STEX (acrónimo de Space Technology Experiments) foi un satélite artificial dos Estados Unidos lanzado o 3 de outubro de 1998 mediante un foguete Taurus desde a Base Vandenberg da Forza Aérea para probar novas tecnoloxías no espazo.
Características STEX levaba ata 29 novas tecnoloxías a bordo para ser probadas no espazo coa finalidade última de abaratar e simplificar futuras misións. Entre elas atopábanse motores eléctricos de efecto Hall alimentados por xenon, unha grabadora de estado sólido de 51 Gb de capacidade, baterías de hidruro de níquel de alta densidade deseñadas para durar máis e proporcionar máis enerxía con menos peso e ATEx (Advanced Tether Experiment), un experimento para estender cables de gran lonxitude no espazo, que non funcionou tal como estaba pensado. Probáronse tamén paneis solares de alta eficiencia.
O satélite estaba formado por un corpo principal con paneis solares estendéndose a partir del. Estabilizábase nos tres eixos e o coñecemento da súa posición facíase grazas a un seguidor de estrelas. Aínda que estaba deseñado para funcionar durante dous anos, foi apagado en xuño de 1999 debido á degradación dos seus paneis solares convencionais.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos Taurus
Categoría:Satélites artificiais