A vía JAK-STAT ou vía de sinalización JAK-STAT transmite información procedente de sinais químicos extracelulares ao núcleo celular, o que ten como resultado a transcrición do ADN e a expresión de xenes implicados na inmunidade, proliferación celular, diferenciación celular, apoptose e oncoxénese. A fervenza de sinalización JAK-STAT consta de tres compoñentes principais: un receptor da superficie celular, unha quinase Xano (JAK, Janus kinase) e dúas proteínas "transdutoras de sinais e activadoras da transcrición" (STAT, do inglés Signal Transduction Activator of Transcription). A alteración ou desregulación da funcionalidade da vía JAK-STAT pode orixinar síndromes de deficiencia inmunitaria e cancros.

Mecanismo miniatura|400px|Pasos clave da vía JAK-STAT.

A unión de varios ligandos, xeralmente citocinas, como o interferón, interleucina e factores de crecemento a receptores da superficie celular, activa as JAK asociadas a eles, incrementando a súa actividade de quinase. Despois, as JAK activadas fosforilan residuos de tirosina no receptor, creando sitios de unión para proteínas que posúan o dominio SH2. As STAT que conteñen o dominio SH2 son recrutadas ao receptor onde son tamén fosforiladas na tirosina polas JAK. Estas STAT activadas forman hetero- ou homodímeros e trasládanse ao núcleo celular, onde inducen a transcrición de xenes diana. As STAT poden tamén ser fosforiladas directamente polas receptor tirosina quinases, como o receptor do factor de crcemento epidérmico, e tamén por non-receptor (citoplásmicas) tirosina quinases como c-src.

A vía está regulada negativamente a múltiples niveis. As proteína tirosina fosfatases eliminan os fosfatos dos receptores de citocinas e STAT activadas. Identificáronse máis recentemente supresores da sinalización de citocinas (SOCS) que inhiben a fosforilación das STAT ao unirse e inhibir as JAK ou competir coas STAT polos sitios de unión de fosfotirosina dos receptores de citocinas. As STATs son tamén reguladas negativamente polos inhibidores proteicos das STAT activadas (PIAS), que actúan no núcleo a través de varios mecanismos. Por exemplo, PIAS1 e PIAS3 inhiben a activación transcricional por STAT1 e STAT3, respectivamente, ao se uniren e bloquearen o acceso ás secuencias de ADN que elas recoñecen.

Nota

Véxase tamén Outros artigos Inhibidor da quinase Xano, un tipo de fármacos que bloquean as quinases Xano (Janus) usadas como terapia do cancro.

Bibliografía

Ligazóns externas JAK-STAT, revista revisada por pares publicada por Landes Bioscience

Categoría:Transdución de sinais Categoría:Expresión xénica Categoría:Factores de transcrición