoría:Premios e certames literarios de Galicia de narrativa Categoría:La Voz de Galicia