Orfeo negro (en ) é un filme de 1959 coproducido entre Francia, o Brasil e Italia dirixido polo director de cinema francés Marcel Camus. Foi rodado en Río de Xaneiro e contribuíu a volver mundialmente famosa a música popular brasileira. Antônio Carlos Jobim e Luiz Bonfá son os autores dos dous temas principais da música que chegaron a ser clásicos da bossa nova e do jazz, A felicidade, de Jobim, e Manhã de Carnaval, de Bonfá.

O filme baséase na obra teatral de 1954 Orfeu da Conceição, do poeta e músico Vinícius de Moraes, e constitúe unha adaptación do mito de Orfeo ao ambiente do carnaval brasileiro.

Foi emitido na TVG o 29 de agosto de 1986.La Voz de Galicia, 29 de agosto de 1986. Páx. 55

Argumento A bela Eurídice chega ó Río de Xaneiro en vésperas do seu célebre entroido, onde é acollida por unha prima que vive nunha favela da cidade. Achégase aló entre o frenesí da samba polas rúas, nun tranvía conducido por un músico chamado Orfeo, heroe popular do lugar polo poder de sedución das súas cancións, e que se fixa nos seus encantos. A paixón mergullaraos no transo vertixinoso do entroido, que á súa vez os arrastrará a un desenlace fatídico. Como no mito grego, Orfeo, aínda que é capaz de facer levantarse o sol coa súa música e canto, e de embelesar todos os que o ouven, non consegue realizar o seu amor.

Elenco Breno Mello como Orfeo Marpessa Dawn como Eurídice Marcel Camus como Ernesto Fausto Guerzoni como Fausto Lourdes de Oliveira como Mira Léa Garcia como Serafina Adhemar da Silva como a Morte Alexandro Constantino como Hermes Waldemar De Souza como Chico Jorge Dos Santos como Benedito Aurino Cassiano como Zeca

Breno Mello era un xogador de fútbol sen experiencia na interpretación cando foi escollido para o papel de Orfeo. Ía camiñando pola rúa no Río de Xaneiro cando o director Marcel Camus o parou e preguntoulle se lle gustaría aparecer nun filme. Da Silva, que interpreta a Morte, foi un atleta de triplo salto que gañou dúas medallas olímpicas en 1952 e 1956.

Marpessa Dawn non era brasileira, senón de Pittsburgh, Pensilvania.

Premios Orfeo negro gañou a Palma de Ouro no Festival Internacional de Cine de Cannes en 1959 e o Oscar ao mellor filme en lingua non inglesa representando a Francia. Tamén gañou o Globo de Ouro e o BAFTA ao mellor filme en lingua non inglesa.

Influencia Jean-Michel Basquiat citou Orfeo negro como unha das súas primeiras influencias musicais.Fretz, Eric. Jean-Michael Basquiat: A Biography, Greenwood Biographies, 2010, p. 5. Barack Obama escribiu no seu libro de memorias Dreams from My Father (1995) que era o filme favorito da súa nai.Gonzalez, Ed. "The House Next Door: Barack Obama: A Story of Race and Politics", Slant Magazine (22 de marzo de 2008).Williams, Tia. "Vintage Vamp: Black Orpheus Star Marpessa Dawn" Essence, (21 de agosto de 2011).

Notas

Véxase tamén Outros artigos Filmes de Francia propostos ó Óscar ó mellor filme internacional Filmes propostos ó mellor filme internacional na 32ª edición dos Óscar Ligazóns externas Criterion Collection essay by David Ehrenstein Crítica de Black Orpheus Orfeu , adaptación musical brasileira de 2010

Categoría:Filmes de 1959 Categoría:Filmes en lingua portuguesa Categoría:Filmes de Francia Categoría:Filmes de Italia Categoría:Filmes do Brasil Categoría:Filmes dirixidos por Marcel Camus Categoría:Filmes rodados en Río de Xaneiro Categoría:Filmes ambientados en Río de Xaneiro Categoría:Óscar ó mellor filme internacional Categoría:Filmes gañadores da Palma de Ouro Categoría:Filmes de 1959 con versión en galego