Betanzos é un concello e cidade da provincia da Coruña, que pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE no ano 2017 tiña 12.941 habitantes (13.352 no 2015, 13.673 no 2010).
Betanzos foi unha vila creada polo rei Afonso IX, tras aceptar en 1219 o traspaso da poboación de Betanzos O Vello ao lugar de Castro de Untia. Betanzos viviu o seu auxe no baixo medievo, medrando polo comercio da pesca, o viño e dos fornos, e nela instauráronse fidalguías e gremios importantes. Foi declarada cidade do Reino de Galicia polo rei Henrique IV en 1465. Betanzos foi capital de provincia entre os séculos XVI e XVIII. As casas de Fonte de Unta, as súas murallas e portas, as súas igrexas como as de San Francisco e Azougue, a Torre de Lanzós ou a Torre do reloxo na igrexa de Santiago fan que sexa a referencia galega do gótico e unha cidade declarada conxunto histórico-artístico.
Outro patrimonio de interese de Betanzos son as súas igrexas románicas de Brabío, Pontellas ou Tiobre; os edificios neoclásicos de San Antonio de Padua, o Arquivo do Reino de Galicia ou o pazo de Piadela; e conxuntos modernistas como a Casa Núñez, a escola de García Naveira ou o Parque do Pasatempo.
A súa ría, coa súa marisma, e os ríos Mendo e Mandeo, que pasan por Betanzos e bordean a cidade, son parte da zona especial de conservación (ZEC) Betanzos - Mandeo. A ribeira de Piadela e a súa parte do encoro forman parte do ZEC Encoro de Abegondo - Cecebre. Destacan destes espazos a súa diversidade de ribeira, e da marisma no caso do Betanzos-Mandeo. Betanzos forma parte da reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.
O xentilicio é , ou popularmente Dicionario de Dicionarios, s. v. garelo.
Xeografía Situación miniatura|esquerda|Parroquias de Betanzos. O concello de Betanzos ocupa unha extensión de 24,19 km², polo que é un dos máis pequenos da provincia. Ten 7 parroquias. O concello encabeza a Comarca de Betanzos e está situado no seu norte, onde comeza a ría de Betanzos. A ambos os lados da ría, polo norte, ten os concellos de Bergondo (dirección noroeste) e Paderne, (dirección nordés). Despois, Betanzos linda polo leste con Coirós, ao sueste e sur con Oza Cesuras e polo sur e oeste con Abegondo.
Comunicacións A N-VI atravesa Betanzos vindo de Lugo cara á Coruña. Esta estrada nacional desvíase como Avenida de Castela xa en Coirós e chega ata Betanzos. A mesma N-VI ten unha saída en San Pedro das Viñas que a conecta con Betanzos polo oeste. Igualmente, ao centro de Betanzos chegan a AC-542, vindo do Mesón do Vento, e a AC-840, vindo de Melide. Ademais, a A-641 conecta Betanzos con Ferrol. A Avenida da Coruña conecta o centro de Betanzos coa N-VI ao seu paso xa por San Pedro das Viñas. Outras estradas secundarias que atravesan Betanzos son a A-161, que sae desde San Pedro das Viñas cara a Bergondo, e a DP-0105, que pasa por Montellos vindo desde Limiñón cara a Cortiñán.
A autovía do Noroeste A-6, percorre o concello de leste a oeste conectando Lugo coa Coruña. Esta autovía enlaza coa AP-9 en Piadela, arredor do encoro de Cecebre.
Orografía Betanzos atópase no final dunha zona de depresión fluvial, onde comeza a abrirse a ría homónima, case ao nivel do mar. A vila de Betanzos levántase nun outeiro entre os ríos Mendo e Mandeo, antes da súa confluencia, entre os 22 e 35 metros de altitude. A pendente das abas dos montes arredor destes ríos acentúase canto máis se achegan á vila. Con todo, a máxima altitude no concello non supera os 160 metros. En Tiobre, Requián ou Brabío acádanse os puntos máis altos, que están entre os 140 e 160 m. En Piadela, en dirección ao encoro, descende tamén a pendente ata chegar aos 40 metros.
Hidrografía miniatura|dereita|200px|Saída do concello cara a Santiago pasando a ponte de Beldoña, que une Guiliade, Piadela con Beldoña. Está atravesado polos ríos Mandeo, Mendo e Mero. No propio centro de Betanzos xúntanse estes dous ríos Mandeo e Mendo para formar a cabeceira da ría de Betanzos. Un rego, o de Carañas, descende de Tiobre ata o Mandeo, xa preto da confluencia deste co Mendo.
O río Mero fai de linde de Betanzos, en Piadela, con Abegondo. Ese río chega á cabeceira do encoro en termos municipais, que ten unha parte da cabeceira leste do encoro.
Xeoloxía Betanzos atópase na serie de Ordes, no complexo paraautóctono da zona de Galicia-Trás-os-Montes. A área que abrangue está formada por grauvacas e metapelitas formadas entre o Neoproterozoico e o Paleozoico. Nalgunha pequena área de Requián e Brabío aparecen grafoneis. En pequenas áreas que seguen un patrón de norte a sur desde Tiobre, a Betanzos e Brabío, aparecen anfibolitas.
A zona de esteiro da ría de Betanzos que se atopa dentro do concello é unha marisma formada sobre dun recheo do Holoceno nas cuncas fluviais dos ríos Mendo e Mandeo.
Demografía Censo Total 12.941 (2017) Menores de 15 anos 1.701 (13.14 %) Entre 16 e 64 anos 8.148 (62.96 %) Maiores de 65 anos 3.092 (23.89 %) A poboación de Betanzos no 2017 era de 12.941 habitantes, dos cales 6.805 eran mulleres e 6.136 homes. O concello ten unha alta densidade de poboación (420,71 hab./km²) debido ao seu pequeno tamaño. O 78,7% da poboación atópase en Betanzos, que é o núcleo urbano do concello. Despois de Betanzos, as maiores poboacións son as de Piadela e Requián.
Evolución demográfica Entre 1900 e 1920 experimentou un leve descenso de poboación, rexistrándose nos anos vinte o seu mínimo (8.709 habitantes). Entre 1920 e 1950 tivo lugar a fase de maior crecemento, aínda que dende esta última década ata 1970 se produciu un novo retroceso demográfico.
Desde o ano 1970 xurdiu unha recuperación de efectivos motivada por unha nova reorientación das actividades agrarias e un incremento das funcións urbanas. Entre 1991 e 2009 o incremento da poboación foi dun 14,67%. O saldo vexetativo era xa practicamente cero no período 1979-1983, con taxas de natalidade e mortalidade ao redor de 10 por mil. Nas últimas dúas décadas a mortalidade ascendeu e a poboación diminuíu lixeiramente. Nos últimos anos a taxa de natalidade diminuíu, mentres que a de mortalidade aumentou. Contra 2011 a primeira era dun 9,9 por mil e a segunda elevábase a un 11,4 por mil. A proporción de mozos menores de 16 anos representaba en 2013 un 13,25%, a de entre 16 e 64 anos un 64,22% e a de 65 anos en diante un 22,53%. Así mesmo, existían 91 homes por cada 100 mulleres.
Fonte: INE Atchivo - Gráfica por Wikipedia
Historia miniatura|Privilexio do mosteiro de Sobrado outorgado por Afonso VIII para o traslado de Betanzos ao castro de Untia (1219).
Do calcolítico ao Imperio Romano Existen indicios de asentamentos castrexos en Betanzos. A ocupación desta aparece documentada coa chegada do Imperio Romano. Nesta época o núcleo principal de poboación que recibía o nome da cidade (Betanzos o Vello) emprazábase en San Martiño de Tiobre, cuxa igrexa matriz consagrou o arcebispo Diego Xelmírez.
Do medievo á idade moderna En 1219 o rei Afonso IX aprobou o traslado da xente que residía no lugar de Tiobre, o "Betanzos O Vello" ao lugar do castro de Untia. Como relatou o rei na orde de creación da vila, fíxoo por petición popular: ad instantiam et pettitionem habitatorum. Esa petición viría polas frontes de incursión de normandos ao mando de Horrich ou do propio rei Olaf en 1015. A nova cidade levantouse arredor da área que vai desde a actual praza de Galicia ata a mosteiro de San Francisco. Nese período o Castro de Untia era do Mosteiro de Sobrado e os residentes tíñanlle que facer unha paga da cuarta parte do producido ou pescado na vila, e dar en propiedade a metade das capelas construídas. En 1232 chegou Fernando III o Santo, vido de Sobrado, e asentouse na vila de Betanzos.
En 1295 Betanzos asinou en Valladolid con outras vilas e cidades (como Lugo, León, Zamora, Astorga, Ribadesella, Oviedo, Salamanca ou Viveiro) un acordo de irmandade para negar tributos forzados e apoiarse mutuamente. Nese acordo non participaron cidades como Tui, Compostela ou A Coruña. De feito, nese século as disputas polos portos e a descarga de mercadoría como sal ou viño foi motivo de confrontación coa cidade da Coruña, chegando a ser mediado polo rei Afonso X. Ese rei prohibiría a súa descarga no porto de Betanzos. Nese século e o seguinte, Betanzos viviría enfrontamentos coa armada portuguesa e inglesa, polos seus ataques.
En 1465 o rei Henrique IV deulle a Betanzos o título de cidade, en gratitude dos servizos prestados a el, e en 1467 os permisos dunha feira franca anual dun mes de duración. Faino pola posición da vila "no levantamento e irmandade de fixestes coas outras cidades, vilas e lugares e fortalezas do meu Reino de Galicia, do que fostes causa e principio por servizo meu". miniatura|esquerda|200px|Igrexa e convento de San Francisco, construído no século XIV co mecenado de Fernán Peres de Andrade O Boo.
Neses séculos XIV e XV Betanzos viviu o seu maior esplendor, coa creación de gremios e confrarías e o aumento das fidalguías. Nese período no que aumentou, tamén en extensión, estivo baixo o amparo da dinastía dos Trastámara. No século XIV é cando se constrúen os principais conventos e igrexas grazas ao mecenado de Fernán Pérez de Andrade "O Boo" ou se reconstrúen as igrexas de Santa María e Santiago. Así mesmo, nese período chegou a ter tres hospitais de peregrinos, como o do Espírito Santo, o de San Bartolomeu ou o hospital de San Lázaro para leprosos.
O camiño de Santiago miniatura|Sepulcro de Fernán Peres de Andrade O Boo na igrexa de San Francisco. Un texto de Ordoño II de 911, falando do mosteiro de San Salvador de Cis, relata como paso do camiño compostelá polo castro Xanrozo, en Requián, despois de pasar pola ponte de Beldoña. Afonso V tamén o cita en 1020 ao demarcar un coto do mosteiro de San Estevo de Piadela, nas beiras do río Mero e Limiñón. Outras documentacións de 1160 e 1168 describen como o camiño baixaba cara a ponte das Cascas, a beira do que primeiro foi o mosteiro de San Paio de Xeronzo e logo o de Santa María das Donas, para logo pasar pola Porta da Vila.
Guerra Irmandiña Betanzos xogou un papel central na Gran Guerra Irmandiña. Líderes da Irmandade como Afonso de Lanzós ou Joan Branco foron naturais da cidade. Precisamente, en 1465 Henrique IV concedeu á poboación o título de cidade, e en 1467 permitiulle a celebración dunha feira franca anual grazas á mediación de Joan Branco. Grazas a este capitán irmandiño a cidade de Betanzos recuperou o seu voto nas Cortes.
Anos máis tarde, na reorganización territorial dos seus reinos, os Reis Católicos dividiron a antiga provincia de Betanzos en dúas, creando a da Coruña e mantendo a Betanzos como capital de provincia, na que foi a época de maior esplendor da cidade. Ata algún ano entre 1533 ou 1552 ambas as dúas cidades compartían corrixidor e eran da mesma provincia.
Incendios de 1569 e 1616 miniatura|Mapa de Betanzos que representa a incidencia do incendio, 1616. A cidade de Betanzos sufriu o verán de 1569 e o 18 de setembro de 1616 dous importantes incendios.A peculiaridade do incendio de 1616 é que figura amplamente testemuñado baixo un informe do mesmo o título "Averiguación y más diligencias hechas en razón del incendio de la ciudad de Betanzos por el dor Johan Carnero do Vilar, abogado de la Real Audiencia de este reino y juez de comisión para la dicha averiguación nombrado" que figura no Arquivo Histórico Nacional. Ese informe veu acompañado dun deseño realizado sobre a incidencia do incendio na cidade para que o goberno de Filipe III, polo que cabe comprender a gravidade do mesmo e que se lle concedese un beneficio fiscal á cidade. Nese último incendio arderon 262 edificios, entre os cales estaban varios pazos, o hospital de San Cristovo, o convento de San Francisco e a igrexa de Santa María do Azougue. Diferentes sectores da cidade mobilizáronse para obter as concesións das reconstrucións e refacela.